O Parlamento aproba o documento que redeseñará a política forestal de Galicia

José González, parlamentario del PP. / Mundiario
José González, parlamentario do PP. / Mundiario

PP e PSOE votaron conxuntamente a favor do texto, que contou coa posición en contra de En Marea e BNG. O deputado do PP José González foi o encargado de defender no Parlamento o ditame, que publica a edición GALICIA de MUNDIARIO.

O Parlamento aproba o documento que redeseñará a política forestal de Galicia

O Parlamento aprobou o documento que redeseñará a política forestal de Galicia. Votaron conxuntamente a favor do texto tanto PP como PSdeG - PSOE. Pola contra, contou coa oposición de En Marea e BNG. O deputado do PP José González, que foi o encargado de defender o ditame, coida que usan "a ideoloxía" para "non votar a favor dun ditame que saben que recolle as súas formulacións". Xa que logo, animoulles a sumarse ao criterio compartido por "tres cuartas partes" da Cámara, en referencia á alianza entre populares e socialistas. O resumo do ditame é recollido pola edición GALICIA de MUNDIARIO debido a súa relevancia. É o seguinte:

O proxecto de ditame que se aproba en comisión é un documento de máis de duascentas páxinas que, de acordo co Plan de Traballo da Comisión, estrutúrase en catro partes:

> Análise dos incendios acaecidos no período obxecto de estudo (2006-2017), con especial atención á vaga de incendios de outubro de 2017.

> Avaliación das medidas adoptadas na loita contra os incendios nestes anos e a súa efectividade.

> Causas dos incendios, distinguindo entre causas inmediatas e circunstancias que agravan as consecuencias dos incendios.

> Un total de 107 recomendacións.

Parte 1: Análise dos incendios acaecidos no período obxecto de estudo (2006-2017), con especial atención á vaga de incendios de outubro de 2017. Na análise dos incendios acaecidos no período obxecto de estudo, prestase especial atención ás vagas de incendios dos anos 2006 e 2017.

Faise unha aproximación histórica ó problema dos incendios, constatando que a creación do Servizo de Prevención e Extinción de incendios de Galicia, no ano 1990, determinou unha sensible redución da superficie forestal queimada. No período analizado houbo un total de 43.815 incendios que afectaron a 310.106,48 hectáreas. Dividindo o período 2006-2017 en dous sexenios, vemos que se segue a manifestar unha tendencia decrecente no número de incendios forestais en a superficie afectada:

Periodo

considerado

Media de

incendios

Media de Has.

queimadas

2006-2011

Menos de 5.000

29.000

2012-2017

Menos de 3.000

22.000

Da superficie forestal que arde, case dúas terceiras partes corresponden a superficie rasa e unha terceira parte a superficie arborada.

Tamén se fai unha análise das consecuencias dos incendios, diferenciando as consecuencias ambientais e paisaxísticas das consecuencias socioeconómicas, cunha cuantificación das perdas económicas ocasionadas polos incendios forestais ao longo do período estudado.

Detállanse as actuacións policiais e xudiciais respecto aos incendiarios, deixando constancia da dificultade que ten a investigación dos delitos de incendios forestais: soamente o 8,2% dos procesos incoados por queimar o monte no último lustro conseguiron levar ao xulgado ao incendiario sospeitoso. (173 delitos calificados dun total de 2.105). As sentencias rondan unha media de 40 anuais, sendo a súa maior parte condenatorias polo comportamento de queimas de rastroxos que se descontrolaron.

Faise unha exposición dos medios de extinción de incendios cos que conta Galicia e a súa evolución ao longo do período analizado.

A continuación se analiza en detalle a vaga de lumes de outubro de 2017, con especial atención aos incendios que provocaron a perda de vidas humanas (un total de catro persoas falecidas), así como os medios de extinción dispoñibles. Descríbense as condicións meteorolóxicas que se deron na vaga de lumes, concluíndo que se deron en eses días en moitas zonas de Galicia o que os expertos denominan a regra do 30, que implica datos de temperatura maior de 30 grados, a humidade relativa menor do 30% e a velocidade do vento superior ós 10 metros por segundo (36 Km/h). Estas condicións determinan un cóctel meteorolóxico perfecto que axuda a que un incendio se faga incontrolable y dificulta tremendamente a labor do servizo de extinción de incendios.

