O congreso, un test de estrés para o PPdeG

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario

A “fuxida” de Feijóo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do país. Só se apontaron 4.564 para decidir as preferencias vixentes no territorio galego. E só votaron 3.979 persoas nunha cita desta trascendencia.

O congreso, un test de estrés para o PPdeG

O PPdG ven de pasar un test relevante para xulgar as fortalezas e as feblezas que posúe como organización política. A votación para elixir á persoa substituta de Mariano Rajoy, ademáis da selección adicional de quen vai acoder á cita congresual dos vindeiros días, requiría a previa inscrición nun censo específico. Aquí radicou a primeira sorpresa deste proceso: só se apontaron 4.564 –un 4,5% das 100.000 afiliadas e afiliados teóricamente existentes– para decidir as preferencias vixentes no territorio galego. E só votaron 3.979 persoas nunha cita desta trascendencia. Para tomar unha referencia comparativa, na Asemblea Nacional celebrada polo BNG nas primeiras semanas do ano 2012 –a que tivo lugar no mercado de Amio– participaron arredor de 4.500 persoas, case o 50% da afiliación existente naquel momento na forza nacionalista. A pesar de que a importancia das cuestións abordadas en ambos casos era moi relevante, a diferenza no nivel de participación resulta especialmente reveladora do estado no que se atopa o partido dirixido por Feijóo.

Dende 1977 tense construído unha certa mitoloxía sobre a fortaleza invencíbel do actual PPdG. Obviamente, non se poden descoñecer determinados feitos moi significativos: dende o nacemento formal das institucións autonómicas, esta formación política controlou o goberno galego durante 31 dos 37 anos de vixencia das mesmas e ostentou, ao mesmo tempo, a dirección da maioría dos concellos e das deputacións. Certamente, en moitas ocasións, os resultados vitoriosos foron mais atribuíbeis aos notábeis deméritos protagonizados polas sucesivas forzas opositoras que ás virtualidades demostradas polas equipas gobernantes. E tamén constitúe unha evidencia a persistencia dun sistema mediático, público e privado, que retroalimentou, coa súa benevolencia e cativo pluralismo, a hexemonía continuísta de semellante poder político.

O PP é un xigante electoral mais ten algunhas eivas que non pode seguir agachando. A “fuxida” de Núñez Feijóo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do País. Votos si, moitos, pero persoas afiliadas coa cotización actualizada moitas menos.E dispostas a participar nun proceso interno no que, ademais, non se postula o caudillo de Montepío, moi poucas.

E se colocamos o criterio valorativo na dispoñibilidade para compartir un exercicio colectivo de contraste de ideas e proxectos, os resultados son demoledores:semellante debate nin está nin se lle agarda. Ben é certo que a responsabilidade principal desta escandalosa carencia reside na incapacidade dos cadros dirixentes para falar de algo que non sexa o reparto do poder interno. O espectáculo que proporcionan Santamaría e Casado arruína calquera expectativa de polémica solvente sobre propostas e programas. Por iso non fan o debate previamente anunciado:para escenificar unha loita descarnada polas cadeiras da rúa Génova, mellor facela na opacidade conspiratoria ben coñecida polos protagonistas.

O artigo 6 da actual Constitución española afirma literalmente que “os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son ferramenta fundamental para a participación política”. Este congreso do PP supón unha emenda fáctica á finalidade establecida nesa norma básica. A conclusión resulta pertinente:entre a comemoración retórica dos 40 anos de vixencia do texto constitucional e o cumprimento real de moitas partes do mesmo hai unha distancia incompatíbel coa sustentabilidade dunha cultura democrática de calidade. @mundiario

Suso Veiga

Comentarios