O papel de Galiza na xuntanza do Ecofin

Santiago dou a benvida no Pazo de Raxoi ás delegacións ministeriais que participaron no Ecofin. / Mundiario
As grandes decisións económicas e as regras fiscais que se estabelezan atinxen á nosa supervivencia cultural e natural e á vida da nosa xente.

Vén de rematar a reunión de responsábeis financeir@s da Unión europea e de América que tivo lugar na capital de Galiza os pasados 14, 15 e 16 de setembro de 2023. Demostrouse estes días a capacidade da nosa cidade para acoller eventos desta relevancia, cuantitativa e cualitativamente. Desde o goberno compostelán quixemos manter unha posición proactiva, que fose alén da recepción protocolaria para sinalar os problemas máis graves da sociedade actual, quer naquilo que atinxe a sociedade galega, da que Compostela é a súa capital, quer desde unha perspectiva mundial dada a transcendencia das decisións que se toman en encontros como este. 

Por un lado, participamos na inauguración da exposición “Pueblo original. Guerreros del tiempo”, organizada no Paseo da Alameda polo CAF, Banco de desenvolvemento de América latina e o Caribe, onde se aposta pola diversidade e riqueza de culturas e xeitos de vivir fronte á pretensión da homoxeneización globalizadora e a saturación de información en que vivimos.   

Por outra banda, quixemos aproveitar a recepción a ministros, ministras e responsábeis de Finanzas no Pazo de Raxoi, para sinalar algúns dos problemas que máis nos preocupan, advertindo da necesidade de mudar as prioridades políticas, colocando no centro das decisións as persoas, e de ter en conta a diversidade dos territorios e a imprescindíbel sustentabilidade ambiental. Nesa liña, dada a importancia deste foro e de vivirmos nun momento en que nos estamos xogando o futuro do planeta, reproducimos a seguir as palabras que pronunciamos diante das delegacións e autoridades presentes, principalmente ministros e ministras de Economía da Unión Europea que teñen as rendas das grandes decisións que logo repercuten até nas cuestións máis pequenas.  

“Santiago de Compostela, alén da súa riqueza patrimonial, é un símbolo milenario de encontro cultural e de intercambio de coñecemento. Non se nos ocorre cidade máis acaída que a nosa para acoller un encontro da transcendencia mundial desta reunión ministerial de asuntos económicos da Unión Europea e de América. 

Na difícil tarefa de deseñar as políticas macroeconómicas, non podo máis que desexarlles acerto para que as súas decisións acaden os obxectivos que nos orientan: achegármonos a un mundo máis xusto e sustentábel social, económica e ambientalmente. 

Por iso quero aproveitar hoxe a súa presenza neste Pazo de Raxoi, a casa de todas as compostelás e composteláns, para reflexionarmos sobre a importancia de poñer no centro da toma de decisións, co maior dos convencementos e a máis firme determinación, o benestar das persoas e o futuro do planeta. 

Permítanme que mencione a nosa realidade máis próxima. Como saben, Santiago de Compostela, ademais de ser un referente universal, é a capital de Galiza, un territorio con importantes recursos naturais e gran valor paisaxístico e ambiental. Contamos con preto de 1.500 quilómetros de costa, con dúas zonas de especial importancia xeolóxica recoñecidas co selo Xeoparque da Unesco, as montañas do Courel e Cabo Ortegal, co 12% da nosa superficie protexida pola Rede Natura, coas máis de 9.000 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume, considerado o bosque atlántico mellor conservado de Europa, e temos a fortuna de ser, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, “o país dos mil ríos”. Xustamente Santiago de Compostela é unha cidade construída entre dous ríos, entre o Sar e o Sarela: o primeiro deles cantado de forma extraordinaria pola poeta máis universal que temos, Rosalía de Castro, que ademais foi unha pioneira do ecoloxismo, denunciando unha tala de carballos na zona do Bosque do Banquete de Conxo, onde precisamente se sitúa o Carballo que foi elixido Árbore do Ano en España e recoñecido co segundo posto como Árbore Europea o pasado ano.

Mais tamén somos un territorio sometido a grandes ameazas. En nome da transición verde e enerxética, planifícase a instalación e explotación de novos parques eólicos, cando exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que producimos. O noso territorio avanza aceleradamente no monocultivo do eucalipto para satisfacer as necesidades industriais.  Os sectores produtivos vinculados á terra e ao mar ceden espazo fronte a un modelo económico cada día máis terciarizado, con consecuencias demográficas e de equilibrio territorial moi relevantes... Estamos vendo que o rendemento económico, o diñeiro en definitiva, prima sobre cuestións de vital importancia como a preservación da biodiversidade, do patrimonio natural e cultural, dos modelos de asentamento da poboación ou da propia vitalidade socioeconómica e cultural desta Galiza milenaria.

Podería engadir máis casos da planificación macro que afectan ao micro. As grandes decisións económicas e as regras fiscais que se estabelezan atinxen á nosa supervivencia cultural e natural e á vida da nosa xente. Mais sei que non é necesario entrar en tanto detalle para que entendan o sentido do que quero transmitirlles: que conceptos como “crecemento sustentábel”, “eficiencia” ou “emerxencia climática” non poden deturparse e deben ser tratados con responsabilidade para aseguraren o futuro do planeta sen deixar de lado o día a día da cidadanía en condicións dignas e o equilibrio entre os diferentes territorios.  

Aproveito para deixar constancia, máis unha vez, de que o noso compromiso e colaboración nunca van faltar para traballar por estes obxectivos, mais tamén de que é necesario contar cun marco normativo e financeiro que permita ás institucións locais cumpriren co seu cometido en ben da comunidade.

Pola miña parte, só fica desexar que este cumio sexa o máis frutífero posíbel e, sobre todo, que o seu impacto no noso futuro sexa na liña que acabo de mencionar. E recomendarlles, por suposto, que aproveiten a súa estadía para coñecernos, gozar da cidade, da extensa zona histórica, dos barrios, do noso rural, dos parques e sendeiros naturais, e que entren en contacto coa nosa veciñanza e coa nosa identidade cultural. Asegúrolles que paga a pena. Moitas grazas.” @mundiario