Finalmente se detallan as axudas concedidas para paliar os danos provocados polos incendios.

Parte 2: Avaliación das medidas adoptadas na loita contra os incendios nestes anos e a súa efectividade. Neste apartado se analizan e avalían as medidas adoptadas nestes anos na loita contra incendios, de maneira fundamental:

> O ditame da Comisión de Estudio que se creou con motivo da vaga de lumes do ano 2006. Esta comisión recolleu un total de 49 propostas de mellora na loita contra os incendios forestais.

> A lei 3/2007 de extinción de incendios de Galicia, que regulou por primeira vez as franxas de xestión da biomasa.

> A lei 7/2012 de montes de Galicia.

> As modificacións introducidas sobre as franxas de xestión da biomasa pola Lei 9/2017, destinadas a facilitar a limpeza das franxas de protección ao redor dos núcleos de poboación.

> As medidas recollidas ao longo destes anos no PLADIGA.

> As 30 medidas propostas polo Presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria logo da vaga de lumes de outubro de 2017.

> E a propia Comisión de Estudio que recolle o seu traballo neste ditame.

Tamén se fai unha análise da estrutura do servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia: todas as comparecencias que se referiron ao mesmo partiron da posición común de que Galicia conta cun magnífico servizo de extinción de incendios. Desde esta posición, todas as achegas que se fixeron respecto ao seu funcionamento foron coa finalidade de incrementar a súa eficacia, xa de por si moi elevada.

Parte 3: Causas dos incendios, distinguindo entre causas inmediatas e circunstancias que agravan as consecuencias dos incendios. Neste apartado faise unha distinción entre as causas inmediatas dos incendios e as circunstancias que agravan as consecuencias dos incendios.

En canto as causas inmediatas, o primeiro que se ten que destacar é a elevada intencionalidade existente nos incendios forestais en Galicia, moi por riba da que se da no resto de España. Tres de cada catro incendios en Galicia teñen carácter intencionado.

En canto ás circunstancias que agravan os efectos dos incendios, cumpre resaltar que o lume non é algo novo no medio rural galego, senón que foi empregado de forma habitual ao longo da historia, sen que tivese as graves consecuencias que se dan na actualidade. Tradicionalmente os incendios utilizáronse para deforestar monte arborado e para eliminar a matogueira co fin de poder cultivar o queimado, ampliar pastos ou evitar o avance da vexetación co fin de facilitar a actividade agraria. Este uso tradicional do lume, xunto coa fortaleza da actividade agro-gandeira galega motivou que o monte sen árbores fose o protagonista principal da paisaxe forestal galega ata o século XX. Nunha primeira aproximación, e de acordo cos datos achegados na documentación incorporada á Comisión, podemos afirmar que ata mediados do século pasado o monte arborado apenas ocupaba pouco máis dunha cuarta parte da superficie forestal galega.

Os profundos cambios operados na organización agraria galega a partir de mediados do século XX, polo fenómeno da desagrarización, provocaron o abandono de usos agrarios tradicionais como a gandería en extensivo, o cultivo de terreos de monte e as rozas periódicas de matogueira, a xeraron un importante crecemento da superficie forestal e unha excesiva acumulación de combustible vexetal almacenado no monte. Todo iso determinou unha elevación do risco de incendio forestal, tal e como demostran as estatísticas.

Ao tempo que se producían estas transformacións na organización agraria galega, producíase en Galicia un forte incremento do monte arborado, tanto polos cambios nos usos do solo asociados á desagrarización como tamén por unha política de repoboación forestal dunhas 600.000 hectáreas de monte desarborado, principalmente con pinus pinaster. Desta forma, sobre o ano 1975, o monte arborado ocupaba xa máis da metade da superficie forestal galega. Os datos dos Inventarios Forestais Nacionais reflicten ese avance do monte arborado en Galicia, no período 1969-2009:

Imagen 1

A perda de actividade agraria e gandeira e a consecuente crise demográfica que sufriu a Galicia rural nos últimos 60 anos, determinou que se producira unha desvinculación da poboación do rural, –verdadeiros axentes de xestión do territorio– das actividades agrarias, silvícolas e forestais tradicionais motivando que unha parte importante do territorio non estea xestionado por ninguén e acumule unha importante cantidade de biomasa, que actúa como un potente combustible para os incendios forestais. Dáse, pois, unha situación de abandono que afecta á superficie forestal no seu conxunto, tanto á arborada como á desarborada, sendo esta última a que arde en maior proporción.

