¿Unha plataforma soberanista de centroesquerda aliada ao BNG para as galegas de 2020?

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario

A volta do BNG ás Cortes do Estado, con case 120.000 votos (26.000 máis ca en abril) ten o mérito indubidábel de superar o ferreño marco estatal (crise catalá, total falla de presenza nos media estatais…) no que se desenvolveron as eleccións.

¿Unha plataforma soberanista de centroesquerda aliada ao BNG para as galegas de 2020?

En Marea, CXG e outros grupos locais no mesmo espazo haberían converxer canda milleiros de independentes nunha plataforma para concorrer en alianza co BNG ás nacionais de 2020. No futuro esta plataforma podería ser a base dun novo partido, que constituiría unha alianza electoral estábel co BNG.

A volta do BNG ás Cortes do Estado, con case 120.000 votos (26.000 máis ca en abril) ten o mérito indubidábel de superar o ferreño marco estatal (crise catalá, total falla de presenza nos media estatais…) no que se desenvolveron as eleccións e de lle pechar o camiño á representación parlamentaria de Vox. Galicia,  Euskadi, Nafarroa e Catalunya, son os territorios do Estado nos que os extremistas acadan menos votos. 

A este relativo suceso contribuiron o acerto táctico da dirección do BNG e máis o reactivamento das súas bases orgánicas. Mais tamén son evidentes as achegas exteriores: pacto político con CXG, renuncia de En Marea a se presentar, chamada ao voto de persoas antes vencelladas co BNG e En Marea... O voto ao BNG foi percebido como voto útil, mesmo como voto imprescindíbel, por milleiros de votantes alleos ao BNG.

O empate técnico entre PP e PSdeG e máis a diferenza na Galicia entre votos  progresistas e conservadores (54,4% fronte ao 43,1%) amosan ben alicerzadas probabilidades de acadar a precisa remuda na Xunta no 2020, substituíndo ao dependentismo e ineficacia do PP por un Goberno plural de progreso.  Unha remuda, porén, que non  está para nada garantida e precisará sempre de moita intelixencia e sentidiño.

Cun limiar mínimo do 5% para acadaren representación parlamentaria semella que non hai espazo para que os distintos sectores do soberanismo e do galeguismo alleos ao BNG poidan formular unha candidatura independente deste. Os tempos esixen unidade electoral para maximizar o pulo desta onda e converter o soberanismo nunha peza esencial da ecuación plural do futuro Goberno e non nunha mera achega secundaria.

Mais é factíbel alargar organicamente o BNG para recoller todos estes sectores? Nin factíbel nin, quizais, desexábel. Falamos de organizacións nacionais (En Marea, CXG) e locais de goberno- presente ou pasado. e de centos, senón milleiros de persoas independentes que pensan dende unha cultura política non oposta, mais si diferente  á da fronte nacionalista actual.

Ben farían estas persoas e organizacións en ser conscientes da súa irrelevancia por separado e da súa importancia por xunto converxendo nunha grande plataforma que puidera concorrer canda o BNG ás nacionais de 2020. Unha plataforma que tiuver por horizonte post 2020 a súa probábel conversión en partido de seu con capacidade de garantir na coalición soberanista resultante o espazo de centroesquerda hoxendía aínda refractario ao BNG. @mundiario

Comentarios