A OMS, máis esixente, actualiza as directrices mundiais de calidade do aire

Contaminación. / PIxabay
Contaminación. / PIxabay
 Queda en evidencia a desfasada lexislación da Unión Europea.
A OMS, máis esixente, actualiza as directrices mundiais de calidade do aire

No ano 2011 a OMS, Organización Mundial da Saúde, estimaba que a contaminación era responsable da morte prematura de 2 millóns de persoas ao ano en todo o mundo, no 2021 xa considera que os afectados alcanzan 7 millóns de persoas. A vista da situación, e tendo en conta a información científica actualizada, considerando ademais que non existe un limiar ou  nivel seguro de contaminación atmosférica que protexa a saúde, a OMS insta aos responsables políticos a revisar e actualizar a lexislación para reducir os valores limite de diversos contaminantes en especial de partículas en suspensión e dióxido de nitróxeno. 

Destaca que máis de 40 sociedades científicas firmen un apoio as novas directrices de calidade do aire, baseándose seguramente en que a evidencia científica  ve que a contaminación mesmo en exposición crónica  aumenta o risco de enfermidades cardiovasculares e respiratorias, asi como cancro de pulmón, ictus e ocasiona morte prematura. Aparte de diminuír a función pulmonar,  agravar o asma, ser responsable de arritmias e irritación de bronquios, desencadear bronquite crónica e ter relación coa diabetes,  nacementos prematuros e peso reducido nos bebés...

Os contaminantes, lexislación e directrices da OMS

Partículas grandes, PM10. - Mentres a lexislación europea permite valores límite na atmosfera en media anual de 40  microgramos/metro cúbico (ug/m3), a OMS recomendaba ate agora un máximo de 20 ug/m3 e  os novos niveis de setembro 2021 quedan fixados  en 15 ug/m3. A diferencia é notable.

Partículas finas, PM2,5. - A lexislación vixente europea ten como  media anual de valores limite para protección da saúde 20 ug/m3 cando na actualidade a OMS recomendaba nas súas Directrices un valor que era a metade do lexislado, 10 ug/m3  e  agora os novos niveis fixan o valor límite en 5 ug/m3. 

Si nos preguntamos cal é a situación de Galiza, a OMS  no 2016 nun Mapa mundial recollía que preto da metade da poboación galega estaría respirando aire contaminado con partículas PM2,5  e nas 7 cidades importantes  e as súas áreas de influencia terían valores comprendidos entre 11 e 19 microgramos/m3. Si tomamos como fonte oficial de información a Consellería de Medio Ambiente da Xunta (páxina meteogalicia.gal)  en datas recentes afirma: 

a) Informe anual calidade do aire 2020  publicado en xullo 2021  para PM10 : “ Entre os anos 2016-2020 a evolución da calidade do aire para PM10 tivo un empeoramento progresivo, incrementándose o número de habitantes expostos a niveis de concentración por riba  do limiar superior”. 

b) Para os anos 2019 e 2020 os Informes mensuais calidade do aire da Xunta en acumulado anual, dan os seguintes valores medios anuais  de PM10 e PM2,5  : 

Partículas grandes e partículas finas. / Mundiario

 Partículas grandes  PM10 e partículas finas, PM2,5. 

Dióxido de nitróxeno, NO2. - Algo similar ocorre con outro contaminante o NO2, mentres as directrices OMS  recomendaban 20 ug/m3 en valores de concentración anual  e agora trata de diminuilos a  10 ug/m3,  a lexislación europea está anclada en 40 ug/m3 .

As áreas metropolitanas de Madrid  e Barcelona  que alcanzan valores próximos a 40 ug/m3 en media anual están entre as cidades europeas con máis mortalidade por dióxido de nitróxeno, con máis de 2.000  mortes prematuras evitables  no primeiro caso e cerca desa cifra no segundo. 