Ademais atopámonos cun monte que é fundamentalmente privado (un 97,30% da superficie total) e que, ademais, está moi fragmentado en pequenas parcelas, cunha superficie media de menos de 2.500 metros2, cun número moi elevado de propietarios dun total de 1,7 hectáreas de media repartidas en case 7 parcelas. Esta estrutura da propiedade:

> Dificulta a rendibilidade e as boas prácticas silvícolas, e ademaís é unha dificultade engadida para a xestión e a ordenación do noso monte. Aínda que a lexislación en materia forestal regula amplamente a planificación e a ordenación forestal e os seus instrumentos, o certo é que o monte ordenado representa pouco máis do 10% da superficie forestal de Galicia.

> Xunto coa escasa información dos propietarios, limita a mobilización da terra agraria produtiva, o que afecta a rendibilidade das explotacións agrogandeiras galegas.

Estas circunstancias determinan a existencia de grandes áreas de matogueiras e un amplo dominio das especies forestais produtivas, fundamentalmente piñeiro e eucalipto, o que, xunto coa falta de xestión de boa parte da superficie forestal arborada, determina unha elevada combustibilidade dos montes galegos.

Todo elo da unha idea da magnitude do problema e da necesidade dun amplo consenso entre as forzas políticas, pero tamén da sociedade civil galega para poder afrontalo. A Xunta ten implantado medidas adecuadas para mellorar a situación do noso rural pero a súa eficacia vese en moitos casos limitada pola problemática estrutural que describimos.

Por outra banda, nos últimos anos o impacto do cambio climático nos incendios concrétase na tendencia a que estes sexan máis intensos e incontrolables, a que sexa máis fácil inicialos (lembremos que a maioría son provocados) e a que a súa propagación sexa mais rápida. Ademais provoca un maior risco de incidencia de eventos meteorolóxicos extremos nos que as condicións de humidade, temperatura e velocidade do vento favorecerán, dunha forma clara e evidente, a propagación do lume e o agravamento das súas consecuencias.

Outra cuestión importante é que a ausencia dunha adecuada ordenación de usos do solo en Galicia, así como a dispersión dos núcleos de poboación do rural, determinou que na proximidade dos devanditos núcleos se producira unha forestación de terras que antes tiñan actividade agraria ligada aos habitantes das aldeas. Tamén se deu unha construción desordenada de novas vivendas e instalacións empresariais, con frecuencia no medio ou nas proximidades do monte. Todo isto elevou nos últimos anos o risco de incendio nesa interface urbano forestal, onde a posible afección de persoas e bens fai que nos atopemos ante auténticas situacións de emerxencia civil.

Parte 4:  Recomendacións do ditame. Á hora de analizar as recomendacións hai que partir da base de que no seo da Comisión realizouse unha análise das causas estruturais dos incendios forestais, como unha problemática que afecta ao rural galego no seu conxunto. Desde este punto de vista, hai unha serie de cuestións de fondo que determinan, a pesar das actuacións da Xunta de Galicia, a existencia dun elevado grao de abandono do noso territorio rural, así como unha falta de planificación e ordenación que permiten unha expansión desorganizada de masas forestais e a existencia dun elevado volume de matogueira, o que contribúe decisivamente a que as consecuencias dos incendios se vexan agravadas. E iso partindo da base de que o monte arde porque o queiman os incendiarios. Basicamente destacan dúas cuestións de fondo:

> A estrutura da propiedade galega, caracterizada por un elevado minifundismo e fragmentación da propiedade así como un elevado grao de descoñecemento dos propietarios rurais. A dificultade de acceder á propiedade ou ao uso da mesma, mobilizala, é un dos obstáculos para a existencia de proxectos que xeren valor engadido e con interese por investir no rural galego.

