Onde nacen a corrupción e a depredación do territorio

Una imagen relativa a la corrupción.
Unha imaxe relativa á corrupción. / RR SS

As últimas contrarreformas lexislativas do PP en materia de ordenación do territorio e de urbanismo aumentan a posibilidade de corrupción e preparan e abonan as portas xiratorias. Cando estas se descubren apenas se pon o foco na sentenza e no culpable, pero nada se fala de como se orixinan.

Onde nacen a corrupción e a depredación do territorio

Nos últimos anos recibimos moita información sobre os mecanismos da corrupción do PP. Quen máis ou quen menos estamos familiarizados cunha trama de contabilidade en B, co pagamento de sedes e de eventos e máis co cobro de sobresoldos; é dicir, temos certa información sobre o fluxo de diñeiro negro ao este acceder ao circuíto interno da organización. Mais o foco poucas veces se sitúa na primeira etapa da trama, e o momento en que o interesado privado decide corromper e pagar a quen ostenta o poder político queda velado a ollos do gran público.

Poucas veces as tertulias e os medios analizan en profundidade as canles que permitiron o acceso e acubillo da corrupción, cando é precisamente nesta parte da trama onde máis medidas preventivas, de control e vixilancia, se poden adoptar.

No noso país resulta especialmente escandolosa a simbiose do PP con determinados intereses privados ao redor do uso e explotación do territorio e dos seus recursos. 

Calquera que observe para as distintas paisaxes galegas atopa evidencias desa relación de intereses na eucaliptización masiva, por riba de calquera outro uso máis sostible; na expansión urbanística sen control, nomeadamente na franxa atlántica; ou nun desenvolvemento eólico depredador que pasa por riba de criterios socioeconómicos e ambientais públicos.

O resultado está a vista de todos e os mecanismos que o facilitan aparentemente tamén, mais estes últimos ocúltanselle á maioría da poboación. Velaí os méritos do prestidixitador, que conta coa complicidade necesaria duns medios públicos que nunca informan sobre a relación entre poder e grandes lobbies empresariais, e desenvolve asemade unha lexislación que crea as condicións propicias para que continúe a perversión do interese público arredor do territorio.

A Lei de Ordenación do Territorio ilustra á perfección como se cambian as normas para facilitar a corrupción

Como mostra basta cun par de exemplos recentes. En primeiro lugar, a Lei de Ordenación do Territorio aprobada o ano pasado ilustra á perfección como se cambian as normas para facilitar a corrupción. Esta lei serviu fundamentalmente para cristalizar a figura dos Proxectos de Interese Autonómicos (PIA), que lle permiten ao goberno aprobar calquera tipo de proxecto, incluso recalificando e reclasificando solo, sen que os Concellos poidan oporse. Os PIA son proxectos que pode desenvolver unha iniciativa privada e que só precisan para a súa aprobación exprés cunha Declaración de Interese Autonómico que emitirá o Consello da Xunta. Por tanto, con esta lei permíteselle a operadores privados impulsar a transformación de solo para promoveren calquera actividade, coa única condición de ser declarado de interese autonómico.

Ademais, os criterios para outorgar esa declaración son tan vagos que na práctica recae na arbitrariedade do Consello da Xunta outorgar ou non esta carta branca para sortear todo tipo de lexislación e de admninstracións. Con isto, o goberno da Xunta acada máis poder como negociador e mediador coas empresas privadas, xa que os proxectos xa non deben cumprir unha serie de criterios públicos, senón simplemente contar co beneplácito do goberno. Un deseño idóneo para que proliferen a corrupción e as portas xiratorias. 

Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Outro exemplo recente destas reformas normativas a favor da corrupción e depredación do territorio é a modificación, o pasado mes de marzo, da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Este órgano consultivo asesora a Xunta en materia de planificación territorial e urbanística e entre as súas funcións está a interpretación de leis. Se até agora este órgano estaba participado por representantes de acreditada experiencia nas materias, ademais doutros cargos públicos, coa contrarreforma do PP estas figuras desaparecen e pasan a ser substituídas por organizacións empresariais con intereses relacionados co territorio e o urbanismo. Sen ningún tipo de pudor defenéstranse expertos na materia e as propias universidades públicas, que a partir de agora non van ter nada a dicir, e convértense determinados intereses privados en xuíz e parte. 

Estes dous exemplos recentes son parte dunha extensa contrarreforma que facilita que mecanismos que posibilitan a corrupción acaden natureza legal, ao tempo que se perverten os órganos de control. A acción lexislativa do PP consiste en normalizar e profundizar nesta dinámica. Cada ano que pasa as comportas da corrupción están máis abertas.

Cada cambio normativo erosiona o estado anterior e determinados intereses privados gañan máis acceso e control sobre as Administracións Públicas. É unha urxencia democrática acabar con este marco regulatorio. É urxente tomar a senda dunha reforma estrutural de blindaxe do interese público e de participación pública en  asuntos de tanto calado como o lugar no que habitamos. @mundiario

Comentarios