Buscar

O porto exterior da Coruña non levanta cabeza pero xera percebes

Trátase dos percebes que se crían nos grandes bloques de cemento que conforman os rompeondas dos peiraos, e son excelentes.
O porto exterior da Coruña non levanta cabeza pero xera percebes
Panorámica do Porto Exterior da Coruña. / puertocoruna.com
Panorámica do Porto Exterior da Coruña. / puertocoruna.com

Antón Luaces

Periodista.

​Este mércores foi entregado á Autoridade Portuaria da Coruña un novo espazo gañado ao mar no porto exterior de Punta Langosteira. Trátase dun novo peirao de 350 metros de longo e una explanada de 40.000 metros cadrados, co que se conforma unha liña de atraque contínua de 1.560 metros, con calados que chegan ós 21,85 metros. 

Dende a súa entrada en servizo, Punta Langosteira -ubicada no concello de Arteixo- acadou os 10,4 millóns de toneladas de mercadorías cargadas e descargadas, cifra que, nen moito menos, sería a resposta máis axeitada a un investimento económico de perto de 900 millóns de euros realizado só nas obras de construción do porto.

Dado este investimento máis que significativo e o escaso rendemento que se tira del, hai sen embargo o que se podería cualificar de intanxibles -que non son tal na realidade- que deberían contar tamén á hora de facer contas. Porque se ben algunhas das grandes empresas e negocios que se dixera -tanto por parte da Xunta como pola da propia Autoridade Portuaria coruñesa- que ían dispor de espazos e actividade propia nese Porto Exterior, o certo é que son ata o de agora mínimas as respostas e que a entidade portuaria non é quen de pór remate ós gatos xerados por unha obras que non dan rematadas nen se albisca cando poden rematar.

Pero, iso sí, en Punta Langosteira están a producirse fenómenos cos que nunca se contou  nen antes, nen durante, nen dempois das obras: Langosteira e o seu porto exterior rivalizan con zonas percebeiras recoñecidas mundialmente, como son as do Roncudo, cabo Ortegal, Aguiño, cabo Silleiro, Cedeira, etc. Sí, os percebes que se crían nos grandes bloques de cemento que conforman os rompeondas dos peiraos son excelentes. É a versión do que acontece na zona, relatada polos propios mariñeiros que agora faenan alí e ós que xa comezan a poñer pegas os servizos de vixilancia da Autoridade Portuaria, que non queren velos por alí. Son os mesmos mariñeiros que, dende a súas embarcacións, controlan a incesante actividade depredadora de inmensas mandas de atúns dun peso aproximado de entre 400 e 500 quilos por unidade que ninguén pode capturar porque, neste momento, é unha especie vedada pola Secretaría General de Pesca.

É dicir: diñeiro público investido nas obras de construción dun porto exterior cuxo rendemento económico nen moito menos se corresponde co esforzo inversor dedicado a tales obras e, por outra banda, cando se pode extraer dese porto lento comecartos un beneficio natural, non se autoriza a extracción de percebe nen a captura de atún por unha ou outra circunstancia. Como se pode comprobar, na conquista do espazo sempre gañan os engadidos. @mundiario