O desexo do eterno

Libros. / RR SS
Libros. / RR SS

O presente esixe, igual que o fascismo, presteza para dicir a qué pertencemos e a que non mentres que afogamos nunha ola que nos fixo cambiar debate por discusión a berros, solucións por trampeos rápidos e personalidade por reputación social.

O desexo do eterno

Escribir e ler son formas de conversar. Hai persoas ás que lles gusta tanto a conversa que escriben porque dese xeito poden seguir comunidando eternamente, dende o alén, eludindo unha morte segura. Ler é, por outra banda, a oportunidade de conversar con outras mentes, de persoas que nunca coñecemos e que probablemente nunca chegaremos a coñecer. 

Dicíao Descartes, que ler "é a oportunidade de conversar coas mellores mentes do pasado" e nunha era de tiktok, tinder, facebook, instagram e outras redes que permiten a elección de contidos poñendo a énfase na imaxe,  a lectura segue a ser o que sempre foi: un acto de rebeldía. 

Con cada lectura poden aparecer as pantasmas do pasado para poñelo todo patas arriba; hai lecturas, que como algunhas personas, nos elevan ao mellor do mundo e a vida e outras que, como algunhas personas tamén, consiguen facernos caer na escuridade. Persoalmente, esto a min pasoume cando me atopei con Tolstoi e A morte de Iván Ilich, non tanto pola morte como pola reflexión sobre a vida mal vivida, pero de tódolos xeitos, non vos enganedes, todo, igual que nas páxinas dun libro, vai dentro de nos e a literatura é ese escenario de guerra no que unha eterna historia de loita se articula. 

Cando collemos un libro da man facémonos preguntas, non sempre cómodas e cando escribimos imos contra todo e contra todos: contra o pasado, o presente e un posible futuro pero tamén contra o que pensamos de nos, das nosas virtudes e as nosa supostas limitacións, contra eses medos que ás veces, cando temos o papel en branco diante, nos paralizan para escribir. 

Á escrita sucédelle o mesmo que as pantasmas: é tan ambiciosa que quere ser eterna, recoñecida, amada. Quere mostar ao mundo, a berros, unha visión; quere vivir na memoria da xente. 

Fai dous anos coñecín a un editor que me dixo que unhas das primeiras cousas que tiña que facer para ser unha boa escritora, ademáis de "escribir, escribir e escribir" era saltar a area só no meu propio nome, construir o meu propio nome. 

Non foi o único consello do meu amigo, o editor, pero tódalas cousas que me foi contando as fun atopando logo na literatura. Non puiden evitar sorrir cando vin vestida de tinta esa ensinanza, coa frase "que cada persoa constrúa a súa propia catedral. ¿Para qué vivir de obras axenas?". 

Parece sinxelo facelo así pero nun mundo no que na política e nas redes se perden as formas e as capacidades críticas "futbolizándose" a totalidade dos escenarios da vida hai que ter coidado coa tiranía das emocións polarizadas e voltar á nosa identidade xenuina, sen ese desexo constante de mostrala ao mundo, facéndonos preguntas, creando o santuario do noso fogar interior. 

Este mundo no que vivimos nos esixe, igual que o fascismo, presteza para dicir a qué pertencemos e a que non. Rapidez para o desprezo cara o diferente e cara o que se pon de lado porque non pode ou non quere, poñerse de fronte. 

Estamos na ola da pandemia, non sei xa en cal, pero levamos anos afogando nunha ola na que decidimos cambiar o debate pola simple discusión a berros, as solucións polos trampeos rápidos e o ser pola simple reputación social. 

Voltemos aos libros, escribide, lede, soñade. Facédevos preguntas, sentide raiva para que poidades escapar de onde non queredes estar, sentide amor, odio, calma. Aprendede, desaprendede, comezade. E isto último facédeo tódalas veces que sexa necesario. 

Vivide, cun libro do brazo e unha libretiña na man. @mundiario

O desexo do eterno