O Pazo de Meirás voltará ser da Galicia que o pagou

Pazo de Meiras. / Mundiario
Pazo de Meirás.

O esforzo de historiadores, xuristas, avogados do Estado, políticos nacionalistas e activistas a prol da memoria histórica nos están a levar cara a recuperación do Pazo de Meirás, ilegalmente ocupado pola familia Franco.

O Pazo de Meirás voltará ser da Galicia que o pagou

A demanda xudicial reivindicando a propiedade pública do Pazo de Meirás que ven de presentar nos Xulgados d’A Coruña a Avogacía do Estado abre o camiño cara a devolución do Pazo á cidadanía galega, descendente daqueles nosos bisavós e avoas que o pagaron, quer co obrigatorio desconto dun día de soldo, quer coa doazón  “voluntaria”, obrigada polas ameazas e presións propias daqueles  tempos de morte e represión.

A Avogacía do Estado ven de demostrar de vez que o título rexistral da familia do vello ditador (unha compravenda do 1941 á que foi propietaria do pazo até 1938, Manuela Esteban Collantes) é nulo de pleno dereito por simulación. Porque o pazo xa non era dela. Porque vendérao perante Notario en agosto de 1938 á Xunta Pro-Pazo, que llelo ofreceu ao xeneral en decembro dese ano, aceptándoo de seguido o ditador.

Nulo o seu título de adquisición a propiedade dos Franco é ilegal. Porque a entrega gratuita do Pazo ao Xefe de Estado “de facto”, seguiu co destino do Pazo a fins públicos: Consellos de Ministros, audiencias oficiais, mantemento do Pazo con fondos públicos…así dende decembro de 1938 até novembro de 1975. A demanda está  ben alicerzada. O bó suceso xudicial é moi probábel.

Cómpre recoñecer o acerto do Parlamento de Galicia que aprobou unanimente requirir esta reivindicación patrimonial do Estado. Da pasada vicepresidenta da Deputación coruñesa Goretti Sanmartín (BNG) e dos seus expertos historiadores e xuristas, dirixidos polos profesores da USC Emilio Grandío e Xabier Ferreira. Dos expertos da Xunta que dirixiu o tamén profesor da USC X.M. Núñez Seixas. Da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Do investigador sadense Carlos Babío. Dos trece activistas do BNG actualmente investigados pola simbólica ocupación do Pazo, un feito que non constituiu delicto ningún e si emitiu unha potente mensaxe política. Da avogada xeral do Estado, Chelo Castro e do avogado-xefe do Estado en Galicia, Javier Suárez, que dirixen a equipa que descobriu a descoñecida escritura notarial de 1938 que agora alicerza a demanda e redactou  ésta. Todos eles van facer posíbel que Galicia recupere o que lle pertence.

Recuperado o Pazo para o patrimonio público cumpriría que o Estado llelo cedera dominicalmente á Xunta. Entón o Pazo xa sería noso, facéndose xustiza coas persoas galegas que foron desposuídas dos seus cartos e das  súas terras circundantes do Pazo en Meirás. @mundiario

 

                     

                  

Comentarios