Os gobernos galego e do Estado, inoperantes na crise da factoría mariñá de aluminio de Alcoa

Balsa de lodos. / Antena 3
Balsa de lodos. / Antena 3
O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 hectáreas de capacidade e xa case chea.
Os gobernos galego e do Estado, inoperantes na crise da factoría mariñá de aluminio de Alcoa

Alcoa arestora está centrada estratéxicamente na fabricación de motores para a industria aeroespacial e na fabricación de alúmina. Recibiu recentemente 38 M€ en axudas públicas e de pechar habería facer tratamentos moi custosos para garantir o  restauramento ambiental da súa moi grande balsa de lodos vermellos. Por outra banda, usa en exclusiva un porto público. Semella que nin a Xunta de Feijóo nin o Goberno do Estado de Sánchez coñecen o contexto económico internacional nin as ferramentas xurídicas ao seu dispór para facer negociar a Alcoa unha solución positiva para os intereses dos traballadores, da bisbarra mariñá e de Galicia.

O editor de MUNDIARIO, José Luis Gómez, ven de explicar a xeito en distintos medios que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só –nin nomeadamente– un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xurde da nova fasquía de Alcoa dende o 2014, orientada estratéxicamente cara a fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina. Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público –o mariñao de San Cibrao–.

O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 hectáreas de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ven de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.

Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.

Con todos estes dados o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.

Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense.  Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización dende as competencias industriais do Goberno galego.

Dende o coñecemento do contexto económico amosado por José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, dende a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.

Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais ésta é outra historia. @mundiario

Comentarios