Buscar

Ourense: grandes incendios e intereses

Fai 30 anos que se aplican anualmente plans específicos de prevención e defensa contra incendios forestais na  Galiza –Pladiga–  que resultan un fracaso total.
Ourense: grandes incendios e intereses
Incendios activos no Macizo do Xurés, en Ourense. / RR SS
Incendios activos no Macizo do Xurés, en Ourense. / RR SS

Grandes incendios afectan estes días principalmente a provincia de Ourense, non resulta éstrano pois dende o 2001 ao 2018 estivo a cabeza por número de incendios na Galiza -excepción do   2006 - e cun número  que oscilou entre un mínimo de 518 no 2018 a  un máximo de 3.899 no 2005. Ourense ten o  41,8% da superficie total dos montes veciñais en man común de Galiza e o 38% das comunidades de montes. A xestión publica  pola administración forestal da Xunta  baixo consorcio ou convenio no 2019 tiña o  44,4 % da superficie en Ourense, pero ate agora non conta case nada na produción madeireira.

Fai 30 anos que se aplican anualmente plans específicos de prevención e defensa contra incendios forestais na  Galiza –Pladiga–  que resultan un fracaso total. No ano pasado sufrimos 1.666 incendios nos que arderon 6.837 has, sendo case a metade arboradas, estes días  alguns medios afirman que arderon máis de 6.500 ha a gran maioría en Ourense e algúns incendios volveron darse como grandes incendios (mais de 25 ha cada un) en Parques Naturais (Xurés..) e volveron  a poñer en perigo vivendas. A vista dos datos non parece que nadei poda falar de éxito e actuación acertada,  a realidade é que  a Xunta cos incendios  da “paus de cego” ano tras ano mentres os incendiarios seguen actuando e búrlanse abertamente das ridículas medidas da administración

Os obxectivos do Pladiga 2020 non van na liña de erradicar os incendios, senón so pretende  minoralos un pouco, reducindo o número deles, que os grandes incendios so sexan o 2% do total, reducir a superficie queimada respecto da media... pero a situación sobrepasa a Xunta  e vese de novo obrigada a chamar pola UME do Estado para minorar efectos. Un ano mais gasta 175 millóns sin esixir nada do sector privado, cando son as empresas da madeira, fábricas de celulosa e de taboleiros as maiores beneficiadas do sector forestal (Ence e Finsa).

A mala xestión non se limita aos incendios senón a todo o que rodea a política forestal xa que non temos unha industria de segunda transformación da madeira, razón pola que temos que exportar  o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e chapas eo 97-99% da pasta de celulosa que fabrican en Pontevedra, aparte do 10% da madeira que se tala. Onde están as xestións para atraer industrias transformadoras que pechen ciclos no pais, para  non ter que exportar riqueza?

Detrás ou a par dos incendios de Ourense poden estar intereses que a Xunta tiña que aclararnos:

a) Cambios de uso. Ourense ten mais de 265.000 has desarboradas (IFN4),  case a metade do monte desarborado na Galiza está en Ourense e  son as comarcas de Verín e a Limia as que estiveron no 2019 a cabeza por novas repoboacións. Os  proxectos de expansión de coníferas e eucaliptos  fíxanse neste territorio?.

b) Minería: Empresas mineiras, multinacionais, teñen a Ourense no punto de mira  para extraer todo tipo de minerais, recentemente  pretenden  extraer litio, moscovita e feldespatos en lugares de Doade, Acevedo e Rubillón, nos concellos de Beariz e Avión, e mesmo pretenden  ir a concellos doutras provincias Forcarei, A Lama ...

c) Eólica. Decenas de proxectos eólicos de multinacionais coñecidas esperan atopar montes como os de Ourense a baixo prezo  para instalar aeroxeradores de máis de 100 m de alto para producir electricidade para exportación. @mundiario