Na Galiza  os valores   medios anuais do ano 2019 están comprendidos entre  10-13 ug/m3 de Lugo e Ferrol e 26-27 de Coruña e Vigo e no ano 2020  entre  7,2-13 ug/m3 en  Ferrol, Lugo e Santiago e  15-23 Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ourense .

En resumo, na Galiza nas cidades non estamos a niveis de contaminación de grandes urbes  densamente poboadas, pero si temos unha calidade de aire que non cumpre as Directrices da OMS do momento actual e moito menos das novas Directrices propostas agora, aínda que en numerosos casos (non sempre),  cumpra a “laxa e permisiva” lexislación vixente. 

A política oficial da Unión Europea non sigue, nin de lonxe, as recomendacións e Directrices da OMS e ten no presente e cara o futuro un reto importante que perseguir: rebaixar os valores  lexislados de contaminantes e achegarse canto antes as Directrices OMS sen esperar ao 2030 ou 2050. Para evitar mortes prematuras e aforrar custos sanitarios e outros, perseguir benestar e unha atmosfera saudable,  a UE e os gobernos de China, India, Estados Unidos, Xapón... deben apurarse pensando no medio ambiente e a saúde, esquecéndose dos  grandes intereses que van en sentido contrario, intereses económicos de grandes empresas e multinacionais relacionadas co carbón, petróleo, gas... ligadas ao transporte, electricidade... e mesmo a agricultura intensiva. Deben repensar o modelo de vida  despilfarrador, o modelo de transporte, residuos, vivenda, urbanismo, alimentario...  Ainda que a UE é a que ten que asumir o reto lexislativo lanzado pola  OMS, o Goberno do Estado español, si quere ten aqui un importante papel e non pode  nin debe quedar á marxe.

POUCA PREOCUPACION  DENDE A XUNTA E A FISCALIA DE MEDIO AMBIENTE

En outubro do 2016 o autor deste artigo presentou  un escrito  por correo electrónico a Consellería de Sanidade, Consellería de Medio Ambiente e ao Fiscal de Medio Ambiente  solicitando que se aplicasen  as directrices e valores Guía da OMS relativos a concentración de partículas PM10 na atmosfera, debidamente documentado.  Escrito que non tivo contestación. 

En xaneiro do 2017 preséntase  unha queixa a Valedora do Pobo por silencio  inxustificado  e non contestación de Organismos Oficiais.  Queixa  que é aceptada tendo que contestarlle á Valedora a Consellería de Medio Ambiente (a través de  Calidade Ambiental e Cambio Climático)  e a Consellería de Sanidade. En xullo do 2017 a Valedora en escrito enviado ao peticionario aduce que en ambos casos  xustifícanse con que os valores legais da UE son os vixentes e deben ser aplicados (non din nada cando frecuentemente os superan). A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático manifestaba: A utilización dos valores Guía da OMS como valores límite, substituíndo os valores lexislados a nivel europeo nunha parte do territorio da Unión Europea, pervertería o obxectivo da Directiva 2008/50/CE, unha avaliación da calidade do aire homoxénea para toda a Unión Europea.”

Con relación ao silencio e non resposta da  Fiscalía a Valedora do Pobo manifesta que non pode coñecer as accións xudiciais que se promovan dende a Fiscalía neste caso. A altura de setembro do 2021  seguimos descoñecendo accións da Fiscalía.

A preocupación polo tema e a necesidade de aplicar a Directiva da OMS  levou ao autor deste artigo a publicar no 2014 “ La contaminación por particulas “ en Le Monde Dipolomatic en español Nº 223.  En setembro do 2016 en Mundiario  “ A política oficial da UE non sigue as recomendacións da Organización Mundial da Saúde”. En marzo do 2019  “ Contaminación, lexislación e mortaldade”, Informe sobre “As Partículas que respiramos ...” en Adega... @mundiario

A OMS, máis esixente, actualiza as directrices mundiais de calidade do aire
Comentarios