DIETARIO DE CAMPAÑA

Ou Rueda ou Pontón

Alfonso Rueda y Ana Pontón. / Mundiario
Alfonso Rueda e Ana Pontón. / Mundiario
As solicitudes para votar por correo disparáronse, cun aumento do 30% a respecto de 2016.

1.- A campaña chega á semana definitiva co escenario absolutamente clarificado. A elección adopta a forma dunhas presidenciais: ou Rueda ou Pontón. Ou continuidade ou cambio.

A continuidade xa sabemos o que é: levamos quince anos con ela.

O cambio non sería un cambio calquera. Non sería o cambio de 2005. Sería un cambio liderado por unha forza política do país. Non é que as outras non sexan do país, é que esta -o BNG- ten o centro de decisión aquí, non en Madrid. E esa sería unha mudanza verdadeiramente histórica, cualitativa. E colocaría Galiza nunha posición sen precedentes no debate pendente no Estado, o do reparto do poder político entre as rexións e as nacionalidades. Ao Estado non lle sería posíbel finxir que Galiza non existe: habíalle custar traballo, leva séculos actuando así.

E, nesa elección con aspecto de presidenciais, o BNG conta cunha vantaxe non desprezábel: obxectivamente (ollemos os parámetros que ollemos) Pontón é mellor candidata que Rueda. Non o digo eu, dino as galegas e os galegos en todos os inquéritos de que dispomos.

2.- O voto por correo. As solicitudes para votar por correo disparáronse, cun aumento do 30% a respecto de 2016 (2020 non conta a estes efectos, pois estabamos en pandemia e loxicamente naquela altura o voto por correo atinxira níveis nunca alcanzados). Que agora podamos experimentar un ascenso tan considerábel a respecto de 2016 non pode ser máis que un síntoma de mobilización do electorado que costuma ser abstencionista nas eleccións galegas. Isto é, estamos ante un sinal da mobilización do voto progresista a prol do cambio. Unha moi boa noticia para a candidatura de Ana Pontón (tamén en parte para a dun Besteiro que no mínimo precisa manter o score de 2020, os 14 escanos).

3.- Avalancha de inquéritos este domingo. As tendencias en xeral reafírmanse: hai partido. Con todo, non podemos substraernos a unha idea: hai xa demasiado tempo que os inquéritos teñen o propósito non de fotografar un momento, senón de condicionar a opinión pública e, por tanto, teñen a vocación de predeterminar os resultados. O precedente das eleccións xerais de xullo é ben elocuente a ese respecto -infravalorando propositadamente o PSOE- como tamén o é o feito de que o BNG costuma tamén ser minusvalorado polos oráculos demoscópicos.

4.- Jiménez Losantos. O sumo sacerdote da caverna entrevistou consecutivamente Feijóo e Rueda (que previamente rexeitara ir ao programa da galega Julia Otero, unha das grandes, senón a máis, comunicadoras no panorama estatal). Non é que os entrevistase, é que lles dixo por onde tiñan que ir, como un ventrílocuo cos seus bonecos: non se trata de Galicia, Galicia, Galicia, senón de España, España, España. Pero non unha España calquera, senón unha profundamente intolerante coa diversidade nacional que integra. Feijóo e Rueda sacrifican a ala centrista do seu movemento para impedir que na Galiza agrome Vox. Mais ese desprazamento cara á dereita abre o oco polo que BNG e PSdeG poden furar.

5.- Se aínda non acompañastes en X a conta @ofunambulista, eu de vós faríao de contado.

Eis unha mostra da súa agudeza: “Neste momento só hai un tema de campaña. Non é Amnistía, non é Sanchismo, non é Multipartito. Só se fala de Ana Pontón. Se iso non é un triunfo total da campaña do BNG eu non sei que é”.

Amén. @mundiario

Comentarios