> A falta dunha ordenación integral e previa do territorio galego, e dos usos do solo no devandito territorio, unido á falta de planificación e ordenación no ámbito forestal, xera que unha parte importante do territorio galego atópese en estado de abandono, xerando combustible para os incendios.

Desde esta dobre perspectiva, sinalamos a continuación as recomendacións que poden incidir en maior medida en atacar os problemas estruturais que describimos mais arriba.

Recomendacións relacionadas coa ordenación do territorio rural e os usos do solo (Números 54 a 59)

O fenómeno da  desagrarización e as transformacións asociadas ao mesmo provocou que nos 60 anos transcorridos desde 1950 pasamos de ter 827.000 persoas traballando na actividade agraria ás 45.600 do ano 2015. Estes agricultores e gandeiros eran os verdadeiros axentes de ordenación do territorio, que mantiñan limpo e coidado na súa práctica totalidade. O proceso de  desagrarización provocou un abandono do territorio rural galego e un desordenado cambio de usos, ata o punto de que no período 1989-2011, case a metade do territorio non urbano de Galicia experimentou un cambio de uso.

Nese proceso perdeuse un terzo da superficie agraria útil que pasou de 927.977 hectáreas en 1985 a 621.643 hectáreas no ano 2015. Ademais produciuse unha concentración desa  SAU, de forma que o 50% da mesma acumúlase en apenas 50 concellos galegos.

Xunto con iso, hai un importante crecemento da superficie  arborada, que pasou do 38% da superficie total galega no ano 1972 ao 49% do territorio de Galicia no ano 2011. E ao non haber ordenación nin xestión profesional, a consecuencia é que unha importante parte do territorio rural galego atópase en situación de abandono e con abundante matogueira que actúa como combustible para os incendios forestais. 

Neste ámbito recoméndase realizar unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo rural; unha planificación conxunta e previa dos usos agrícolas, gandeiros e forestais. E iso por áreas funcionais nas que se ten que dividir o territorio (comarcas ou mesmo distritos forestais). Para iso recoméndase utilizar os instrumentos actualmente existentes  e regulados na Lei de Ordenación do Territorio.

No contexto de revisión do Plan Forestal de Galicia a planificación e ordenación forestal é unha necesidade que se vai a ter que abordar de inmediato a través dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais de cada Distrito Forestal. Estes plans son á súa vez un instrumento de ordenación territorial (considéraselles como Plans de Ordenación do Medio Físico); ao fío desta planificación  deberiamos de aproveitar para realizar unha ordenación integral de cada distrito forestal.

Recomendacións relacionadas coa estrutura da propiedade ((Números 0 a 72)

En opinión de moitos dos comparecentes na Comisión de Estudo así como expertos relacionados co rural galego que consultamos na elaboración do ditame, a complexidade da estrutura da propiedade no territorio rural de Galicia é un dos principais impedimentos para o desenvolvemento de actividade agraria que permita un medio rural vivo, dinámico e sustentable.

Galicia ten máis de 11 millóns de parcelas rústicas que pertencen a máis de 1,6 millóns de titulares catastrais: os propietarios rurais de Galicia teñen unha media de 17.000 metros cadrados repartidos en case sete parcelas separadas dunha superficie media duns 2.500 metros cadrados. Galicia é a Comunidade Autónoma que ten mais parcelas de rústica (o 28% de todas as de España) e ten o 20% de todos os titulares catastrais de rústica de España.

Doutra banda, hai que ter en conta que o 97% do monte galego está en mans privadas (1.975.000 hectáreas do total de 2.030.000 de superficie forestal). Se deixamos de lado as comunidades de montes veciñais en man común (2.900 comunidades propietarias de 660.000 hectáreas)  resulta que dúas terceiras partes do monte galego (1.300.000  hectareas) está composto por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios que na súa maioría están (supoñemos)  desligados do rural.

