Buscar

Pérez-Lema require á Xunta que implemente ferramentas para normalizar o galego na xudicatura

Así o expresou este letrado e colaborador de MUNDIARIO nun acto conmemorativo do 35 aniversario da primeira sentenza ditada en galego.
Pérez-Lema require á Xunta que implemente ferramentas para normalizar o galego na xudicatura
Xoán Antón Pérez-Lema. / Xurxo Lobato
Xoán Antón Pérez-Lema. / Xurxo Lobato

Redacción

Análisis de @mundiario

No acto de conmemoración do 35 aniversario da primeira sentenza en galego despois de 1532, que se celebrou na Coruña, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, membro da Irmandade Xurídica Galega (IMXUGA) e colaborador de MUNDIARIO, denunciou o problema de base constitucional que sofre o galego. “Precisamos dunha reforma da lexislación constitucional e estatutaria que equipare galego e castelán en dereitos”, dixo o coruñés. É dicir, explicou “que determine a obrigatoriedade do coñecemento do galego para membros da Maxistratura, Fiscalía, persoas Letradas da Administración de Xustiza e funcionarias, así como para todos os operadores xurídicos de Galicia”.

Por outra banda, o tamen socio-director do Despacho Pérez-Lema Avogados e Consultores Pérez-Lema manifestou o “sentir xeneralizado das persoas sociais de IMXUGA” e requiriu á Xunta, por medio do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García –presente no acto– que traballasen con Vicepresidencia e coa consellería de Xustiza “dun xeito serio” nas “ferramentas informáticas e ofimáticas precisas para normalizar a lingua, esquecidas polo actual Goberno nos últimos dez anos”.

Ademais, tamén solicitou á “Administración do Estado en Galicia, nomeadamente ao delegado do Goberno, á delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria, á Dirección da Inspección de Traballo e Servizos Sociais, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e ao Instituto Nacional da Seguridade Social na Galicia” que incorporen “sen excusa ningunha” o galego nas súas tarefas cotiáns, salientando que o “nivel de uso do galego na Administración do Estado é vergoñento”.

Tamén exhortou Pérez-Lema á maxistratura –representada no acto polo Presidente do TSXG–, letrados da Administración de Xustiza, avogacía e procuradoría na Galicia a “reivindicar os dereitos lingüísticos da cidadanía e usar en todo lugar a lingua propia do país, de xeito amábel e cordial, mais teimudo”. Do mesmo xeito referiu que “a introdución da lingua na Maxistratura non habería ser difícil, pois moitas persoas da Maxistratura poden acadar praza neste País por mor do seu acreditado coñecemento do idioma e do dereito galegos”. @mundiario