Outras eleccións poden abrir unha xanela para que o soberanismo galego volte ao Congreso

Paco Rodríguez. / El País
Paco Rodríguez, ex deputado do BNG no Congreso. / El País
A irresponsabilidade e falla de utilidade da esquerda española (PSOE e UP –Galicia en Común, no noso país–) abriríanlle a oportunidade ao soberanismo galego de acadar representación parlamentaria en Madrid, se sabe reaxir con intelixencia e xenerosidade.
Outras eleccións poden abrir unha xanela para que o soberanismo galego volte ao Congreso

A esquerda española ten amosado estes meses a súa  absoluta irresponsabilidade e falla de utilidade. Velaí a maioría progresista dende decembro de 2015 que non foi quen nin  de derrogar a lei “mordaza”, nin a grave restrición da autonomía local da Lei de modernización dos gobernos locais nin a recentralizacion e xentrificación da educación da Lei Wert.

Arestora ficou claro dabondo. Como cantaban os nosos veciños asturianos Los Berrones a esquerda española (PSOE e UP, que na Galicia preséntase baixo a bifronte fórmula Tone Gómez-Reino/Yolanda Díaz como Galicia en Común) nin sabe, nin vale, nin quere. Como ven de escrebir o noso notábel economista e literato Marcelino F. Mallo, a inoperante esquerda española emite a mensaxe da súa incapacidade de acordo para gobernar, amosando que esta función no Estado só a pode desenvolver o bloque da dereita tripartita. Unha dereita tripartita hoxendía minoritaria na contaxe dos votos estatais por mor da súa relativa derrota na Galicia, Euskadi, Nafarra, Catalunya, País Valencià, Illes Balears ou Canarias mais que podería gañar en novembro no conxunto do Estado dacabalo da previsíbel desmobilización do electorado progresista e da xa evidente deceleración económica.

No contexto moi probábel da volta ás urnas a inutilidade e irresponsabilidade da esquerda española e máis a desmobilzación do seu electorado abriríanlle unha pequena fiestra de oportunidade ao galeguismo para se presentar como a alternativa útil e recuperar a súa presenza no Congreso estatal. Para ilo precisa de unidade, de intelixencia e de xenerosidade. Os resultados electorais do 28-A definiron neste eido unha nidia hexemonía do BNG e, ao mellor, deixaron fóra de xogo aquela coalición nacional á corsa que constituía a solución acaída para gañar a representación na última primavera.  Mais, de calquera xeito, a fronte soberanista habería de se decatar que precisa da achega dos milleiros de soberanistas que habitan alén dos seus muros. E eses milleiros que, polo menos para concorrer ás eleccións estatais, o BNG ha xogar un rol central, malia que non exclusivo nin excluínte.

Para poder acadar os votos precisos, ilusionando onde a esquerda española desilusionou,  o soberanismo habería definir unha mensaxe clara e sinxela, que fose quen de sumar e seducir ducias de milleiros. Mensaxe alicerzada na defensa dos intereses económicos galegos e das políticas sociais a prol das maiorías, na restauración das liberdades e mellora da calidade democrática e institucional e na reversión da  recentralización para acadarmos máis autogoberno, máis e mellor financiamento autonómico e, xa que logo, máis benestar. @mundiario

 

Comentarios