A pesca galega suma as reducións de cuotas ás incertezas do Brexit no Gran Sol

Barcos de pesca en Galicia. / RTVE
Barcos de pesca en Galicia. / RTVE
Aínda así, o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, pavonéase cando dí que os resultados son "satisfactorios". Non tanto para Rosa Quintana, conselleira do Mar de Galicia, que os cualifica de cativos. O caso é que se produce unha redución do 5% nas capturas de pescada sur.
A pesca galega suma as reducións de cuotas ás incertezas do Brexit no Gran Sol

​A verdade é que non agardaba outra cousa. O Goberno de España, como ben se lembrará, anunciara días atrás a súa pretensión de enmendar o plan de cotas e actividade pesqueira formulado pola Comisión Europea (CE) para o ano 2021. Consideraba "lesivo" para os intereses de pesqueiras sensible, como é o caso da pescada sur (con Galicia como moi directamente afectada) tal formulación.

O ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, expresaba amáis o seu desacordo coas propostas de redución que afectarían a España. E dempois de 46 horas de negociación das cotas de pesca, hai sorrisos, satisfación e concordancias no senso de que se perde menos do que se esperaba e, polo tanto, se gaña.

O caso é que se produce unha redución do 5% nas capturas de pescada sur (Cantábrico, Golfo de Cádiz e Portugal); do 7% na pesqueira do linguado na zona VIII AB e dun 20% na zona VII C, caladoiro nacional; do 15% na cigala do Golfo de Cádiz, ou do 20% no ollomol (voraz do estreito), e o mesmo Goberno coida que conqueriron minorar os datos inicialmente presentados pola CE. Reducen, sí, pero menos do que pretendían e, dende logo, moito menos do que Galicia desexa.

A rebaixa supón amáis unha redución do 7,5% do esforzo pesqueiro no Mediterráneo. E aínda así, o ministro Luis Planas pavonéase cando dí que os resultados son "satisfactorios". Non tanto para Rosa Quintana, conselleira do Mar de Galicia, que os cualifica de cativos. Pero tampouco podía agardarse outra cousa: o satisfactorio era para un Goberno non "amigo". Se fora dos seus, outro galo cantaría. E viceversa, naturalmente, que aquí non se aplauden os "éxitos" dos contrarios.

Sustentabilidade medioambiental

Para España resulta básica a sustentabilidade medioambiental da pesca, sen esquecer a rendibilidade económica e social da frota como obxectivo, cuestión que segundo o ministro, íase debater no Consello. Xa se vé. Ten claro España que o modelo de avaliación da pescada sur en relación co Rendemento Máximo Sostible (RMS) fai necesario traballar  na mellora desta avaliación. Dende o ano 2020, todos os stocks  deben explotarse en concordancia co criterio do RMS, e España xa o conquerira mesmo un ano antes desa data. 

No caso de especies coma o linguado, badeixo ou cigala, España coida que non se dan as circunstancias que xustifiquen as reducións nas súas posibilidades de captura e quere que se manteñan as cotas actuais. A propia Comisión Europea admite a mellora dos recursos e a tendencia decrecente da presión sobre as pesqueiras do Atlántico e Mar do Norte. Aínda así, está á vista o resultado: nin caso.

O mantemento do mecanismo de flexibilidade intraespecies é un dos obxectivos do ministro español, por canto permite computar capturas accesorias ata un determinado límite contra as cotas doutras especies. Propúñase asimesmo España que o mecanismo de intercambio de cotas se inclúa na proposta final do regulamento porque permite proporcionar cotas para capturas accesorias  ós Estados membros ós que non corresponden. Quedaba por coñecer a proposta de capturas para o ollomol, especie para a que a proposta era de TAC cero, motivo polo que España formulaba a mellora desta pesqueira polo seu alto valor para a frota nacional, especialmente a de palangre de fondo, con aplicación de límites de capturas moi estritos e peches temporais en determinadas zonas que acadan a regulación da especie.

Plans de axudas

O ministro Planas valora a inclusión no Fondo Europeo Marítimo, Pesqueiro  e Acuícola (FEMPA) 2021-2027 das axudas para mellorar a eficiencia enerxética, a seguridade e as condicións laborais a bordo, unha das máis importantes demandas de España, porque afecta á hixiene e saúde dos traballadores nos pesqueiros e de remuda xeracional neste sector, amáis dos beneficios medioambientais. Preténdese tamén dar pulo ós Grupos de Acción Local Pesqueiros como ferramenta fundamental de apllicación da economía azul e o recoñecemento das Organizacións de Produtores como a principal entidade asociativa do sector produtor.

O FEMPA contará cun orzamento de 6.108 millóns de euros para o periodo 2021-2027. Desa cantidade, 1.120 millóns será a asignación para España, que será a maior na súa condición de Estado membro. A maior abundamento, quedan aínda os efectos asimesmo negativos do Brexit, con grandes incertezas para a frota de Gran Sol. @mundiario

Comentarios