Pontevedra en América. Unha mirada en feminino achégase a Vilagarcía

Unha mirada en feminino. / Mundiario
Unha mirada en feminino. / Mundiario
Esta exposición da Cátedra Iberoamericana da USC e da Deputación de Pontevedra programouse para percorrer O Grove, Vila de Cruces, Vilagarcía, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Redondela.
Pontevedra en América. Unha mirada en feminino achégase a Vilagarcía

O proxecto cultural Pontevedra en América. Unha mirada en feminino achégase a Vilagarcía de Arousa este vernes 26 de agosto. Ás 12 horas abrirá unha mostra, que se pechará o 18 de setembro, nos Xadíns de Ravella, e de seguido terán lugar dúas conferencias.

Esta exposición da Cátedra Iberoamericana da USC e da Deputación de Pontevedra programouse para percorrer O Grove, Vila de Cruces, Vilagarcía, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Redondela.

A mostra exponse en catro cubos que presentan tanto os obxectivos da exposición como as biografías e fotografías das trece mulleres protagonistas. En Vilagarcía, María Xosé Porteiro –tamén colaboradora de MUNDIARIO– e María Antonia Pérez afondarán na vida de María Araúxo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde.

Pontevedra en América. Unha mirada en feminino pon en valor a historia das mulleres da e na emigración, rescatando a súa experiencia e devolvéndolles o protagonismo que lles corresponde. Arrancou o 31 de marzo no exterior do Pazo provincial en Pontevedra.

Son trece mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araúxo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión.

O obxectivo é contar a parte invisibilizada da historia da emigración, a das mulleres

Xa que logo, a mostra presenta a mulleres nadas na provincia de Pontevedra que emigraron, ou nadas na emigración pero cunha orixe pontevedresa, que xogaron "un papel fundamental e imprescindible, aínda que invisibilizado", completando así a historia da relación entre Galicia e América, segundo Carmela Silva, presidenta da Deputación pontevedresa.

O obxectivo, tal e como explica directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, é “contar a parte invisibilizada da historia da emigración, a das mulleres”.

“Sempre se conta o papel tan relevante, recoñecido e admirado, dos homes, pero o certo é que houbo mulleres, que foron piares fundamentais e encabezaron casos de éxito na emigración, e nunca se lles recoñeceu”, subliña esta profesora de economía e colaboradora de MUNDIARIO.

“Non é de recibo –engade María Cadaval– que nesta provincia non se coñeza a grandes mulleres que fixeron historia e son moi importantes para o desenvolvemento da vida económica, social e persoal”. @mundiario

Comentarios