O Marisquiño, unha nova oportunidade perdida para os dirixentes políticos

López Veiga e Abel Caballero. / Concello de Vigo
López Veiga e Abel Caballero. / Concello de Vigo

Resulta obsceno o espectáculo de atribución mutua de culpabilidades protagonizado por dous políticos, Enrique López Veiga e Abel Caballero, que teñen en común a pertenza a partidos que gobernan con maioría absoluta nas súas respectivas administracións.

O Marisquiño, unha nova oportunidade perdida para os dirixentes políticos

No episodio acontecido no Marisquiño de Vigo estase rexistrando unha coincidencia significativa:a presunta fatiga dos materiais da plataforma portuaria que acollía a unha parte das persoas que presenciaban os concertos do devandito festival convive coa forte resistencia a calquera asunción de responsabilidades políticas por parte das cabezas visíbeis das institucións involucradas: Autoridade Portuaria e goberno municipal.

Resulta obsceno o espectáculo de atribución mutua de culpabilidades protagonizado por dous políticos (Enrique López Veiga e Abel Caballero) que teñen en común a pertenza a partidos que gobernan con maioría absoluta nas súas respectivas administracións (Xunta e Concello). Esta circunstancia, no canto de ser unha oportunidade para facer unha demostración pedagóxica da ética e do talante que deben exercer os cargos públicos ante sucesos de semellante gravidade, actúa como incentivo de impunidade ante as demandas de transparencia que se formulan dende o corpo social. Neste caso, ademais, concorren dous antecedentes relevantes: López Veiga foi conselleiro de Pesca cando tivo lugar a catástrofe do Prestige e Caballero ocupou, hai algúns anos, o mesmo posto que agora desempeña o membro do PP vigués.Xa que logo, ambos políticos tiveron experiencias adicionais que non lle permiten, agora, alegar ignorancia ante este tipo de sucesos.

A traxedia do Alvia en Angrois, os incendios forestais do outono pasado ou este accidente do Marisquiño constitúen exemplos ilustrativos da cultura política dominante nos partidos tradicionais (PP e PSOE).Cando suceden feitos coma eses, a reacción é sempre a mesma:transladar a resolución dos problemas ao ámbito xudicial e rexeitar todo o que signifique recoñecer erros na xestión dos recursos públicos.En todos eses casos non se conxugou o verbo dimitir. Ninguén abandonou o seu cargo na estrutura da Xunta, no concello de Vigo ou na dirección das empresas públicas de transporte.

A poucos kilómetros do territorio galego, no ano 2001, dimitía o ministro portugués de Obras Públicas polo derrubamento dunha ponte -como agora en Xénova- coa terríbel consecuencia de varias persoas mortas. O ano pasado, outra ministra -a de Administración Interna- abandonaba o goberno do pais viciño por mor dos gravísimos incendios forestais rexistrados no verán.

As maiorías absolutas non poden ser cheques en branco para avalar comportamentos prepotentes e prácticas de populismo caudillista. Cando se reivindica a rexeneración da vida política estase apelando á necesidade dunhas prácticas moi diferentes ás que hoxe están protagonizando estes dirixentes políticos. @mundiario

O Marisquiño, unha nova oportunidade perdida para os dirixentes políticos