Núñez Feijóo é responsábel da situación sociosanitaria actual de Galicia

El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. / Xunta
El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. / Xunta
As decisións en clave de País foron o mellor de Feijóo na xestión da pandemia. O peor, a súa responsabilidade por falla de control e inspección na caótica xestión de moitas residencias privadas.
Núñez Feijóo é responsábel da situación sociosanitaria actual de Galicia

O mellor de Feijóo na xestión da pandemia foron as decisións en clave de País de decretar a emerxencia sanitaria e continuar facendo tests. O peor, a súa responsabilidade por falla de control e inspección na caótica xestión de moitas residencias privadas, a súa responsabilidade nas realladas sofridas entre 2009 e 2015 pola sanidade pública e a súa adhesión a un Mando Único estatal que el sabía estaba condenado ao fracaso.

As mellores decisións do Presidente da Xunta fronte a pandemia foron as inspiradas pola responsabilidade política de dirixir un país: a suspensión das aulas do 12-M, o Decreto de emerxencia sanitaria do 13-M que pechou comercio e hostalería (por certo promulgado ao abeiro da Lei de emerxencias de Galicia do goberno de coalición BNG-PSdeG, aprobada no 2007) ou a continuidade de testar positivos despois do 16-M malia a desaquelada orde do Mando Único naquela primeira fin de semana do peche de só testar doentes graves.

Pola contra, o Presidente galego fallou cando concordou na noite do sábado 14-M co concepto do Mando Único estatal que viña de impor sen consulta ningunha aos Gobernos autonómicos o Goberno central. Núñez Feijóo leva gobernando Galicia once anos e foi director do Insalud outros tres. Sabía abondo que o Ministerio de Sanidade non tiña experiencia nin medios personais e materiais, nun Estado plural, para exercer ese imposíbel Mando Único.Tampouco foi quen de xuntar o valor abondo para reclamar, naqueles fulcrais días 11 a 16-M, a blindaxe de Galicia e o peche de Madrid.

Para alén das decisións destas semanas, o Goberno galego do PP haberá responder da súa política social, sanitaria e educativa nestes 11 anos. Velaí a desproporcionadísima cantidade de contaxios nas residencias de maiores privadas ou públicas de xestión privada (en comparanza coas 18 residencias de xestión pública que tiñan só 25 por xunto o 17-A), os case 15 M€ (+30%) achegados polo sector público adicionalmente ao privado neste sector entre 2010 e 2015, a porcentaxe de mortos en residencias nos últimos días (case o 60% na Galicia na semana do 4 ao 11-A) e máis o desleixo histórico por parte da Xunta nos seus labores de inspección e control das residencias xestionadas polo sector privado.

Non hai tampouco apoio real nesta andaina ás persoas autónomas e pemes galegas, en comparanza con Catalunya, Euskadi, Nafarroa ou Andalucía. Grave eiva que se xunta ao cativeiro apoio que lles ofrece o Goberno central. É verdade que a liña de avais por 250 M€ do IGAPE para estes destinatarios é aquelada, mais  absolutamente insuficiente. O que non fai senón seguer o ronsel dun Goberno galego do PP que leva 11 anos sen desenvolver políticas eficientes de promoción empresarial. Tampouco hai solucións para a comunidade educativa, alén de lle botar a culpa ao Goberno central.

Para non falar de que as deficiencias dos nosos servizos públicos sanitarios, educativos e sociais están intimamente vencellados con estes 11 anos de retalladas. Nun servizo como o sanitario, onde o principal investimento é o cadro de persoal, entre o 2009 e o 2011 o recurte foi de máis dun 12 %, case 1000 M€. Até o 2016 non se acadou o orzamento sanitario de 2009. Traduzamos estes números á capacidade de resposta contra a COVID-19 e habemos entender mellor o cadro. @mundiario

 

       

Comentarios