Buscar

As Pontes é a industria máis contaminante de Galicia e tamén a primeira de España

A pasividade gobernamental e en concreto a autonómica respecto ao tema da contaminación foi sempre manifesta. Tivo que vir a UE a aplicar nova lexislación máis ríxida para aminorar algo a contaminación. Agora, con gobernos miopes e pasivos, a compañía Endesa vai o seu.
As Pontes é a industria máis contaminante de Galicia e tamén a primeira de España
Manuel Morán, Borja Prado, Alberto Núñez Feijóo, Valentín González Formoso e José Ribelles, en Endesa As Pontes. / Mundiario
Manuel Morán, Borja Prado, Alberto Núñez Feijóo, Valentín González Formoso e José Ribelles, en Endesa As Pontes. / Mundiario

Firma

Ramón Varela Díaz

Ramón Varela Díaz

El autor, RAMÓN VARELA DÍAZ, es colaborador de MUNDIARIO. Es catedrático de Biología y Geología, y doctor en Biología. Fue presidente de la asociación ecologista Adega. @mundiario

Con gobernos miopes e pasivos, a dirección de Endesa vai o seu. Nun  comunicado desta firma a CNMV  o 27 de setembro a eléctrica afirma  que  vai  “promover la discontinuidad de la producción de sus centrales térmicas de carbón en la Península, de conformidad con los trámites y procedimientos legalmente establecidos, y evaluar opciones de futuro en dichos emplazamientos”.  Está a referirse as centrais térmicas de As Pontes e Litoral en Almería. Ante esta noticia convén ter en consideración o seguinte:

Primeiro, As Pontes é a industria máis contaminante de Galicia  e tamén a primeira do Estado español, ocupando o posto número 17 na Unión Europea. Está en funcionamento dende o ano 1976-79  con catro grupos que suman 1400 MW de potencia e asentouse aquí para aproveitar o lignito pardo da mina próxima a ceo aberto (máis de 2500 Ha) que xa esgotou fai anos e para vender electricidade  a outra gran empresa do norte de Lugo. 

As súas emisións (por unha cheminea de 356,5 m) de gases de efecto invernadoiro e acidificantes, gases que afectan a capa de ozono, partículas, metais pesados. Só son comparables a grandes xigantes contaminantes de Alemaña e Polonia e están moi por riba de calquera industria do Estado. Os galegos sufrimos  durante anos problemas ambientais e choiva ácida causados pola emisión de máis de 500.000 toneladas de dióxido de xofre/ano  (541.229 no ano 1992) e algo ou bastante  menos ao realizar a empresa varias modificacións impostas pola Normativa Europea. A pasividade gobernamental  e en concreto a autonómica respecto ao tema da contaminación foi sempre manifesta, tivo que vir a UE a aplicar nova lexislación máis ríxida para aminorar algo a contaminación.

A Central Térmica de As Pontes  emitiu  no ano 2018 un total de  7,94 millóns de toneladas de gases invernadoiro CO2-eq. - datos da Oficina Española do Cambio Climático- e  dúas instalacións térmicas As Pontes e Meirama emitiron 10,18 millóns de toneladas equivalentes de CO2 (dióxido de carbono) dun total galego do comercio de emisións de 15,5 millóns. Ambas representaban o 65,5% do total emitido no comercio citado e significaban aproximadamente a terceira parte de todas as emisións galegas por todas as fontes ( industria, transporte, servizos, agricultura, pesca...). 

Nun artigo da miña autoría e publicado en MUNDIARIO en xuño 2019 con datos do 2018 e con relación ao cambio climático e as emisións de gases de efecto invernadoiro escribia:  Galicia co 5,6% das instalacións no comercio de emisións, xera o 12,2% das emisións do España, un ano máis a xeración eléctrica, a industria de alumina-aluminio e a fabricación de ferraxeiros son as grandes emisoras.  Outro artigo tamén do mes citado  afirma : A gran maioría da poboación da provincia de A Coruña respirou no 2018  aire contaminado . Galicia ten unha contaminación moi superior a que “teórica e comparativamente co resto do Estado” lle podía corresponder por poboación, extensión xeográfica (km2), grado de industrialización, nivel de desenvolvemento e nivel de vida,valores de PIB ... non so referida a partículas senón a outros contaminantes como ozono troposférico, metais pesados, naftaleno, benceno, dióxido de xofre, dióxido de carbono...A Coruña, Santiago e Ferrol presentan valores dentro da lexislación pero están moi por riba do nivel saudábel que recomenda a OMS e polo tanto con contaminación importante e risco para a saúde, situación que non é de agora ...

