Plan Siberia gaña o concurso da canción do verán

Plan Siberia. / CRTVG
Plan Siberia. / CRTVG

“Chegou o momento” fíxose co galardón pola súa calidade e ritmo, fronte ás restantes aspirantes das que o xurado destacou tamén o nivel e variedade de estilos.

Plan Siberia gaña o concurso da canción do verán

Chegou o momento” é desde hoxe a canción do verán 2018 da Galega. Por segundo ano consecutivo, o músico e compositor Gabriel Blanco, artífice de Plan Siberia, fíxose co concurso ‘Este verán canta con nós’. Un galardón que sitúa este tema como a banda sonora da CRTVG durante toda a temporada.

Amais do premio económico de 1.000 euros, este tema pop indie cun son moi actual, terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia, da Radio Galega e nas súas redes sociais. Tamén pode escoitarse xa na páxina web da CRTVG.

A canción gañadora cativou o xurado practicamente por unanimidade pola súa “letra orixinal e suxestiva, o seu ritmo pegadizo, ademais tamén da súa calidade e produción musical”. O xurado, composto polo artista Luís Iglesia, pola xefa de Contidos da TVG, Montse Besada; por Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, e por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, valorou o alto nivel e orixinalidade dos temas presentados e agradeceulles a todos os concursantes a súa participación nesta iniciativa, que estaba aberta tanto a profesionais como a afeccionados.

Na primeira edición deste certame, Plan Siberia levou a “Xunto a ti” (2017) a converterse na canción favorita da Galega. Plan Siberia dá nome ao proxecto do pontevedrés Gabriel Blanco, de 31 anos, compositor cun amplo rexistro e con formación musical moi influenciada tamén polo seu paso por distintas agrupacións tradicionais. @galiciamundiari

Comentarios