E dicimos que supoñemos por que non temos datos fiables deses propietarios e a afirmación de que moitos deles están totalmente  desligados do rural (propietarios  absentistas), procede das afirmacións dos comparecentes na comisión, algún dos cales chegou a afirmar que só un 3% dos titulares catastrais de terreos forestais está ligado á actividade agraria.

Ademais das parcelas que non teñen titular, unhas 300 mil, hai un número moi elevado que se atopan en situación de aparente  vacancia: aínda que teñen un titular catastral, este non se dá localizado e as fincas atópanse abandonadas. Diferentes comparecentes cifraron en ao redor dun 20-30% do total de parcelas catastrais, as que se atopan nesta situación de aparente vacancia.

Este é o verdadeiro obstáculo para que moitas das medidas implantadas pola Consellería do Medio Rural funcionen adecuadamente: dicimos que o propietario ten obrigacións, pero non somos capaces de localizar a ese propietario en moitos casos (un exemplo claro é a situación das franxas de seguridade ao redor dos núcleos de poboación). E por iso temos que ser moi incisivos nas medidas para adoptar para conseguir atacar esta situación e mobilizar terra produtiva.

Neste tema proponse concentrar as competencias na materia na AGADER, que inclúe o Banco de Terras, pero ampliando e profundizando nas funcións da Axencia para a mobilización da terra produtiva, mesmo mediante a compravenda.  (recomendación 60). Nesta recomendación pedimos tamén que se aborde unha modificación da Lei 6/2001 de  Mobilidade de Terras para avanzar nas medidas para a mobilización das  terras produtivas.  As medidas que propoñemos van máis  alla do reforzamento do Banco de Terras que mantemos para o arrendamento de terras. Coas novas funcións que se propoñen para  a AGADER convertémola nunha axencia que mesmo pode comprar terras ou intermediar entre potenciais investidores e os propietarios de solo que queiran vender as súas fincas (en Francia están a utilizar un ente similar).

Ademais é o ente que actuará como organizadora dos polígonos agrarios e forestais que propoñemos na recomendación 72. Nestes polígonos proponse unha actuación que abarque todo o perímetro delimitado do polígono e que configure parcelas dun tamaño suficiente para garantir a rendibilidade do cultivo: fronte ás concentracións parcelarias,  estes polígonos faranse a demanda de emprendedores do rural e esixirán que se poña en produción toda a superficie afectada. Ademais estes polígonos deberán de situarse nas zonas do territorio de maior capacidade produtiva, delimitadas dentro da ordenación integral do territorio á que antes nos referiamos. Consideramos que esta figura pode  ser un instrumento moi eficaz para canalizar investimento ao rural galego e na súa configuración a existencia dun ente público  intermediador (AGADER) entre os investidores-empresarios e os propietarios do solo é fundamental.

Realizamos unha serie de recomendacións técnicas sobre o procedemento de investigación, para atacar o problema dos  ilocalizables, utilizando tamén á AGADER neste ámbito e co obxectivo último de ter datos fiables sobre os titulares da propiedade no rural galego. Temos que aclarar a propiedade do rural galego e naqueles casos nos que o procedemento de investigación culmine sen que apareza un propietario propoñemos que pasen a ser xestionados directamente por AGADER e sexan propiedade da Comunidade Autónoma e non do Estado.

Propoñemos tamén a revisión integral do catastro de rústica en Galicia, utilizando tamén ao AGADER como axencia  mobilizadora da terra produtiva, para que colabore coa Dirección Xeral do Catastro nesa revisión.

Recomendacións relacionadas coa planificación e ordenación forestal (Números 1 A 10)

Neste ámbito recollemos un compromiso  temporizado para o desenvolvemento dos plans de ordenación dos recursos forestais dos distritos, como primeiro paso para conseguir o obxectivo de ordenar o monte galego (actualmente o monte ordenado é só un 10% do total). Recomendamos que se proceda á súa elaboración no período 2019-2024. Esta ordenación forestal debe de integrarse dentro do concepto de ordenación integral do territorio: os  PORF dos distritos han de actuar tamén como instrumentos de ordenación do territorio, e á vez que se ordena a parte do territorio que é monte haberá que ordenar tamén os usos agrícolas e gandeiros (catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria, localización dos polígonos, delimitación de usos do solo en función das súas características…)

Outras recomendacións destacables neste ámbito:

> Impulso da ordenación do monte galego cun compromiso de hectáreas ordenadas nun período temporal que coincide co Plan Forestal.