En Galicia pódese estimar que máis de 3.000 persoas/ano terán morte prematura causada pola contaminación (case 1.300 na Coruña) e seguirán dándose problemas de saúde. De seguir así a situación acentuarase dándose máis desequilibrios e problemas nos ecosistemas (pragas, diminución da produción...) que repercutirán economica e socialmente. Conseguir que a atmósfera que respiramos estea dentro dos límites recomendados pola OMS – lexislación máis ríxida- serviría non so para para reducir entre o 30 e o 50% algúns tipos de cancro senón tamén para contribuír a recuperar o equilibrio do medio ambiente. 

Segundo, en decembro do 2018  Endesa anunciaba  o peche das térmicas de carbón de Compostilla  e Andorra-Teruel e agora apura  e “promove unha descontinuidade”   en As Pontes e Litoral en Almería. Mentres a solicitude de peche das dúas primeiras centrais citadas  ia en paralelo cuns plans de futuro que respectaba os postos de traballo de 166 empregados no caso da central térmica de Compostilla e 153 en Andorra  aquí  descoñecese o futuro. En Compostilla e Andorra vai instalar ate 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica na zona (inversión de  800 millóns de euros) e  300 MW en Ponferrada ( inversión de 240 millóns).   Nada de isto se apunta para As Pontes. 

A discriminación  de Endesa con Galicia  vai máis alá, aquí  nin puxo data de peche nin tampouco de desmantelamento  o único que di o comunicado do  Consello de Administración de Endesa é que  vai “avaliar opcións de futuro”.  Solo falta que teña en consideración e estude algunhas das medidas descavilladas que propoñen nos medios de comunicación algúns afectados -queimar lodos de depuradora, lodos gandeiros, biomasa... de novo volveriamos  a contaminación de partículas, metais pesados, gases invernadoiro e acidificantes.. - ou o que propoñen algúns políticos do PP– seguir funcionando  - , seguro que Endesa ten ben claro o que pretende e non necesita novas ideas. As renovables son a alternativa e hoxe de gran rentabilidade, pero debemos saber que non serve calquera renovable  nin de calquera forma -como a eólica en moitos lugares do noso país-.

Terceiro, quen pecha a central  é a propia empresa Endesa  por criterios económicos de rendibilidade. As multinacionais veñen con vantaxes dos Gobernos para instalarse e queren “promover a descontinuidade” sen nada a cambio e sen contar co benefactor. Os grupos políticos  nos  Gobernos – autonómicos e central– presentan  unha miopía e pasividade incríbel, nunca esixen as grandes empresas plans de peche e de futuro, e alternativas que contemplen os postos de traballo e novos empregos.   Descoñecian os proxectos  presentados por Endesa ?, Será demasiado obrigar a empresa a formular un Plan de Futuro alternativo  con inversións adecuadas  en consonancia cos grandes beneficios que obtiveron desta central e que  conserven os postos de traballo?

O peche de As Pontes dende logo é ben merecido por méritos propios,  case 50 anos de gran contaminación non é pouco. Quédanos a débeda histórica, a problemática ambiental e a espera de que Endesa faga o mesmo que en  León e  Teruel, sen despidos e  alternativas  de renovables como a fotovoltaica. Non dirán que nas Pontes non teñen espazo para instalar os paneis, mesmo poden utilizar o lago artificial que fixeron no lugar da mina  e ser de novo pioneiros.  

 Por si alguén ten dúbidas do que emite  As Pontes, vexamos  as emisións atmosféricasde 24 contaminantes:

Emisións de Endesa en As Pontes en 2017.