Ana Pontón, moi carismática, non esperta o rexeitamento do electorado popular

Ana Pontón. / RR SS
Ana Pontón. / RR SS
Análise do 12-X en Galicia, co PP batendo todos os récords: 11/11 comicios desta índole gañados e oito maiorías absolutas. Se a XI lexislatura transcorre con normalidade, gobernará en 2024 trinta e sete dos corenta e tres anos de autonomía.
Ana Pontón, moi carismática, non esperta o rexeitamento do electorado popular

Será difícil discernir que ocorrerá políticamente en Galicia (e no conxunto de España) en 2024. Se ben o PPdeG parte cuns cimentos moi sólidos, non é menos certo que agora os conservadores perderon a baza do medo ao multipartito, teñen 56.968 votos menos que en 2016, están minguados a nivel local máis non forman parte do Goberno central, corren o risco de desgastarse cando sumen quince anos na Xunta (lembremos o que lle sucedeu a Fraga en 2005) e teñen enfronte a unha lideresa (Ana Pontón) moi carismática e que non esperta o rexeitamento do electorado popular cara á figura de Beiras cando era líder do BNG e logo da extinta AGE.

O 12-X o PPdeG volveu gañar unhas eleccións autonómicas (41/75 e 48% dos votos), coma sempre en Galicia. Este partido está batendo todos os récords: 11/11 comicios desta índole gañados, oito maiorías absolutas e, se a XI lexislatura transcorre con normalidade, gobernará en 2024 trinta e sete dos corenta e tres anos de autonomía. Á parte do control dalgúns medios privados e da CRTVG, da gran implantación territorial do PP e mais da natureza sociolóxica centrista e non nacionalista da media dos votantes galegos, as claves do éxito foron: a enorme solidez interna desta organización, a rendibilidade mediática na xestión da Covid-19, o seu enfoque presidencialista, a difuminación das siglas do PP (con intención de disocialo do dereitista Casado), a imaxe de home de Estado e de bo xestor transmitida por Feijóo, o seu discurso centrista (alonxado de Génova 13), o galeguismo sensato e a querencia a Galicia profesadas en público…, sumados ao medo ao caos que suporía un goberno formado por dez partidos (PSdeG-PSOE, BNG, CxG, PG, En Marea, Podemos, IU-EU, Anova-IN, confederación de mareas locais e Equo).

O BNG tivo un resultado tan ilusionante como agridoce. Non conseguiu o obxectivo de desbancar a Feijóo do poder, mais si o de liderar a oposición quince anos despois e cun resultado récord de escanos para os soberanistas (19/75 máis un 23,8% dos sufraxios). A diferenza de Caballero, Pontón fixo un discurso máis humilde e respectuoso, centrado máis no seu proxecto para Galicia e sen ningún tipo de dependencias exteriores, antepoñendo a cuestión social á nacional e aproveitándose da desfeita no seo da esquerda alternativa non nacionalista. En contraste con estes últimos, hoxe o BNG é un partido sólido que transmite seriedade a moitos galegos.

En diante o reto dos independentistas será -sen renunciar aos seus principios- atraer a votantes galeguistas do PSdeG e, sobre todo, a abstencionistas e simpatizantes moderados do PPdeG. Pois se os populares perden votos e se os de azul celeste (BNG) reciben novos sufraxios, San Caetano perigará para os azul escuro (PP).

Pola súa banda, o PSdeG - PSOE (15/75 e 19,38% dos votos) fixo unha campaña moi mellorable estratexicamente: os seus constantes fracasos nas autonómicas -que contrastan coas vitorias (europeas e xerais do 28-A) e doces e pírricas derrotas (locais e xerais do 10-N) de 2019 en territorio galego- merecen unha análise á parte e, cremos, unha profunda reflexión por parte dos seus líderes.

Se ben é certo que este partido non ten o poder que ostenta o PPdeG, os erros de campaña foron notables por parte de Gonzalo Caballero: escaso enfoque público nos proxectos económicos de país (nas súas aparicións públicas centrouse en exceso na defensa do Estado de Benestar e apenas fixo referencia a como xerar riqueza); sucursalismo acrítico e maniqueísta amosado na ausencia de reproches ao Goberno central (Sánchez é moi bo e Feijóo, moi malo); ligar a mellora de Galicia ao feito de gobernar o PSOE en Santiago de Compostela ou Madrid (cando moitos galegos asocian este partido coa escasa querencia e compromiso cara á Galicia); o feito de mentir sostendo que Feijóo perde cada día 20.000 votos, mentres as enquisas diariamente lle daban maioría absoluta ao dos Peares (como así sucedeu); a súa arrogancia (estaba convencido de que a esquerda sumaría maioría absoluta e que el sería a primeira forza vermella, pero ningún destes feitos sucedeu) e a miopía política amosada en campaña afincada en que, se as candidaturas esquerdistas obtiveron o 55% dos votos nas xerais do 10-N, isto significaría maioría social progresista nas autonómicas.

As grandes perdedoras da noite foron GeC-Anova-Mareas e Marea Galeguista (MG), que non obtiveron ningún escano (3,93% e 0,22%, respectivamente). Ambas foron penalizadas polas súas liortas internas e polo feito de ter unha escasa estrutura organizativa no conxunto de Galicia; foron vítimas da auxe electoral do BNG e pagaron o caos de siglas existente dende 2012 (entre partidos, correntes, candidaturas, grupos parlamentarios e seccións de grupos parlamentarios), que acabou mareando -nunca mellor dito- ao electorado de esquerda galeguista: Encontro Irmandiño, AGE, En Marea (partido), En Marea (coalición), Podemos, IU, Equo, Cerna, ecogaleguistas, Anova-IN, FPG, distintos nomes das mareas locais, Unidas Podemos, Unidos Podemos, En Común, Galicia en Común-Anova-Mareas, Marea Galeguista, grupos mixtos no Hórreo de xente desta órbita ideolóxica na IX e X Lexislatura, etc.

No caso dos primeiros hai que sinalar tamén o escaso tirón electoral de Gómez-Reino máis o declive en apoio popular ao pablismo podemita no conxunto de España.

No que respecta a MG, o feito de que os tres partidos que a formaron (CxG, En Marea e PG) non teñen nin líderes coñecidos nin matrices estatais reflectiuse no resultado, a pesar do protagonismo mediático na campaña polo feito de que MG herdou a marca electoral da vella En Marea. Marea Galeguista rematou por debaixo do PACMA, que obtivo un 0,46% de apoio e, por tanto, segue sen obter representación institucional en España.

Con políticos pouco coñecidos e con moi escasa presenza orgánica en Galicia contan tamén VOX e Ciudadanos (2,03% e 0,75% dos sufraxios, respectivamente), os outros perdedores desa noite, ao non obter tampouco ningún escano. O voto útil ao PP, en ambos casos, máis o posicionamento extremista (no caso da formación verde) xogaron tamén en contra destas organizacións. @mundiario

Comentarios