Perder o medo, gañar confianza, tamén para o uso da lingua

O Galego en Xornal de Galicia.
O galego en Xornal de Galicia,
En pleno século XXI continúan os tópicos e estereotipos sobre a nosa lingua, tanto nas administracións como para que rapazas e rapaces manteñan o uso do idioma galego. E a corrente de retroceso de dereitos para as persoas que falamos unha lingua minorizada pretende levarnos ao inmobilismo no canto de potenciar a confianza precisa para mantermos a nosa instalación nela, mesmo en contextos de uso minoritario, como hoxe acontece na mocidade.
Perder o medo, gañar confianza, tamén para o uso da lingua

Comeza o mes de maio, o mes das Letras, o momento en que todo o mundo se lembra da nosa lingua. E non son bos tempos para o galego. Como para moitas outras cousas. O feminismo, por exemplo, ou o ecoloxismo, movementos que teñen unha gran capacidade de transformación social.

Vivimos nunha sensación permanente de que se provocamos mudanzas, se teimamos en avanzar nas nosas demandas para construír e legar un mundo máis xusto ás xeracións vindeiras, todo se moverá para peor. E, daquela, promovemos o inmobilismo.

Hai unhas semanas debatemos unha proposta no pleno do Concello de Santiago para impulsar cambios estruturais na política lingüística municipal. Nela incluïamos a actualización do Regulamento de Usos do Galego, que ten xa trinta anos. E a resposta foi xustamente por aí. Non o fagamos peor. Xa temos moito máis daquilo a que podemos aspirar hoxe en día. O mellor que nos pode pasar é que nada se mova.

Entre as cuestións que demandabamos figuraba unha para garantir os dereitos lingüísticos do conxunto da poboación e que respondía ás queixas da veciñanza: insistíase en que o Goberno local debía esixirlles ás empresas concesionarias de servizos públicos que garantan a atención e comunicación en galego para as persoas usuarias e o público de Santiago de Compostela. O resultado foi a abstención do PP e do PSOE.

O Día das Letras

Tentámolo despois cunha iniciativa moito máis sinxela. Realizar unha serie de actividades sobre o exilio (en chave nacional e local) con motivo de lle dedicarmos o Día das Letras a Florencio Delgado Gurriarán e crear un programa para a promoción e distribución do audiovisual en lingua galega. Escoitar como resposta que xa se estaba facendo e había actividades programadas como, un concerto!, dá boa conta de como todo o que teña que ver coa lingua e a identidade se mete caoticamente nun mesmo saco sen ningún tipo de criterio. Coido que non é preciso dicir, como afirmei no pleno, que eu a tope cos concertos. Mais, polo si ou polo non....

O resultado neste caso é que toda a oposición votou afirmativamente esta proposta do BNG. Mais o PSOE continuou absténdose, boa mostra do cativo compromiso coa lingua. Porque mesmo no caso de actividades turísticas que podían promocionar o uso da nosa lingua e cultura ocúltase o uso do galego cun prexuízo acomplexado. E este comportamento non favorece un turismo diferente e fai que quen nos visita poida entrar e saír da capital de Galiza sen saber que este é un país distinto, cunha lingua e unha cultura de seu. Levamos tempo solicitando promocionar un turismo cultural, baseado na nosa especificidade, na creatividade inmensa de que gozamos. Mais iso require outra ambición e unha aposta por desenvolver programacións que partan do noso, que exhiban con orgullo e sen medo as manifestacións culturais que se expresan en galego. Velaquí un valor acrecentado co que renunciamos a xogar.

Con tanto retroceso esquecemos deternos a cavilar que todo depende de ter confianza e tirar os medos. O recente libro Lingua, poder e adolescencia, de Miguel R. Carnota, dá a chave ao mostrar como aquilo que podería interpretarse como acoso ou bullying é atenuado polas persoas que protagonizan os diferentes relatos do volume. Así, podemos ler como continúan moitos dos tópicos sobre o uso da lingua e tamén como as mulleres se senten máis condicionadas pola norma social dominante e abandonan máis facilmente o galego. Non é casualidade que do grupo de persoas escollidas entre as que mantiveron a lingua en todo o momento non houbese ningunha muller, e que unha das que mudou de lingua fose irmán dun dos rapaces que aguantou a presión.

Referente e vangarda

Santiago, pola súa calidade de cidade universitaria, funciona como o espazo onde moita xente se lanzou a instalarse en galego. Son chave, para iso, a ruptura co mundo anterior e o inicio dunha nova etapa vital. Por iso Compostela ten que ser referente e vangarda en políticas lingüísticas. Santiago une e irradia.

Porque, para rapazas e para rapaces, ao final, cruzando conversas e contextos do estudo sociolingüístico de que falamos, chéirase o medo. Medo á diferenza. Medo á diversidade. Medo a nos manifestarmos como somos. Medo a que nos fagan traxes e nos convertan nun estereotipo.

Mais existe esta reacción porque saben que hai sectores importantes da poboación que non teñen medo, que non temos medo. E que temos que contaxiar máis e máis persoas co noso entusiasmo. Unha porcentaxe relevante das persoas entrevistadas por Miguel R. Carnota decidiron co paso do tempo facer do galego a súa lingua de instalación, todos e cada un dos 365 días do ano. Perder o medo, gañar confianza. Nesas estamos. @mundiario

Comentarios