Pablo Arangüena: “Partimos coa expectativa de que imos ser primeira forza”

Pablo Arangüena. / Mundiario
Pablo Arangüena. / Mundiario

O número dous do PSdeG - PSOE –optimista con respecto ás previsións electorais–, remarca que “non é o mesmo ter unha maioría suficiente para realizar os cambios que xa empezamos a realizar nestes dez meses que non tela”.

Pablo Arangüena: “Partimos coa expectativa de que imos ser primeira forza”

“Partimos coa expectativa de que imos ser primeira forza”, dixo Pablo Arangüena, vicesecretario xeral do PSdeG - PSOE e número  dous do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña, entrevistado na TVG no marco das conversas en directo cos/as candidatos/as galegos/as dos diferentes partidos que se presentan ás eleccións xerais do 28 de abril. Estas entrevistas, marcadas no plan de cobertura electoral presentado ante a Xunta Electoral, teñen unha duración proporcionalmente ponderada conforme aos resultados obtidos nos anteriores comicios.

Pablo Arangüena –optimista con respecto ás previsións electorais–, remarcou que “non é o mesmo ter unha maioría suficiente para realizar os cambios que xa empezamos a realizar nestes dez meses que non tela”. Con respecto a posibles pactos electorais, subliñou que “os socialistas galegos preferimos pactar con nós mesmos” e  foi cauto ao falar de futuros aliados. Centrándose nas expectativas en Galicia, destacou que “aspiramos a mellorar os resultados dos anteriores comicios”.

O número dous das listas ao Congreso pola Coruña referiuse a un dos temas propios da axenda galega, a transferencia da AP-9. Sobre isto explicou que “hai unha disposición positiva por parte do Goberno” e lembrou que o anterior executivo de Mariano Rajoy bloqueouna. Arangüena tamén resaltou que “non é bo mitificar certas transferencias, hai temas máis importantes” e que a transferencia da autoestrada do País Vasco é “unha situación diferente”. En canto a propostas para Alcoa, sinalou que a resolución pasa pola creación dun estatuto dos consumidores electrointensivos, en que xa se está a traballar. 

Ao preguntarlle por propostas concretas para a comunidade galega, destacou a defensa dos sectores produtivos de Galicia, que cualificou de “estratéxicos” e explicou que “aínda que a defensa destes sectores depende máis da Xunta que do Goberno do Estado, a súa inacción levounos a buscar estratexias”. O candidato pola Coruña tamén manifestou que “queremos que Galicia conte nas decisións do Estado”  e para rematar, destacou que o PSdeG - PSOE recoñece a Galicia como unha nacionalidade histórica, ao amparo da Constitución, polo que “sempre fará a máxima defensa do nivel de autogoberno de Galicia”. @mundiario

Comentarios