> Impulso da certificación forestal como elemento demostrativo dunha xestión forestal sustentable.

> Creación dun inventario forestal propio de Galicia.

> Creación dunha comisión para profundar na simplificación normativa no ámbito da actividade forestal, que resulta afectado por diferentes normativas sectoriais.

Recomendacións relacionadas coa prevención de incendios (Números 46 a 51).

Neste punto a recomendación fundamental é que “se procure centralizar  nun ente instrumental especifico,  dependente dá Xunta de Galicia” unha serie de funcións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos.

Non se propón cambiar o reparto competencial en materia de prevención e vixilancia de incumprimentos actualmente vixente, senón de coordinar e dirixir a todas as Administracións implicadas.  Tamén se considera necesario que haxa un ente autonómico que preste colaboración e asesoramento estable aos concellos, como un mecanismo que impulse o cumprimento das súas obrigacións en materia de prevención.

Recomendacións relacionadas co servizo de prevención e extinción de incendios (Números 52 e 53)

Neste punto as recomendacións parten da consideración de que Galicia conta cun magnífico servizo de extinción de incendios, que debe de manter a súa configuración actual de servizo público.

Co fin de incrementar a súa eficacia, xa de por si moi elevada, se recomenda a creación dun grupo de 6 expertos de reconocida capacidade e competencia elexidos polos grupos parlamentarios e presididos polo Xefe do Servizo de Extinción de incendios. Este grupo de expertos analizará en profundidade diferentes aspectos do servizo susceptibles de mellorarse, debendo de presentar o seu informe ante a Comisión 7ª antes de que se inicie a temporada de máximo perigo de incendios do ano 2019.

O resto de recomendacións inciden en diferentes ámbitos:

> Profesionalización dos  silvicultores mediante a creación da figura do  silvicultor activo.

> Promoción da xestión conxunta do monte galego (sen necesidade de cambiar a titularidade) mediante a potenciación das Sociedades de Fomento Forestal e outras figuras de base asociativa que se poidan desenvolver.

> A  multifuncionalidade do monte galego, promovendo a gandería en extensivo, así como a biodiversidade forestal con diferentes especies arbóreas ou con medidas como a inclusión obrigatoria de frondosas autóctonas nas plantacións produtivas.

> Melloras na xestión  das franxas de seguridade ao redor dos núcleos de poboación, buscando impulsar que nas devanditas franxas desenvólvanse actividades agrarias, no canto de recorrer á roza da vexetación.

> Potenciación do papel protagonista das comunidades de montes veciñais en man común, priorizando aquelas que estean correctamente xestionadas fronte ás que están en situación de abandono.

> Recomendacións relacionadas co reforzo dos espazos protexidos así como as compensacións aos propietarios que sofren restricións no desenvolvemento da súa actividade como consecuencia das medidas de protección ambiental.

> Recomendacións relacionadas coa investigación contra os incendios, reforzando a coordinación entre os diferentes corpos policiais implicados na mesma. Tamén promovendo a utilización das novas tecnoloxías na loita contra incendios.

> Recomendacións para implantar medidas que permitan adaptarse ao cambio climático, fundamentalmente orientadas á creación de infraestruturas verdes.

> A potenciación da formación do persoal da loita contra incendios.

> Recomendacións relativas á educación, concienciación e sensibilización da sociedade civil galega fronte á secuela dos incendios.

> Un amplo abanico de incentivos fiscais e financeiros para a mellora do sector forestal e o medio rural no seu conxunto.

En todas as recomendacións seguiuse a idea de realizar propostas que afecten as causas estruturais dos incendios, como mecanismo de dinamización dun medio rural vivo, dinámico e sustentable.

Neste medio rural deberían de convivir montes ordenados e planificados con actividade  agro gandeira que producise de forma sustentable produtos agroalimentarios de calidade. @mundiario

Comentarios