Buscar

Non é doado deducir correlación entre voto manifestado e identificación coa política levada a cabo

A contestación ao goberno no ensino, por parte de sindicatos, anpas e concellos rematou nunha muda de titular na consellaría aínda que sen cambios na xestión política.
Non é doado deducir correlación entre voto manifestado e identificación coa política levada a cabo
Carmen Pomar. / xunta.gal
Carmen Pomar. / xunta.gal

María do Carme García-Negro

Profesora de Economía.

O resultado das recentes eleicións autonómicas na Galiza amosou un apoio rotundo a Núñez Feixoo. Dubidamos se isto significa validación do PP ou non, pero é incontestábel que a maioría dos votantes manifestaron o seu respaldo ao candidato renovador de cargo. Votou o 48,97% dos posíbeis votantes: 128.007 menos que en 2016 sen xustificación, porque o censo “só” (!!) diminuíu en 32.325 eleitores interiores. O prodixio da distribución de escanos e da maioría conseguida con 54.388 votos PP menos que a vez anterior, pertencen a outro tipo de análise que non imos emprender.

Parece que existe unha certa diferenza entre votar elexendo persoas –para que en nome e representación dos eleitores exerzan as funcións lexislativas e, consecuentemente, tamén gobernativas–, e o sentido do contido do voto: é o que denominamos o que se vota. O contido do voto, en boa lóxica democrática, debería facer referencia, por tanto, non só ás propostas programáticas senón tamén ao exame do efectuado como acción de goberno previa. Non obstante, a leitura dos resultados, á vista dos últimos acontecementos, fainos pensar que non é tan doado nen tan linear deducir correlación entre voto manifestado e identificación coa política levada a cabo. Mesmo parece probábel que non ten nada a ver coa política. A contestación ao goberno no ensino, por parte de sindicatos, anpas e concellos rematou nunha muda de titular na consellaría aínda que sen cambios na xestión política. Na sanidade afloran problemas, que quedaron sen se resolver desde o comezo da epidemia. Entre eles o descontento e mal ambiente de traballo nos centros do Sergas, a proliferación de gromos que parecen incontrolábeis, os confinamentos ‘exprés’, a ausencia dunha política ben definida e ben coñecida, agravada pola sensación de falta de persoal ou desigualdade inxusta entre uns e outros departamentos e servizos. Ficou en evidencia, ficou espido, que investir en sanidade non é igual que gastar en sanidade. A política de ‘parches’con protocolos verbais resultou ser vergoñenta a dous meses de ter triunfado nas eleccións. No tema incendios temos escoitado (como se en lugar de responsábeis houbese chamáns da tribo) que en nada vai chover e esperamos que paren os incendios. E para pena máxima amosamos o convite feito aos directores públicos de ensino medio: “ide empezando como poidades e logo se verá”. Desde o 13 de marzo a 1 de setembro non houbo tempo  abondo para planificar a volta ás clases. Non é entendíbel, socioloxicamente falando, que inmediatamente a unha maioría absoluta exista tal nível de problemas sen resolver e tal degrau de descontento social en dous campos que atinxen á toda a sociedade. Ou ser, pola contra, que dos máis de 600.000 votantes do PP non hai nengún afectado polos problemas que citamos? Non haberá tampouco nengún que manifeste a través do voto unha censura á política de asistencia a maiores e dependentes? Cando funciona o control social dos votantes sobre os gobernantes, hai bens sociais como o ensino e a sanidade non suxeitos a falencias, o que faría impensábel deixar sen clases aos nenos en idade de ensino obrigatorio. O logro histórico adquirido do dereito ao ensino e a cultura en condicións de igualdade non pode estar submetido aos vaivéns circunstanciais dos resultados económicos. Hai outros capítulos dos orzamentos públicos recortábeis, porque son gastos suntuarios, incluídos neles as subvencións ás empresas editoras de meios de comunicación, ás institucións que poden viver por si mesmas como é o caso da Igrexa Católica, ou as subvencións directas e indirectas a EMN (empresas multinacionais) de grande capital e de capital extranxeiro. O desprezo polo rol do ensino ou a súa consideración de óbolo para pobres queda reflectido no que lle ouvín a un alcalde franquista ( e tamén con vida na democracia) ao se dirixir a un veciño reclamante: “aprendeches máis do que eu che ensinei”: aí residía o seu poder, no control do acceso á información. E aí parece que debe seguir habitando a lexitimidade do poder dos votos nesta etapa. Para aumentar o proceso de desinformación, os meios de comunicación mellor instalados na sociedade galega gozan de financiamento privilexiado –vale dicer subvencións– coa evidente contrapartida de aromar o poder.

A pergunta da posíbel correlación –entre voto e contido do voto– pode parecer retórica ou de analise filosófica porque nalgunhas democracias, as democracias occidentais -–as vellas e novas democracias– domina a fórmula de dirección das vontades a través da televisión e os outros meios de propaganda. Quen non cita inmediatamente a Boris Johnson ou a Donald Trump? Diríamos que son exemplos paradigmáticos de gobernantes ‘showmen’ en momentos históricos de moita necesidade. Porén, hai nalgúns casos e nalgunhas ocasións –como as nosas– en que se dan unhas diferenzas tan grandes entre o que se vota e a quen se vota que mesmo semella un certo degrau de esquizofrenia social. Pasados só dous meses dun resultado absoluto envexado polo proprio partido de Núñez (cuns problemas en España aínda non resolvidos), atópase cunhas contestacións populares unhas, e de despacho outras, que xa non son baladís. No ensino, na sanidade, na xestión das residencias de anciáns, na industria, e no mercado laboral, non só se está cos mesmos problemas que existían antes das eleicións senón que se ven agrandados pola desidia e autosuficiencia dun goberno que opina de si mesmo maravillas. E, se cadra, poden ter razón: se facendo nada, gañamos, apliquemos a fórmula para ‘seguir tirando’, que quedan catro anos máis de gloria de farándula. É imposíbel, polo imperio de xustiza lóxica, que algo tan mal feito poida saír ben. A política exercida como poder baleiro da pedagoxía social de aprender a se valer por si mesmos como cidadáns adultos, pasa logo factura porque no ensino non se aprendeu o necesario para entender, aceptar e acatar as normas de convivio social coa disciplina necesaria: isto queda agora en evidencia no confinamento e na nova normalidade: hai unha grande diferenza entre a disciplina e o medo á represión. Mesmo hai unha outra misión da sanidade pública que nunca se practicou: o ensino da prevención e a xestión individual da saúde, nesta época das máscaras obrigatorias,  constituirían acervos ben úteis, sen necesidade das multas. @mundiario