"A política que se está a facer na Coruña é a do amiguismo", denuncia Beatriz Mato

Beatriz Mato. / Mundiario
Beatriz Mato. / Mundiario

A candidata do PP á alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, coida que a súa cidade ten un goberno paralizado. Tamén denuncia conflictos e problemas de xestión no Concello coruñés.

"A política que se está a facer na Coruña é a do amiguismo", denuncia Beatriz Mato

A ex conselleira Beatriz Mato, agora candidata do PP á alcaldía da Coruña, constatou na TVG que a súa cidade ten un goberno paralizado no que "a política que se está a facer é a do amiguismo". Tamén alertou de conflitos e problemas de xestión no Concello coruñés. "A política que están a realizar está vencellada ao amiguismo. Un exemplo é a da asociación que queren que xestione o edificio do cárcere", dixo. 

"O actual Goberno ás veces non sabe nin cumprir as normas. Non pode ser que saque un concurso e que incumpra a lei. Hai unhas normas que hai que seguir", dixo a candidata. "Se se fai un concurso para mercar seis vivendas, que esa é toda a súa política social, para darlle ás familias con problemas, son vivendas de 50 metros e non locais comerciais propiedade dun amigo da Marea", salientou Beatriz Mato. 

"Calquera que estea na Administración sabe que se teñen que cumprir as normas. Non se pode poñer nun concurso un condicionante segundo a condición sexual", dixo a candidata do PP. "O Goberno municipal –lembrou– volveu ratificar preto de 160 prazas de comisións de libre adxudicación, e esas prazas son irregulares despois de dous anos, só teñen 2 anos de vixencia". "É unha falta máis de xestión".

O porto e o futuro da Coruña

"O que hai que facer co porto é decidir entre todos o que queremos facer aí. É un tema de máxima relevancia. Non se poden xerar artificios con ese tema", propuxo Beatriz Mato. "A cidade ten que espertar e ten que moverse xa. O Goberno está paralizado e é importante espertalo. Non hai que facer extraordinario o cotián. "Temos que crear un proxecto que garanta a cohesión social, a igualdade de oportunidades, que poña A Coruña como un referente no emprego", declarou a candidata do PP.

"Practicamente, dedícolle todo o meu tempo á miña responsabilidade, que é dicirlles aos coruñeses que son a mellor opción para gobernar a cidade da Coruña co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e situar a cidade como referente no marco europeo", comentou tamén Beatriz Mato. 

"Fai falta o tempo –explicou–, porque é necesario para todos. Eu teño que coñecer o máximo posible, e por boca dos coruñeses, o que precisan barrio por barrio. Tamén para coñecer todos os sectores destacados na nosa cidade. Hai que ter unha perspectiva 'macro' da cidade. Eu necesito ese tempo para que me coñezan e para construír o proxecto de cidade compartida". @mundiario

Comentarios