O plan contra os incendios de Galicia é custoso, continuista e non resulta eficaz

Un incendio forestal. / Pixabay
Un incendio forestal. / Pixabay

A Xunta non asume que o problema dos incendios non é de medios económicos ou técnicos: non consiste en que vexamos máis helicópteros, avións, motobombas... isto só é propaganda. Un Pladiga para erradicar os incendios tiña que poñer o acento  en aspectos que hoxe nin se citan.

O plan contra os incendios de Galicia é custoso, continuista e non resulta eficaz

O Plan de Prevención  e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), elaborado pola Consellería de Medio Rural e presentando públicamente fai so uns días,  seguirá as liñas marcadas en anos anteriores con apenas lixeiros retoques, polo que deducimos que dende a Xunta están satisfeitos cos resultados obtidos no pasado na loita contra os incendios forestais. Ao  mesmo tempo no Pladiga 2019  informan das medidas e  orzamentos  adicados este ano  a loitar contra os incendios  –prevención  e ordenación das producións– dando a cifra de gasto anual de   175 millóns de euros, cantidade  repartida  entre Accións Preventivas e Infraestrutura Forestal – Programa 551B  dotado con 110,72 millóns de euros-  e  Ordenacións das Producións Forestais  - Programa 713 B con  65,13 millóns-.

O presuposto repártese en tres apartados:  a) Gastos de persoal 82.2 millóns de euros. b) Investimentos reais 38,1 millóns, e c) Transferencias de capital (a Sociedades públicas, Corporacións locais e empresas privadas )  55,4 millóns de euros. Comprenden axudas a creación e mellora de masas forestais con 25,86 millóns de euros, accións de prevención de incendios 20 millóns, subvencións e tratamento silvícola 8 millóns,  motobombas, estudos e traballos técnicos  5,1 millóns, restauración 2,1 millóns ...

A vista dos datos convén que nos preguntemos:

1. Onde está a rendibilidade do forestal? A venta de madeira representa anualmente da orde de 300 millóns de euros e no Pladiga indican que gastan 175 millóns de euros/ano  e mobilizan a máis de 7.000 persoas  incluído o exercito e abundantes medios aéreos, técnicos e informáticos modernos, todo para que Galicia sexa o primeiro  produtor de madeira do Estado. Quere dicir que  temos  unha gran rendibilidade cando gastamos o 58% do  que se obtén para  que non arda o monte?  

2. Quen paga a loita contra os incendios? Mentres os primeiros beneficiados  da riqueza forestal son os miles de propietarios de repoboacións forestais, é dicir, un grupo máis ou menos amplo de propietarios de monte, coa obriga  “teórica” de limpar, coidar e vixiar os seus montes, os gastos da loita contra incendios recaen no conxunto da poboación galega  - Orzamentos da Xunta-.

3. Quen é o beneficiario da política forestal? Son as industrias que transforman e exportan madeira e produtos transformados. As empresas de taboleiros e celulosa apenas aportan nada para a loita contra os incendios forestais, pero tampouco a administración o esixe. Nin sequera   transformamos dentro de Galicia o 20% da madeira serrada, o 30% dos taboleiros e chapas e menos do 1% da pasta de celulosa, ou o que é o mesmo Galicia vese obrigada a exportar para transformar fora o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e chapa e o 99% da pasta de celulosa sen contar a madeira en bruto que aquí non se utiliza que ronda o millón de m3. Non sería mellor que a Xunta invertera en cambiar esta situación  e potenciara a industria da segunda transformación  para cerrar ciclos aquí?

4. Un Pladiga privado? Se nos montes privados –comunais ou non– temos cultivos forestais  e unha gran riqueza madeireira, particulares e empresas que son os que extraen beneficios da madeira  tiñan que ter  un  Pladiga privado, un Plan proprio que correra co custo, ca organización e xestión e tiñan que responsabilizarse dos tratamentos selvicolas incluída a limpeza dos pinares e eucaliptais. Contarían  necesariamente con vixiancia para que non ardan os montes. A Administración non so podía esixirllo senón que tamén debía  sancionar a  quen tivese os montes abandonados  e con perigo de incendio.

Cómo se pode elaborar un Plan (Pladiga)  cando ano tras ano é un rotundo fracaso económico, social e ecolóxico. Un Plan que pretende loitar contra os incendios sen que estea centrado fundamentalmente na prevención,  sen potenciar a introdución do pastoreo no monte con gando ovino, caprino, bovino, equino... especialmente no matorral que é o que máis arde. Como  pretenden erradicar os incendios sen o cambio das actuais especies pirofíticas de repoboación a outras caducifolias que crean un ambiente húmido menos propenso ao lume, idóneas sempre pero aínda máis nun momento de cambio climático.   

Os incendios en maior ou menor medida son provocados intencionadamente  aínda tendo nos montes medios sofisticados  como drons –con cámaras térmicas e vídeo–- ou cámaras ópticas fixas de alta definición que cobren a metade da xeografía galega e gravan en tempo real, estes e outros medios técnicos non  impiden que neste ano xa tivésemos máis incendios que en todo o ano anterior. A Xunta non entende que o problema dos incendios non é de medios económicos ou técnicos, non consiste en que vexamos mais helicópteros, avións, motobombas... isto só é mercado e propaganda.

Un Pladiga  para erradicar os incendios tiña que poñer o acento  en numerosos aspectos que hoxe nin se citan como o aproveitamento diversificado do monte, a limpeza, coidado e vixilancia do monte arborado que se debe esixir aos propietarios, a ordenación do territorio e limitación de superficies de algunhas especies como os eucaliptos (como xa fixeron en Portugal) que aquí xa ocupa 600.000 ha entre masas puras e mestas , plantado hoxe ilegalmente en miles de hectáreas agrícolas, e iIniciar e/ou aumentar repoboacións con especies frondosas propias de madeira e froita (cerdeiras, castiñeiros, nogais...). Tamén é preciso rematar co incumprimento de normas e leis por parte dos propietarios dos montes e da mesma administración ...

Necesitamos  por enriba de todo  un Pladiga  diferente que persiga  e sexa forte e duro cos incendiarios para que  no futuro non faga falta un Pladiga. @mundiario

O plan contra os incendios de Galicia é custoso, continuista e non resulta eficaz
Comentarios