Orgullo de veciñanza en Compostela

Vistas de Santiago de Compostela desde o monte Pedroso. / Mundiario
Castelao fixo desfilar pola súa Alba de Gloria aquela Santa Compaña de galegos e galegas inmortais con Prisciliano á cabeza e cun sinfín de nomes aos que debemos boa parte do que somos.

A partir do 19 de xullo Santiago de Compostela estará en festas. Son momentos de reencontros (con familia e amizades), de practicar tradicións (o Día do traxe, ver os cabezudos, ir ás atraccións, ver os fogos), de atopármonos nas rúas (e nos bares) e de gozar con espectáculos que nos enchen de orgullo (os propios) ou que nos permiten asistir a propostas creativas menos habituais entre nós. En todas as festas –e a capital do país non vai ser menos– un dos pratos principais é o pregón, o que marca a saída e ten que engaiolar a poboación para que participe e se implique nos días seguintes. O pasado ano a presenza das Leilía foi un éxito rotundo. Por iso incorporamos unha novidade que queremos que converta en tradición co paso dos anos: a foliada no Obradoiro como entrante previo ao pregón. Conseguir que a praza sexa un torreiro de bailadoras e bailadores é un dos retos deste goberno municipal, que aposta polo noso baile como un dos mellores xeitos de nos presentarmos ante o mundo. De aí que cobre todo o sentido facelo no punto 0 da cidade, alí onde se congregan visitantes e turistas que queremos que coñezan como somos e de onde vimos.

E despois do entrante virá o primeiro prato, servido por unha picheleira que é unha gran cociñeira, Lucía Freitas A súa filosofía culinaria, esa “vangarda primaria” que tanto reclama, parte das orixes, da memoria, da tradición, da horta de proximidade, da praza de abastos, da materia prima de alta calidade, para se reinventar na cociña máis punteira. Pura economía circular. En consonancia tamén co que defendemos desde o Concello de Santiago. Esta perspectiva “marida” perfectamente coa nosa defensa do turismo sustentábel. Orgullo e empoderamento do noso para nos proxectarmos cara ao exterior e reivindicación da veciñanza de proximidade como o obxectivo central do noso traballo. Só por isto, Lucía daría unha gran pregoeira. Mais se aínda posúe o don de procurar alternativas para as mulleres produtoras, para as que forman parte desa cadea, desa base que comeza no noso rural (e no noso mar) e sen a que perderiamos a esencia, o seu papel é significativo por partida dupla. Amas da Terra. Orgullo feminista.

Para alén dun programa cheo de iniciativas para todos os públicos (cun día especial dedicado á xente miúda), por segundo ano o Concello de Santiago celebrará un acto de recoñecemento a cidadá(n)s distinguidxs co título Alba de Compostela, baseado na Alba de gloria de Castelao. O 25 de xullo de 1948 Castelao deixounos unha lección de vida, de amor á nosa historia, a quen somos e, tamén, un testamento para construírmos o futuro. Por iso, decidimos festexar mulleres e homes do noso tempo que constrúen Compostela, que fan que este concello sexa aínda máis grande, unha realidade colectiva, unha cidade histórica cun futuro tecido por moitas mans, moitas cabezas e moitos corazóns.

Castelao fixo desfilar pola súa Alba de Gloria aquela Santa Compaña de galegos e galegas inmortais con Prisciliano á cabeza e cun sinfín de nomes aos que debemos boa parte do que somos. Desde o Mestre Mateo, até Inés e Xoana de Castro, Exeria, Pedro Madruga, Otero Pedraio ou Alexandre Bóveda, por citar só uns cantos. Homes e mulleres que ocupan un merecido lugar de privilexio na nosa historia.

Na primeira das celebracións da Alba de Compostela recoñecemos o labor de Daniel Lorenzo, da Fundación Catedral, as integrantes do equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galiza e unha das protagonistas do Plan Sociocomunitario de Vite e Ánxeles González Porto, Angi, da asociación cultural Cidade Vella.

A eses catro nomes uniranse este 25 de xullo os de Xaquín Mato, comerciante durante décadas no Ensanche compostelán e importante activista social desde o asociacionismo veciñal, Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e incansábel traballadora a prol da preservación e difusión do noso legado cultural, Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Caritas, polo seu inmenso traballo a favor dos colectivos máis desfavorecidos e Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CIMUS, pola súa traxectoria e o seu impulso á transferencia de coñecemento co obxectivo de promover beneficios sociais na saúde pública.

A Alba de Compostela pasou a formar parte, neste tempo, dos recoñecementos oficiais de títulos, honras e condecoracións no Concello de Santiago, un espazo a que tamén se incorporou o acto de distinción de 8 mulleres polo 8 de marzo, que viña realizándose xa nos últimos anos. Construímos cidade, construímos concello, desde a memoria e o agradecemento, salientando quen se sente elo dunha cadea que forxa unha identidade colectiva singular no territorio galego.

Nesta ocasión, acto e elección de persoas conseguiron a unanimidade da corporación municipal, un feito que nos causa unha especial satisfacción e que fai realidade as palabras con que eu mesma remataba o meu discurso o 25 de xullo de 2023:

“Dicía Castelao:

Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre. (...)

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.

Vaian estas citas para os homes e mulleres recoñecidas hoxe. Vaian para os homes e mulleres que, día a día e, case sempre sen aplausos, fan grande Santiago de Compostela. Coa vontade de que, para o vindeiro ano, se impoña o amor ao noso concello sobre todas as cousas”.

Esta celebración contribúe a dotar Compostela de identidade propia, con orgullo deses homes e desas mulleres que se senten composteláns, santiaguesas, picheleirxs que viven as súas tradicións, que gozan das súas festas, que lembran o gando na carballeira de Santa Susana ou as leiteiras cargadas coas súas cántaras no Toural e, se por idade é imposíbel que manteñan esas imaxes na memoria, saben que alí estiveron, porque son parte da súa historia. Mulleres e homes que cada día queren facer aínda máis grande a capital da Galiza, que forman parte dunha Universidade que é xa  corazón de Compostela, que abren e conservan os seus comercios, que manteñen vivo o seu rural, que imaxinan proxectos novos, que se fan acompañar, con orgullo, do nome de Santiago.

Esperamos, ano a ano, cada 25 de xullo, continuar sumando novos nomes a esta constelación da Alba de Compostela que ben merece ser recoñecida. @mundiario