O mar que esmorece

Pintura de un marinero en su barco de pesca. / Pixabay
Pintura dun mariñeiro no seu barco de pesca. / Pixabay
Holanda, que é un país produtor de enerxía eléctrica mariña. colocou os muiños de vento en zonas de mar protexidas.

Ben me lembro do tempo -aló polos anos 50 do século pasado- no que embarcacións de toda caste e todas elas con casco de madeira, ían e viñan pola ría de Arousa cos aparellos largados. É dicir: pescando.

Había quen se escandalizaba por faenaren nas rías e anunciaba días de viño e rosas que sen dúbida  chegaron. E tanto que chegaron. Por exemplo obrigando aos mariñeiros locais a emigraren a outros territorios para exercer neles o oficio que non podían exercer en Galicia.

Algunhas das embarcacións da daquela "rexión galega" tiñan como obxectivo fundamental a pesca dee baixura e unha adicación especial: asardiña. Mais non desbotaban, non, a posibilidade de capturar xouba. Como tampouco renunciaban á carioca cando correspondía. 

Non sei de que malla serían os aparellos que empregaban daquela para acadar grandes copadas de trancho. Pero sí podo dicir que a xouba (sardiña pequena), a carioca (cría de pescada) e o trancho eran -o trancho prácticamente desapareceu- especies que, para as pescar, debían utilizarse aparellos de moi pequena malla de luz. Usábanos os barcos propios da ría de Arousa e moitos outros que a esta zona arrumbaban procedentes da Costa da Morte e mesmo do Ortegal e non sempre -ou exclusivamente- para consumo en fresco ou en conserva. Tamén se vendían as capturas para carnada de barcos de maior porte que precisaban deses peixes pequenos para  capturar outros maiores: por exemplo, o bonito.

Co paso dos anos, a carioca foi a menos e a pescada non estaba en todas as mesas de Galicia. Incrementouse o seu prezo e moita xente de mar coidou daquela que o que se pagaba pola pescada nas lonxas e mercados de abasto compensaba a súa escaseza á hora de pescar.  A xouba tamén diminuiu en cantidade  e con ela mermaba alarmantemente a sardiña. Díxose que era unha cuestión cíclica, que o mesmo fallaba un ano como abundaba enormemente ao ano seguinte. Pero o trancho foi esmorecendo e un día o mar dixo que non paría máis exemplares desta especie. Hai anos que só de cando en vez aparecen uns tranchiños como especie acompañante. 

Se os aparellos deron a mala nota, o pior chegou coa dinamita dentro e fóra das rías. Algún mariñeiro quedou manco ao guindar ao mar o esplosivo. Pero non pasaba nada, cousas do mar e da pesca. En Camariñas un fillo de mariñeiro díxome que na súa vila toda a vida se usara a dinamita. E a pesca foi reducíndose sistemáticamente.

Xarda, xurelo, corcito, bocarte e sardiña foron especies en franca diminución ata que a pesca se industrializou e os barcos foron obrigados a empregar aparellos de maior malla que deron, ou permitiron dar, un maior respiro as pesqueiras tradicionais. Houbo que regular estas pesqueiras e, coa regulación, producíronse maiores copadas que fixeron que baixaran os prezos e que o peixe como o lirio, o xurelo ou a sardiña -ás veces tamén outras especies de máis valor- foran parar ás fábricas de fariña de peixe ou guindadas ao mar dende os barcos en sinal de protesta pola baixa cotización que acadaban na lonxa. 

Construíronse novos barcos. O ferro ou aceiro substituiron ás madeira e producíuse un fenómeno imprevisto: mariñeiros e patróns convertidos en armadores. Os caladoiros europeos abríronse aos barcos galegos, ao mesmo tempo que as compañías armadoras galegas mercaban barcos no País Basco, en Asturias, en Francia, Reino Unido, Alemaña ou Holanda. Nunca fora así, porque Galicia era a que vendía.  Ata que chegou a verdadeira industrialización da pesca, con sofisticados elementos auxiliares de navegación e pesca que permitiron afondar cada vez máis os aparellos e que estes, polo incremento na potencia dos motores dos barcos en arrastre, sumaran metros e máis metros de longo para pescar cada vez máis e con menos esforzo persoal.

 E xa co tren de bolos, os fondos mariños comezaron a dar a voz de alarma: nin flora nin fauna. E veu outra regulación que prohibía o uso deste sistema de pesca. Recorreron os armadores ó uso de artes peláxicas e ó emprego das denominadas "cortinas da morte". Foi o máis chamativo. Os cerqueiros queixáronse polo emprego de volantas e os volanteiros acusaron de depredación aos arrastreiros. Pero, dun ou doutro xeito, a industrialización do mar estaba no seu pleno apoxeo. E nestas sigue. Agora ven un paso máis avante: a presenza no mar galego de muiños de vento, de aeroxeradores que levarán a terra máis potencia eléctrica. 

Onde se van instalar?... Holanda, que é un país produtor de enerxía eléctrica mariña, colocou eses muiños de vento en zonas de mar protexidas, o que podería entenderse coma un chamado ou "patada a seguir" (coma no rugby) en Galicia, situando estes aparellos mecánicos no interior das rías. Será así? Apostaría a que non, entre outras cousas polo gran dano que se ocasionaría á pesca e, polo tanto, á economía de moitos pobos e ao emprego.

Pero que  a industrialización do mar segue avanzando é unha evidencia que afecta a un sector tan fundamental en Galicia como é a pesca, resulta tan certo como que, malia todo, os pescadores ven que mallan no mar sardiñas, bocarte, xarda, xurelos, etc., que Europa -coa anuencia de estados como España- non queren recoñecer descoñezo por que, pero prohibindo mediante o reparto de TAC e cotas que se poida pescar parte do moito que o mar aínda ten.

Se levar ao mar os aeroxeradores contribúe a esa industrialización que semella imparable e non se conta do sector para avaliar o ben e o mal da medida, Gallicia sairá perdendo e a pesca, como sector, desaparecerá en non moitos anos. @mundiario

Comentarios