O futuro do diesel

Una gasolinera de Repsol.
Unha estación de Repsol.

Unha nova lei de cambio climático prevé fomentar as renovables e prohibir o 'fracking' e o Goberno propón vetar as vendas de coches de gasolina e diésel en 2040. Onde se orixinan as altas emisións e que papel xoga o transporte?

En xullo do 2018 o Ministerio para a Transición Ecolóxica  fixo publico un “Avance del Inventario de Emisiones de Gases de Efecto Invernadero (GEI)” con datos correspondente ao ano 2017, documento que aseguraban ia remitir a Comisión Europea. Os datos preliminares que aportaban revelaba que as emisións no Estado Español alcanzaran  338,8 millóns de toneladas de CO2 equivalente o que supoñía un aumento do 4,4% respecto do ano anterior, cifra que situaba as emisións globais nun 17,8% por riba do ano 1990.

Estas cifras chocan co obxectivo do Ministerio para a Transición Ecolóxica que propón reducións do 20% sobre o nivel de 1990 para o 2030, polo que ten para esa data que diminuír mais da terceira parte das emisións actuais. Nota de prensa xa  asegura  que cos datos do 2017 se ofrece un balance negativo e polo tanto precisaba definir unha folla de ruta para manter uns resultados óptimos cara o futuro.

Pero podemos preguntarnos: onde se orixinan as altas emisións e que papel xoga o transporte nestes datos?

> As emisións procedentes dos sectores suxeitos ao réxime de comercio de dereitos de emisión da UE, onde non está o transporte,  representan un 40% do total e aumentaron no 2017 un 10,3% respecto do ano anterior, mentres as emisións dos sectores difusos (residencial, comercial, institucional, transporte, agrícola e gandeiro, xestión de residuos, pequena industria...) representan a porcentaxe restante e so aumentaron o 0,6%.

> Mentres a xeración de electricidade (centrais térmicas) e a actividade industrial representan o 42% das emisións totais de GEI o transporte por estrada  representa o 25%.

> A emisión das centrais térmicas (21%) e do refino de petróleo (3%) son semellantes a emisión do transporte por estrada (25%).

> Mentres as centrais térmicas aumentaron un 18,8% as emisións de GEI respecto do 2016, a industria aumentou un 4,2%, a agricultura un 2,9%, o transporte curiosamente un 2,5% .

Esta situación do 2017  non é nova, mesmo no 2009 o 45% das emisións en España dependían do sector industrial, eléctrico, cemento, siderurxia e refino, e no 2012 o Estado -segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, EEA- era xunto con Austria, Liechtenstein e Luxemburgo o pais europeo que necesitaba comprar mais dereitos de emisión de dióxido de carbono en proporcións a súas emisións.

Na actualidade a folla de ruta escollida polo Goberno para intentar cumprir os acordos internacionais van no camiño de “apurarse para ver si cumprimos” e pensase que con tocar o transporte o tema solucionase. A  Lei de Cambio Climático que pretende levar ao Parlamento vai ter no punto de mira ao motor de combustión e remataría coa  venta de coches diésel, gasolina, a gas ou híbridos no 2040, mesmo prohibiríase a sua circulación no 2050 , parece que sobrevirían os eléctricos e os coches de hidróxeno. Esta proposta non é nada orixinal xa que antes  propagouna  Gran Bretaña e  outros países con calendario diverso como Alemaña, Dinamarca, Noruega, Holanda...

Sin dúbida o transporte por estrada é un factor de contaminación moi importante non so en GEI senón tamén en ruído, monóxido de carbono, hidrocarburos, compostos de nitróxeno, partículas ... compostos que afectan de forma notable a nosa saúde e ao medio ambiente, pero existen  outros sectores  e focos tanto ou mais contaminantes  como evidencian os datos do propio Ministerio. Entre os grandes contaminantes están centrais térmicas, refino de petróleo, industrias diversas: fábricas de cemento,  celulosas, alumina e aluminio,  química, siderurxia... , de todos eles non se di nada. Non sería conveniente que o Plan de redución de emisións fora global e abarcase e implicase a todos os sectores ?, e por enriba de todo que fose realista.

Estamos interesados en aire limpo e cidades sen contaminación, pero como podemos conseguilo cunha lexislación permisiva que nin se cumpre , cunhas fábricas de automóbiles que fan fraude e cunha xestión de tráfico miope nas cidades.

A lexislación actual é moi  permisiva aínda que foi cambiando ao longo dos anos : emisión nos diésel de 500 mg/km de óxidos de nitróxeno (Nox) no ano 2000 e pasaron a 80 mg/km no ano 2015, e tamén moi permisiva comparada con outros países, en Europa coa Norma Euro-6 aprobada no 2014 os coches diésel teñen  limite de emisións para Nox de 80 mg/km e en Estados Unidos so  47 mg/km , quizá este aquí a razón de que mentres en Estados Unidos  circula o 3% dos coches con diésel, aquí en Europa é do 53%. No Estado Español  estiman que menos do 10% dos vehículos que circulan hoxe cumpren a Euro-6.

As mesmas fabricas de coches contribuíron a alta contaminación xa que fan trampa, como se demostrou en Estados Unidos no 2015 con Volkswagen, recoñeceron que manipulaban os motores dando emisións decenas de veces superiores as que certificaban, todo para cumprir no papel coa normativa legal. O caso de Volkswagen non é único dende aquela xa se descubriron fraudes noutras marcas de automóbiles.

Proba de que existe unha xestión de tráfico miope nas cidades e que moitos concellos teñen pouca preocupación é o seguinte:

> Non se ten en conta a necesidade de potenciar, abaratar e mellorar o transporte publico, as cercanías e ferrocarril.

>  Non se busca adaptar os horarios  dos colexios e centros públicos para evitar colapsos de tráfico, e o mesmo en centros empresariais.

> Non se proxectan carriles bici nin se pechan ou reducen zonas ao tráfico, salvo excepcións contadas.

> Non se estudan cambios de hábitos nos cidadáns e  campañas para ir andando ao traballo ou colexio ou utilizar transporte sen gasto de combustibles fósiles.

> Ademais dende outras instancias non se inflúe para que as fábricas modifiquen os motores de combustión e se busquen outros carburantes, e non se forza aos Concellos a planificar barrios e cidades modernas, saudables  e sostibles ecoloxica, económica e socialmente.

Ao final si todo falla o Goberno sempre ten a saída de  “borrón e conta nova” aínda que podan existir outras alternativas e as alternativas sexan claras e posibles.

Por último dicir que os galegos sabemos que o transporte é contaminante  pero temos no noso territorio  dous grandes focos  que emiten  mais GEI que todos os vehículos xuntos que circulan por Galicia. No ano 2017 Galicia,  emitía o 17,48% de todos os GEI das empresas que declaran no Rexistro de emisións PRTR do Estado e eramos a segunda maior emisora,  dúas centrais térmicas (As Pontes e Meirama) figuran con emisión de mais de 10 millóns de toneladas de dióxido de carbono,  As Pontes  non so é a principal emisora  en Galicia e no Estado, no ano 2016 emitía 6,9 millóns de toneladas de CO2, no ano 2017  alcanzou 8,1 millóns de toneladas, os coches por suposto non aumentan as emisións así. Onde está a descarbonización? Onde se debe incidir?

Xa nos gustaría  un Plan de choque  do Goberno global  que tivese en conta o peche das térmicas incluso a menos anos vista. @mundiario

Comentarios