Non todo vai ser baloncesto!

El técnico Moncho Fernández. / Twitter
O adestrador Moncho Fernández. / Twitter
Convídovos tamén a imaxinar que, aínda que “non vai ser todo baloncesto”, que orgullosas estariamos desde Compostela, a capital do país, se Moncho Fernández fose, por exemplo, o adestrador da selección galega.
Non todo vai ser baloncesto!

Escribo cun título que pode parecer provocador cando hai apenas unha semana que o Obradoiro ficaba fóra da ACB a pesar de gañar os últimos partidos –todos eles decisivos mais, infelizmente, non dependiamos só de nós– e de realizar unha tempada con moi pouca sorte e con algunhas irregularidades coas que xa é tradición que nos faga sufrir á afección. Mais non puiden evitar a comparación entre a campaña que no seu día protagonizou Arsenio Iglesias, “o raposo ou o bruxo de Arteixo”, e o noso Moncho Fernández, “o alquimista da Pontepedriña”. Se mal non lembro, Arsenio convidábanos a ler. Moncho estou segura de que tamén o faría, para alén de ser un home comprometido coa nosa lingua, coa cultura, e con outras causas xustas.

Doe especialmente a baixada de categoría do Obradoiro nun momento en que poderiamos ter tres equipos galegos na ACB (o Breogán, o Obradoiro e o Leyma Coruña, campión da LEB Ouro nesta tempada). Doe nun momento en que en Compostela, e na Galiza enteira, estamos a facer historia en moitos deportes. As rapazas do  Hockey Club Raxoi ascenderon á OK liga feminina, a máxima categoría. A Selección Comarcal de Santiago de fútbol feminino Sub 14 proclamouse campioa hai uns días. Nunha cidade cun estadio que se chama Vero Boquete traballamos por unha maior visibilización de todo o deporte feminino. O esforzo realizado polas xogadoras e por clubs que fomentan a canteira merece un apoio decidido das administracións.

Pouca xente hai que coñeza estes magníficos resultados do deporte feminino. Ou os resultados extraordinarios do Club Waterpolo Santiago, que cumpre os seus 20 anos de vida gañando a liga e a copa galega en categoría absoluta feminina e masculina e en benxamíns. O equipo masculino vén de xogar a volta da fase de ascenso a segunda división contra o Club Waterpolo Murcia. Mesmo que non conseguisen o obxectivo de gañar fixeron un gran partido. O equipo feminino é referente do waterpolo galego, chegou a xogar a fase de ascenso este ano; aínda que foron eliminadas, demostraron un grandísimo nivel e moito potencial cara ao futuro.

En ximnasia rítmica tamén somos referentes. Se as rapazas levaron diferentes premios nas últimas tempadas, estanse dando tamén resultados moi bos na ximnasia rítmica masculina, onde recentemente, Ismael Navaza conseguiu o sétimo posto con aro na Copa de España. Estes días tanto o Club Ximnasia Rítmica Viravolta de Santiago como o Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela están competindo tras realizaren unha moi boa tempada.

Recursos de apoio os clubs

Sería case imposíbel dar conta neste espazo de todos os éxitos de clubs e deportistas de Compostela, mais non podo deixar de mencionar as rapazas do Vitoria CF, o Club Natación Santiago, e a relevancia de Alejandra Neira, veciña de Sar, ciclista de Club Ciclista Cambre que está acadando uns resultados extraordinarios. 

Por outra parte, no noso empeño por apostar polos deportes tradicionais, acabamos de acoller o I Campionato Galego de Billarda.

O Concello de Santiago dedica recursos a apoiar os clubs das diferentes disciplinas e pon ao dispór da comunidade unha infraestrutura importante, mais insuficiente e algunha non no mellor estado posíbel. Imos poñer en marcha un novo centro en Santa Marta e traballamos para adecuar a xestión dos dous que existen, Santa Isabel e o Multiúsos, mais precisamos máis instalacións de diferentes características. Os recursos para afrontalas requiren colaboración doutras instancias, por exemplo da Xunta de Galicia, que está mantendo un nivel de investimentos nesta materia moi desigual entre os diferentes territorios. Nesta desigualdade, Santiago está na cola. O compromiso da Xunta con Santiago tense que notar tamén neste campo.

Necesitamos tamén poñer en valor o traballo do deporte de base, que alimenta os equipos de elite e que, sobre todo, é a mellor fórmula para lle ofrecer á nosa mocidade unha oferta de actividades saudábeis, de socialización e de autoformación inigualábel. Para este obxectivo tamén nos cómpren máis recursos.

E, deixando xa Compostela, xustamente este ano o Deportivo sobe de categoría despois da súa xa prolongada travesía en categorías inferiores. Este é o camiño que tamén esperamos ver para a SD Compostela. E velaquí o obxectivo común do Obradoiro, equipo cunha afección que o dá todo e que acompañará os xogadores nesta nova etapa. Con orgullo e valentía.

Arsenio Iglesias, o adestrador do Depor, foi responsábel da selección galega, nos tempos en que existiu, a de fútbol e as doutros deportes. Xustamente, despois de oito anos sen facelo, sabemos que volverá xogar a selección galega absoluta (masculina). Hoxe seguimos demandando a necesidade de se convocaren seleccións galegas de todas as disciplinas deportivas para ter outros espazos para competir, fomentar o deporte de base e facer país. Mais hai a quen lles molesta que se xogue por Galiza. Convido todas esas persoas a pensaren que bo sería termos seleccións galegas que lle deran continuidade ao moito e tan bo traballo realizado nas diferentes disciplinas deportivas. Afortunadamente si competimos a nivel internacional en fútbol gaélico, con moi bos resultados.

Convídovos tamén a imaxinar que, aínda que “non vai ser todo baloncesto”, que orgullosas estariamos desde Compostela, a capital do país, se Moncho Fernández fose, por exemplo, o adestrador da selección galega. @mundiario

Comentarios