O pacto electoral BNG-CXG constitúe un pequeno paso no bó camiño

Ana Pontón. / TVG
Ana Pontón. / TVG

Por primeira vez en moito tempo danse pasos cara a cooperación no mundo soberanista. Poderían ser máis decididos e intensos? De certo que si, pero polo de agora cómpre tirarlle proveito e utilidade ao que hai.

O pacto electoral BNG-CXG constitúe un pequeno paso no bó camiño

O acordo político asinado entre o BNG e CompromisoxGalicia(CXG) non resolve o problema do soberanismo galego, mais constitúe un pequeno paso no bó camiño. Ninguén pode afirmar que o acordo político para as estatais entre o BNG e CompromisoxGalicia (CXG) sexa a fórmula máxica para a competitividade electoral do soberanismo galego. En realidade, non é máis ca un pequeno paso adiante,  que  encarreira, mais  non abonda para facer chegar por si propio á meta.

Este acordo ten dúas  cualidades políticas que compre recoñecerlle ao BNG. Por unha banda é a primeira vez que o BNG pacta cun grupo fundado, nunha parte aprezábel, por persoas que racharon coa devandita fronte despois do Congreso de Amio no 2012. Pola outra, o soberanismo galego de esquerda recoñece como valor a cooperación co galeguismo de centro, progresista e europeísta, inspirado no ronsel do PNV.

Mágoa que non fose posíbel  o grande acordo a tres con En Marea. CXG tentouno,  como tentara a grande coalición nacional na primavera. Mais a  nunca explicada introdución do elemento de confusión “Errejón/Más País” por En Marea  rachou calquera aproximación realista a un BNG que ten de  aprender non exercer  o monopolio da defensa do País e afacerse a cooperar con outros galeguistas e soberanistas . Sexa como fór, En Marea foi quen de reaxir ao clarexar o panorama electoral coa súa renuncia a repetir candidatura de seu e ao manifestar, sen pedir o voto explicitamente para ninguén, que o recomendaba para os que mellor puidesen afirmar a axenda galega.  O que,  dende logo, desbota PSOE, UP e Mas País.

Son, dende logo, decisións curtas e tímidas, mais importantes polo camiño que debullan e polo novo xorne que ogallá sinalen. Agora do que se trata é de transmitir que esta candidatura pode e sabe ser verdadeiramente unha candidatura transversal de País. A candidatura útil, fronte á inutilidade amosada pola esquerda española.

E a axenda está chea de prioridades urxentes e trascendentes. Compatibilizar a descarbonificación con solucións de transición e reindustralizadoras para Endesa As Pontes e Naturgy-Cerceda. O estatuto da enerxía electrointensiva que garanta o futuro da industria de Alcoa, Ferratlántica e da indstria toda deste País. A tarifa enerxética galega a prol desa industria e dos nosos consumidores nun País que exporta, sen beneficio ningún, o  40% da enerxía que produce. A conexión de alta velocidade A Coruña-Porto que vertebre a Eurorexión de futuro. E a defensa do noso autogoberno como instrumento de benestar, cun financiamento baseado na recadación da Facenda Galega e unha ampliación competencial para facermos políticas de reindustrialización sostíbel.

Por primeira vez en moito tempo danse pasos cara a cooperación no mundo soberanista. Poderían ser máis decididos e intensos? De certo que si, pero polo de agora cómpre tirarlle proveito e utilidade ao que hai. @mundiario

Comentarios