O PPdeG avisa ao PSOE de que os resultados de xerais e locais non son extrapolables ás autonómicas

El secretario general del PPdeG, Miguel Tellado. / Wikipedia
El secretario general del PPdeG, Miguel Tellado. / Wikipedia

"Escoitando a Gonzalo Caballero calquera podería pensar que o PSOE gañou as eleccións en Galicia, e non foi así”, subliña Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

O PPdeG avisa ao PSOE de que os resultados de xerais e locais non son extrapolables ás autonómicas

Tempo de reflexión no PP de Galicia. O seu secretario xeral, Miguel Tellado, xa avanzou na Radio Galega que este martes se reunirá a dirección do PPdeG para analizar e reflexionar sobre o acontecido nas eleccións municipais. “Temos convocado para este martes un comité de dirección do Partido Popular de Galicia que virá continuado de xuntas directivas provinciais, a primeira en Pontevedra, a seguinte na Coruña, logo en Lugo e posteriormente en Ourense, para analizar os resultados a nivel provincial”, dixo Tellado.

Tralos resultados das dúas citas electorais, e de cara ás autonómicas, Tellado insiste en que “non son extrapolables”. Asegura que a “dirección nacional do partido cometeu erros ou inxenuidades que xeraron dúbidas sobre o noso proxecto”, e coida que a cidadanía agarda do PP que "non mire ou trate de imitar a outras forzas políticas" e sexan sempre o que foron, indica, "un partido "moderado".

Aínda que Miguel Tellado insiste en que para as autonómicas falta “un ano e tres meses”, o número dous do PPdeG recoñece que teñen que “seguir traballando agora xa coa vista posta na preparación dunhas eleccións autonómicas” pero que en todo caso “será unha cita electoral ben distinta a esta”. Para o secretario xeral do PPdeG, o seu partido ten que reflexionar sobre o que fixeron ben e o que fixeron mal. Admite que “non coseguimos os resultados que agardabamos”, cualificounos de “cativos para o Partido Popular de Galicia” pero doutra man dixo que nos “vemos na obriga de poñer en valor os resultados porque escoitando a Gonzalo Caballero calquera podería pensar que o PSOE gañou as eleccións en Galicia e non foi así”, subliñou.

Miguel Tellado sostén que as municipais “se viron moi marcadas” pola proximidade coas eleccións xerais e falou de “onda favorable” ao Partido Socialista que se traduciu neste proceso electoral “cando ninguén o agardaba nesa intensidade”.

Ante a perda da maioría absoluta na Deputación Provincial de Ourense, Miguel Tellado di agardar “poder chegar a acordos que garantan o goberno do que gaña”. O secretario xeral do PPdega admite a plena liberdade para que Xosé Manuel Baltar negocie esa busca de apoios en Ourense coa tese –apunta Tellado– de que “os acordos, canto máis cerca do territorio onde se fagan, mellor”. Entre os posibles apoios citou abertamente a Ciudadanos pero cun “hai outras posibilidades tamén” abriu a porta a outras formacións. Cuestionado concretamente por Democracia Ourensana, Miguel Tellado limitouse a contestar que “hai outras forzas coas que se pode sumar” e que “non hai que pechar portas a nada”. Seguidamente, Tellado dixo que contan iniciar conversas “a partir da semana que vén” e considera que “hai posibilidades ben de manter o goberno en minoría ou de acadar un acordo político con outros”.

Tellado segue sostendo que nos concellos debería gobernar a forza máis votada e mesmo di que non lle “parece democrático que forzas que perderon as eleccións, aliándose entre todas, consigan arrebatar” gobernos a quen gañou. Unha tese que na súa opinión non contradi o que quere facer o PP en Madrid –tanto no concello como na Comunidade– porque “nós temos a mesma lexitimidade que o Partido Socialista” para negociar con outros apoios mentres non haxa outra norma. E é que para o popular habería que “chegar a un acordo e un consenso para cambiar a normativa para que gobernen os que gañen e non os que perden, uníndose”.

O día despois da dimisión de Elena Muñoz como presidenta do PP de Vigo, Tellado recoñeceulle á ata agora líder da oposición a Abel Caballero o seu “traballo”, “dedicación” e “capacidade” e mesmo dixo que “o Partido Popular está en débeda” con ela polo seu labor estes anos. Para Tellado, a renuncia de Muñoz foi unha “demostración clara da súa responsabilidade fronte ao resultado acadado”. Agora, para o número dous do PPdeG, “o fundamental é retomar a normalidade da vida do partido canto antes” e para iso se constituirá unha “comisión xestora que durante un período de tempo estableza as condicións necesarias para convocar un congreso con tódalas garantías”.

Para Miguel Tellado, nas xerais recibiron "esa chamada de atención" e houbo reacción do partido de cara ás municipais e iso se notou. Ademais de “non extrapolables”, para Tellado tampoco son “comparables” as eleccións en distintos ámbitos electorais. Para Tellado, nas autonómicas o debate será sobre “que Galicia queremos” e aí confrontou a proposta de “estabilidade” de Núñez Feijóo fronte a outras posibilidades que ofrezan os partidos da oposición.

O número dous dos populares galegos asegura que “temos por diante o reto de defender os intereses da comunidade ante un Goberno, o de Pedro Sánchez, o Goberno socialista, que ao longo dos últimos dez meses non demostrou especial sensibilidade con esta comunidade”. Para reforzar ese argumentou puxo como exemplos o que deu en chamar “agravios” de Pedro Sánchez coas industrias electrointensivas, centrais térmicas, o sector da automoción e mesmo “parálise” do naval público. @mundiario

O PPdeG avisa ao PSOE de que os resultados de xerais e locais non son extrapolables ás autonómicas
Comentarios