Un non rotundo á venda e privatización da fachada marítima da Coruña

Manifestación en defensa do porto de Coruña. / Mundiario
Manifestación en defensa do porto de Coruña. / Mundiario
O futuro do porto da Coruña segue estando no aire, baixo a presión dos especuladores.
Un non rotundo á venda e privatización da fachada marítima da Coruña

Fixo calor na mañá do domingo na Coruña, malia o ventiño mareiro que quixo ser convidado na manifestación cívica que, convocada pola Plataforma en Defensa do Común, quixo dar un "non" rotundo "á venda e privatización da fachada marítima" da Coruña, co engadido de que "A Coruña non se vende" e da outro non á especulación.

CATRO ANOS EN BRANCO

Vai catro anos, a cidadanía coruñesa, xunto ao tecido asociativo, sindical e político da cidade fixo súas esas reivindicacións. E desde aquel ano 2017, as cousas seguen como estaban. Todo está pendente de solución. Nada se moveu. Non hai interese por facelo. De ahí que máis de 70 organizacións políticas e sindicais, e asociacións veciñais, cívicas e culturais, asinaran o manifesto sobre a problemática da reordenación do borde litoral coruñés chamando aos cidadáns  a defender novamente a condonación total do préstamo de Portos do Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do porto exterior, a constitución do consorcio ou ente público para a xestión do novo borde litoral, a licitación do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira antes do mes de xuño e a súa adxudicación antes que remate o ano 2021, a reordenación urbanística e de uso dos terreos portuarios deixando sen efecto os convenios de 2004 e o planeamento do PXOM de 2013, un novo horizonte portuario baseado na titularidade e xestión públicas dos terreos, equipamentos, zonas e espazos verdes e o porto como motor económico e de emprego; a apertura ao público dos peiraos de Trasatlánticos, Batería e Calvo Sotelo, e o deseño dos usos dos peiraos interiores baseándose na transparencia e participación, de xeito que facilite a implicación da cidadanía.

UNHA PROTESTA-PROPOSTA CUN GRUPO DE GAITEIROS Á FRONTE

Entre os participantes na manifestación -que saíu pouco dempois das 12,00 horas da praza da Palloza e rematou na de María Pita, fronte á fachada do concello, unha hora máis tarde, figuraban Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e os deputados no Congreso Néstor Rego, do BNG, Antón Gómez-Reino, de Podemos,  e concelleiros do BNG, Marea Atlántica e a non adscrita Isabel Faraldo, amáis do exalcalde Xulio Ferreiro.

Antes de se proceder á lectura do manifesto -realizada por unha mariscadora e poeta, unha integrante do asociacionismo veciñal, un armador e un xornalista, coa aportación maxistral do escritor e animador social e musical Xurxo Souto- os participantes no acto corearon consignas como "En defensa do porto", "A Coruña non se vende", "Condonación do préstamo de Portos do Estado á Autoridade Portuaria da Coruña" ou "Non á privatización e venda dos peiraos", demandas todas elas asumidas maioritariamente polos habitantes da Coruña e contorna, se ben é certo que entre os participantes non había representación algunha dos grupos maioritarios na corporación municipal coruñesa PP e PSOE.

Un milleiro de persoas -800, segundo a Policía Local e entre 3.000 e 3.500 nos cálculos dos organizadores- tomaron parte nesta mobilización cidadá, a segunda que co mesmo motivo se leva a cabo nos últimos anos. @mundiario

Comentarios