As patacas, no Día das Letras Galegas 2022

Unha vella historia, unha viaxe a Coruña e unha pregunta. / Conto
O Monchiño naceu na Galicia do interior nos finais dos anos 50. Daquela no seu concello non se vía a televisión. Por non ver nin tan sequera se vía polas noites na súa casa nada, sen un candil de carburo.
A súa nai, viúva e xornaleira, tivo catro fillos, herdou una chabola pequecha e unha horta de pouco mais dun ferrado. Nesa guicha plantaba tódolos anos, patacas, e algunhas verduras.
Tiñan tamén na finca un par de cereixos, unha maceira, unha nogueira e media ducia de galiñas poñedoras.
O Monchiño era o pequeno dos irmáns, un rapaz sempre con fame, un omnívoro que o mesmo comía das cereixas, das mazás, que das noces as mais das veces, con un pouco de boroa; e nas festas, unha tallada de porco ou polo, pero iso si, que non faltara nunca o caldo da súa nai, feito con algo de unto, grelos ou repolos, e abondoso de patacas da súa horta.
O Monchiño era un comedor de patacas brancas, amarelas, ou marróns, o asunto era comelas de abondo para encher o bandullo. O Monchiño soñaba dia e noite cas patacas do caldo.
Unha mestra nova da súa escola, decidiu levar a varios nenos a Coruña a ver a cidade e o mar, nun xeito de facer excursionismo pedagóxico urbano e xeográfico, pois para todos eles, as cidades e o mar, eran uns grandes descoñecidos.
Despois dunha viaxe de mais de dúas horas, arribaron a capital da provincia, e unha vez alí, os nenos non sacaban os ollos das rúas e das altas edificacións, dos trolebuses, dos escaparates, e das moitas persoas que circulaban ao seu carón.
Chegaron camiñando ate a Torre de Hércules, e desde alí puideron veren o mar, que aquel día estábavos como un prato, de cor azul verde, e, moi, moi calmo...
Os picariños abraiados non daban abarcado o océano cos seus ollos.
O Monchiño, apampado, acercouse paseniñamente a profesora e díxolle con emoción temorosa na súa voz :
– Mestra, isto todo plantado de patacas estaría moi ben, non si?
A fame produce desexos poéticos, incluso na gastronomía. @mundiario