Pesca e biodiversidade non se priorizan nos requisitos esixibles aos proxectos de eólica mariña

Eólica marina. / Pixabay
Eólica mariña. / Pixabay
Pesca e biodiversidade non se priorizan nos requisitos esixibles aos proxectos de eólica mariña

O Proxecto de Real Decreto do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco),   presentado o día 26/02/2024, vai regular a produción de enerxía eléctrica en instalacións localizadas no mar. No articulo 12 indican os requisitos e criterios esixibles  aos proxectos  de eólica mariña, pero  non figura aquí priorizar a protección dos caladoiros de pesca fronte a eólica, e o mesmo sucede coa biodiversidade. Unicamente aparece de forma abstracta a posibilidade de “compatibilidade” e “apoios” a usos diversos como a pesca . Estará referíndose a subvencións?    

O Tribunal de Contas  europeo  recoñeceu no seu momento que a Comisión UE non estudou ben o impacto da eólica mariña na pesca (recurso económico, alimentario, social, ambiental, emprego...) e chegou a ignorar ou minusvalorar aspectos fundamentais que afectan aos recursos vivos  e ao medio natural. Agora cometese o mesmo erro, plasmase no Decreto que predominarán os criterios técnicos de instalación e por exemplo no parque mariño localizado na Coruña-Cabo Ortegal que vai  ocupar preto do 40% de toda a superficie asignada  no Estado, non van ter en conta a pesca nin respectar os caladoiros .  Afastarán  os parques eólicos das áreas de pesca?. Son as subvencións a solución a perda de recursos alimentarios dos caladoiros?

Para orientarnos, vexamos o que si teñen en conta nos requisitos e criterios esixibles aos proxectos eólicos  no Real Decreto (artigo 12) : 

 a) Deseño do proxecto: rateo de ocupación do espazo, distancia a costa, número de muíños, contribución a  innovación, etc.

 b) Impacto medioambiental do  proxecto: medidas para minimizar o impacto medioambiental e paisaxístico, esixencias relativas a pegada de carbono  dos seus compoñentes ao longo do ciclo de vida, requisitos relativos a  utilización de materiais reciclados, etc.

c) Impacto socioeconómico: potencial de desenvolvemento industrial e económico, impacto no emprego local e sobre a cadea de valor industrial, contribución a  resiliencia, participación de pequenas e medianas empresas, medidas de compatibilidade con outros usos e actividades do medio mariño, como a pesca, o apoio directo a estes sectores, etc.

d) Desmantelamento : obrigación de desmantelamento ao finalizar a vida útil,...uso futuro alternativo ou eliminación das construcións,  etc.

 e)  Contribuír a  calidade e a seguridade do subministro eléctrico.  

 f) Impacto sobre a seguridade marítima, a ordenación e control del tráfico e as rutas marítimas, a salvagarda da vida humana no mar, incluíndo o salvamento, e la protección do medio mariño e a loita contra a contaminación .

No impacto medioambiental  non se cita o posible impacto das liñas de alta tensión que van dende  os aeroxeradores e logo a costa, nin  o impacto dos  apoios e tendidos en varios quilómetros en alta que discorren aéreas na terra e logo van a un nodo de conexión ( ignorase as servidumes de paso do cabreado submarino  e terrestre). Non se cita a esixencia dun estudo de impacto dos amarres dos muíños,  nin o estudo das afección para o medio físico e a diversidade biolóxica no leito mariño do cabreado...

As alegacións presentadas dende  o sector pesqueiro e social non se tiveron en conta no Real Decreto unha vez máis como sucedeu  nos “Plans de Ordenación do espazo marítimo das cinco demarcacións mariñas españolas” (Real Decreto 150/2023, de 28/02/23). O Goberno recoñece que estes plans identifican zonas onde o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e as enerxías do mar resulta máis idóneo a nivel técnico  onde non figuran ou non figuran como importantes os caladoiros de pesca, rutas de aves migratorias, biodiversidade de fondos mariños, afección na biodiversidade  por vibracións, ruido... , cambios na calidade da auga,  efectos do desprazamento dos peixes... 

Unha vez máis as eléctricas mandan e o Goberno cinicamente pregase e para gardar as formas “democráticas” adiantase a  unha situación problemática e contempla   no artigo 9  do Decreto unha fase de diálogo público-privado  onde os interesados pertencentes a sectores afectados polas instalacións renovables mariñas (non seremos todos?)  poden remitir en marzo comentarios ou propostas de mellora para  o deseño, construción, explotación e desmantelamento das instalacións, estes comentarios poden incrementar a sua compatibilidade con outros usos do mar, entre outros, o sector pesqueiro, a actividade portuaria ou a seguridade marítima...  Para que van servir?. Modificaríase a localización dos parques? Apartaríanse dos caladoiros?... Pero a pesar de todo o Goberno e as eléctricas teñen que saber  que estamos polas renovables,  pero así non. @mundiario

Comentarios