Perdín o tempo todo que gastei en aprender o vocabulario das novas formacións políticas

Xosé Manuel Beiras. / La Tuerka
Xosé Manuel Beiras. / La Tuerka

A unidade popular só a tiña Beiras na cabeza e non tivo tempo de transmitírllela a outros. (...) A xente  (aquela de “o que quere a  xente”) foi toda ao fútbol,  á feira de Monterroso, á praia, ver orquestras nas festas... ou está aínda na épica de Martiño Noriega e non deu regresado a tempo de votar.

Perdín o tempo todo que gastei en aprender o vocabulario das novas formacións políticas

Estou apenada. Non é por unha perda social. Non, a desaparición da titularidade de dúas alcaldías, unha dunha Compostela denominada aberta e outra dunha marea atlántica, non me produciron nengún desacougo.

Tampouco  é por un dano familiar. É a perda que veño de sofrer por un tempo irrecuperábel. E, loxicamente, no presente, o tempo corre sempre en contra dos que non posuímos capital.

Perdín o tempo todo que gastei en aprender o vocabulario das novas formacións políticas que despois da vitoria esmagadora (polo menos así foi asumido polos protagonistas) das eleicións de hai catro anos, quedaron reducidas a fume.

O alcalde de Santiago, máis o da Coruña e o de Ferrol, deixan de selo e coa desfeita desaparece tamén o baleiro de contido (valla a contradición in se) das expresións con que se comunicaban coa cidadanía. Refírome a un montón de novos termos que antes non coñecía, e que, carecendo de significado para min, tiven que procurar entender para saber o que se nos quería dicer.

Algúns termos eran claramente despectivos, por exemplo “o Bloque: irrelevante”. O pior dos desprezos tan directos é que deixan ver unha implicación persoal: quen os exerce úsaos coa raiba de se querer reafirmar.

Foi común escoitar entre os membros das Mareas falar até encheren a boca da irrelevancia do BNG, do nacionalismo galego organizado, nunha formación tachada de irrelevante por fóra e por dentro.

O translúcido da cuestión é que se busca reforzar a posición do alevín mermando a importancia do adulto. É case unha actitude como a do rapaz que marcha enfadado da casa e fala mal da súa familia, sen se dar conta de que provoca en quen o escoita unha grande desconfianza da súa solvencia persoal.

Tamén aprendemos que se trataba dun proceso en construción: a construción acabou en deconstrución, por non usar destrución.

O espazo de confluencia deixou de se alargar hai tempo e non se sabe se aprofundou cara ao fondo da capa terrestre, xa que desde a tona non se aprecia.

O espazo de discusión  estendeuse tanto que foi quen de ir perdendo intervinientes por falta de acordo en algo.

O espazo de construción da alternativa está en “alter” pero non acadou a “nativa”.

A unidade popular só a tiña Beiras na cabeza e non tivo tempo de transmitírllela a outros.

O rupturismo non acadou o seu obxectivo porque cada quen turraba para o seu lado e non rachou nada.

O partido instrumental  ficou así como un instrumento partido sen chegar a ser útil de traballo.

A xente  (aquela de “o que quere a  xente”) foi toda ao fútbol,  á feira de Monterroso, á praia, ver orquestras nas festas... ou está aínda na épica de Martiño Noriega e non deu regresado a tempo de votar.

Debeu de pasar que os “actores” entretivéronse  en elaborar paseniñamente un outro “relato”  e non foron quen, por falta máis que nada de tempo, de garantir que o proceso e a imaxe necesaria do esforzo realizado acadasen no espazo de confluencia e coa intervención do instrumento partidario unha alternativa para esta nova etapa. @mundiario

Comentarios