Buscar

Novo Goberno galego: qué facer?

Non promete un futuro moi glamuroso nen parece feito para brillar, pero creo que os galegos agradecerán máis saír do paso e quedar máis ou menos como estaban, o cal xa en sí é un gran reto.
Novo Goberno galego: qué facer?
Toma de posesión dos conselleiros en San Caetano. / Mundiario
Toma de posesión dos conselleiros en San Caetano. / Mundiario

Miguel Anxo Bastos

Profesor de ciencia política.

Non fai falla especular muito sobre cales han ser as prioridades do novo Goberno galego. A súa composición o amosa moi claramente. O ascenso do conselleiro de Economía a vicepresidente amosa satisfacción coa súa xestión e marca unha prioridade cara a xestión económica, que se prevé continuista ao ofrecer unhas cifras comparativamente menos malas que outras comunidades. A educación e a saúde van ser protagonistas tamén, o que pode ser deducido pola mudanza dos seus titulares, o que parece indicar que pola razón que sexa a súa xestión debe ser cambiada total ou parcialmente.

Pero houbese cambios ou non, estas ían ser sen dúbida as prioridades na xestión, prioridades impostas  e non escollidas. E como apuntou  o novo presidente no seu discurso de investidura, os galegos van ter que esquencer muitos soños, pois bastante sería quedar tal cal estábamos fai uns meses.

En política dase unha extraña querencia  por parte dos gobernantes e dos medios de comunicación a querer deseñar o futuro e tentar establecer prioridades e plans e muito máis cando se presenta un governo novo. A nosa comprensión da política lévanos a pretender unha sorte de xestión racional dos problemas públicos, de tal forma que establecemos unhas prioridas logo materializadas en obxectivos a cumprir pola administración. Pero por desgraza o proprio discurrir da vida leva a que aparezan imprevistos, un tras outro, que desbaratan os mellores proxectos e o que é peor: collennos sen preparar.

Unha administración sensata nestes tempos, e atreveríame a decir que en ningún, non faría plans a longo prazo senon que estaría deseñada para atender imprevistos, que poden ser moi graves na nosa situación. Ninguén pode pretender, nen a cidadanía nen a  clase política,  proxectos sen ter en conta que a día de hoxe non hai certidume sobre muitos aspectos vitais da nosa sociedade. Isto é, non sabemos ainda que é o que debe facer o novo governo, por muito que muitos medios de comunicación xa lle poñan deberes.

Fai uns anos o estatístico Nassim Taleb escribiu unha  fermosa troloxía sobre a incertidume con títulos  na súa edición castelán como El cisne negro, Antifrágil o Jugarse la piel. O segundo deles aborda a cuestión do deseño correcto dos sistemas sociais e económicos en xeral e dos político-administrativos en particular. Nel reclama que estes sexan deseñados nen para atender obxectivos a longo prazo nen  para unha ilusoria busca da eficiencia senon para xestionar de forma robusta os problemas cotiáns.

A administración debería ante todo ser robusta, isto é non romper nuca pase o que pase, e ser resiliente a calquera tipo de evento. Debaría parecerse máis a un robusto todoterreno que aun estilizado deportivo por moi sofisticado e veloz que sexa. O primeiro vale para todas as situacións mentras que o segundo, se ben moi fermoso e sofisticado, non pode atravesar un lameiro imprevisto pois só e válido para circular por autoestadas ou vías ben asfaltadas.

Gostei por tanto muito das declaracións do presidente e tamen das réplicas da oposición. Non propuxeron un radiante porvir, como decían os comunistas soviéticos no comezo da súa era, sino simplesmente sair do paso da mellor forma posível. O novo governo parece pensado nesa liña. É certo que non promete un futuro moi glamuroso nen parece feito para brillar, pero creo que os galegos agradecerán máis saír do paso e quedar máis ou menos como estaban, o cal xa en sí é un gran reto, que tocar os ceos coas máns como quería o camarada Mao. @mundiario