A obsesión do PPdeG pola victoria electoral de 2009

Anxo Quintana y Emilio Pérez Touriño. / Mundiario
Anxo Quintana y Emilio Pérez Touriño. / Mundiario

O ex-ministro franquista foi quen de pactar coa oposición existente no Pazo do Hórreo un Plan de desenvolvemento da Lei de Normalización lingüística e o político dos Peares fixo unha contrarreforma para satisfacer aos votantes captados polas campañas de Galicia Bilingüe.

A obsesión do PPdeG pola victoria electoral de 2009

Que Núñez Feijoo decidira celebrar, coa máxima relevancia publicitaria, os dez anos daquela vitoria electoral do PPdG que propiciou a súa chegada á presidencia da Xunta, podería ser catalogada como unha anedota atribuíbel á inevitábel e longa precampaña asociada ás citas do 28 de Abril e do 26 de Maio.Unha análise mais demorada das circunstancias políticas que presidiron o desenvolvemento de semellante década, coas reiteradas alusións críticas ao labor do bipartito, permiten pensar na importancia categórica outorgada polo inquilino de Montepío á derrota do goberno de coalición PSdG-BNG naquel inverno de 2009.

Se o goberno presidido por Pérez Touriño foi tan nefasto como predican dende as tribunas do PP, por qué insistir na lembranza dunha experiencia que nin sequera completou o horizonte temporal -catro anos- que resulta habitual nas lexislaturas? De duas, unha: ou aquela andaina tivo un valor pedagóxico moi perigoso para o discurso clásico da dereita galega (“fora de nós, non existe solución”) e por iso hai que proceder a unha demonización sistemática de semellante alternativa política ou Feijoo quere agochar as notábeis carencias da súa xestión cunha atención obsesiva sobre o pasado.

Ocorre, ademais, que esta mirada polo retrovisor renuncia deliberadamente ao período fraguista (1990-2005) no que existiron moitos vectores suxerentes para realizar comparacións e tirar conclusións. O contraste entre ambas presidencias é moi revelador. Por exemplo: Fraga fixo diversas aportacións que afondaban na lóxica do Estado das Autonomías (“autoidentificación”, “Administración única”, reforma do Senado, Conferencia de Presidentes, negociación de transferencias) mentres que Alberto Núñez mirou dende o primeiro minuto para o despacho de Mariano Rajoy (primeiro na rúa Génova e logo na Moncloa), arruinando a posibilidade histórica dunha reforma do Estatuto e conxelando o nivel competencial. Para a historia ficará que o ex-ministro franquista foi quen de pactar coa oposición existente no Pazo do Hórreo un Plan de desenvolvemento da Lei de Normalización lingüística e o político dos Peares fixo unha contrarreforma para satisfacer aos votantes captados polas campañas de Galicia Bilingüe.

Tense dito, con razón, que o PPdG gañou no 2009 por deméritos alleos mais que por acertos propios. Aproveitou a desmobilización rexistrada nunha parte do electorado das forzas da coalición gobernamental por mor de diversos factores (excesivo nivel de competición interna en San Caetano, infravaloración do poder organizativo e social acumulado polo PP, forte belixerancia dun segmento relevante do mundo mediático, errada selección dunha data electoral pouco afastada dos primeiros impactos da crise económica...). A pesar do que se ten escrito e falado con posterioridade, non resulta doado identificar cal foi, naquel momento, o valor engadido por Alberto Núñez que permita explicar un éxito que nin él mesmo agardaba.

Como é sabido, o PPdG incrementou a súa maioría parlamentaria nos comicios posteriores de 2012 e de 2016. Semellante feito non se pode entender sen lembrar dúas circunstancias específicas. Dunha banda, os bós resultados acadados por este partido nas municipais de 2011 e nas xerais dese mesmo ano. E pola outra, os conflitos internos padecidos polo PSdG e polo BNG. Mais unha vez, Feijoo tirou proveito de feitos tan chamativos como a retirada de Touriño e Quintana da vida política, as consecuencias derivadas da Asemblea nacionalista celebrada en Amio ou a imputación xudicial padecida por Gómez Besteiro.

A esaxeración conmemorativa do PP a respecto do 1-M de 2009 contrasta coas poucas análises realizadas durante todos estes anos polos protagonistas daquela coalición gobernamental. PSdG e BNG fixeron unha reivindicación “ligth” das luces que foron quen de proxectar a toda a sociedade galega e non acometeron a necesaria reflexión autocrítica sobre as sombras presentes naquela experiencia. Ambas formacións -e as que xurdiron posteriormente no ámbito da esquerda e do nacionalismo- saben que, se no futuro hai condicións para facer efectiva unha alternativa na Xunta, será necesario corrixir os erros do pasado e actualizar o valioso capital político acumulado entre 2005 e 2009. @mundiario

A obsesión do PPdeG pola victoria electoral de 2009
Comentarios