O PIB de Galicia cae menos que o do conxunto de España, lonxe da media da UE

Fernando González Laxe, José Francisco Armesto Pina, Patricio Sánchez Fernández e Santiago Lago Peñas. / Mundiario
Fernando González Laxe, José Francisco Armesto Pina, Patricio Sánchez Fernández e Santiago Lago Peñas. / Mundiario
A economía galega presenta unha contracción do PIB inferior á do conxunto de España: -6,2% fronte a -9%. O terceiro trimestre de 2020 caracterízase por unha achega negativa tanto da demanda interna (5,4 puntos porcentuais) como, en menor medida, a externa (8 décimas).
O PIB de Galicia cae menos que o do conxunto de España, lonxe da media da UE

Fernando González Laxe, José Francisco Armesto Pina, Patricio Sánchez Fernández e Santiago Lago Peñas, expertos do Foro Económico de Galicia, presentaron o Informe de Conxuntura Socioeconómica, o diagnóstico trimestral da economía galega. En resumen, o PIB de Galicia cae menos que o do conxunto de España, pero ambos lonxe da media da UE.

Despois da acusada contracción económica experimentada no segundo trimestre do ano, a economía galega experimentou un forte rebote no terceiro trimestre, que se explica en boa medida polo efecto estatístico da caída na base de referencia. Neste contexto, os datos intertrimestrais custa interpretalos e poden resultar enganosos; de xeito que o uso das taxas interanuais resulta preferible. Xa que logo, en termos interanuais, a economía galega presenta unha contracción do PIB inferior á do conxunto de España: -6,2% fronte a -9%. Ao tempo, cómpre salientar que esta caída do PIB continúa sendo máis acusada que a experimentado polo conxunto dos países da Unión Europea e da zona euros (-4,2% e -4,3%, respectivamente), así como das principais economías como Alemaña (-4%) ou Francia (-3,9%).

A automoción

En contraposición ao acontecido nos dous trimestres anteriores, o terceiro trimestre de 2020 caracterízase por unha achega negativa tanto da demanda interna (5,4 puntos porcentuais) como, en menor medida, a externa (8 décimas). O investimento é o compoñente que presenta a maior caída interanual (-9,2%), en tanto que o gasto das familias redúcese un 6,9%. Porén, todos os indicadores presentan unha peor evolución no conxunto de España, agás o gasto das administracións públicas. No que atinxe á demanda externa, o cadro macroeconómico reflicte que, tras unha caída superior ao 23% no trimestre anterior, tanto as exportacións como as importacións presentan un lixeiro incremento (0,9% e 2,4%, respectivamente). Se se consideran tan só as relacións comerciais con terceiros países, cómpre resaltar o espectacular crecemento da automoción, que contribúe a exaxerar a concentración sectorial e xeográfica.

Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado é que os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento que no conxunto de España, coa excepción do sector primario. Nos dous espazos, o subsector de comercio, transporte e hostalería e o das actividades artísticas, recreativas e outros servizos mantense como aqueles que presentan unha maior contracción. Porén, o maior diferencial entre as taxas de variación interanual rexístranse no caso das actividades profesionais, con caídas do 4,2% en Galicia e do 13,2% en España. Entre os grandes sectores a contracción menos intensa na economía galega prodúcese na industria manufactureira, cunha caída do 2,7% (4,9% no conxunto do Estado).

A competitividade

A pesar da leve mellora da competitividade relativa da economía galega, mantén a súa posición intermedia-baixa na clasificación das comunidades autónomas; sendo este comportamento moi dispar segundo os eixos considerados. En positivo, hai que salientar o capital humano (eixo 3), que presenta un crecemento considerado como intenso, en contraposición co entorno institucional (eixo 4) e a eficiencia empresarial (eixo 6) que caen de forma importante, presentando unha evolución tamén negativa o entorno económico (eixo 1). Entre os indicadores coas achegas máis positivas destaca a evolución da taxa de paro (eixo 2) e o abandono temperá do sistema educativo (eixo 3) en contraposición con aspectos nos que o Foro Económico de Galicia ven pondo de manifesto como a produtividade e custos laborais unitarios (eixo 6) e o número de patentes (eixo 7). Ao mesmo tempo, Galicia sitúase entre as comunidades autónomas coa menor a incidencia relativa da Covid na competitividade rexional.

Na conxuntura actual, o indicador que mellor reflicte a evolución da ocupación é o número de horas efectivamente traballadas. Novamente, o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais traballadores con xornada a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. Asemade, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres que no dos homes, así como tanto no conxunto de traballadores por conta propia, especialmente nos empresarios sen asalariados, como nas persoas por conta allea.

Taxa de paro

No extremo contrario, cómpre resaltar o incremento dos asalariados con contrato indefinido e os empregados no sector público. No que atinxe ao desemprego, a taxa de paro en Galicia situouse no 11,8%, tres décimas máis que no ano anterior, situándose esta porcentaxe no 16,3% no conxunto do Estado. Como aspecto positivo, cómpre insistir na importancia do descenso do número de persoas en situación de desemprego de longa duración (5,3% respecto ao mesmo período do ano anterior), de xeito que o número de persoas nesta situación de desemprego representa o 37,1% da poboación parada total, a porcentaxe a máis reducida nun terceiro trimestre dende o ano 2009.

A estatística de fluxos de entrada e saída do mercado de traballo, amosa unha importante medra da entrada de efectivos na actividade, que acada o valor mais alto nun terceiro trimestre dende a recuperación económica. O saldo neto dos fluxos de persoas en relación á actividade elévase ata os 33.500 efectivos, como resultado dun incremento do saldo neto dos fluxos relativos á ocupación, que se sitúan en 30.800 efectivos, o máis elevado dende o ano 2013, así como do mantemento do saldo negativo rexistrado no terceiro trimestre de 2019, que ascende a 2.800 efectivos (entran máis persoas no paro das que saen). @mundiario

Comentarios