Non anormal

Quim Torra. / Mundiario
Quim Torra. / Mundiario

A expresión  lembra a linguaxe arrevesada e escurecida  –á mantenta– dos xulgados.

Iso ouvín pola radio: a toma de posesión do Sr. Torra tiña sido “non anormal”. A expresión  lembra a linguaxe arrevesada e escurecida  –á mantenta– dos xulgados. Alí óuvense cousas como esta: “non deixa de ser certo que o actor interveu indirectamente na comisión da grave falta obxecto da litis?” e ademais: “conteste si ou non”. Sucede que, cando acabas de procesar a frase, aínda non tes entendido se debes contestar a “indirectamente”, a “se deixa de ser certo”, a “quen é o actor”, ou “de que litis se trata”, no caso de que chegues a adiviñar que estás facendo nese lugar nese momento. Iso de facer as perguntas intrincadas con dúas voltas de rosca para que logo che obriguen a responder cun monosílabo é a maneira máis eficaz de lograr que contestes ao chou co monosílabo que antes che veña á cabeza, mesmo que poñas ti os chanzos para te incriminar… directamente. Non sei se existiría unha reivindicación na folga da administración de Xustiza para mudar estes modismos: facer que a administración de Xustiza conte cun instrumento verbal entendíbel é un logro democrático para todos. Ao pior temos que esperar a unha outra loita sindical.

Dicíamos que se dixo que a toma de posesión do Sr. Torra, hoxe presidente da Generalitat, fora “non anormal”; quería dicer o comentarista que, en contra dos desexos/previsións da reacción antidemocrática, a toma de posesión foi normal. O feito de utilizar dúas negacións para afirmar o contido dun feito evidente pon de manifesto non só o contido reaccionario e sectario de quen se converte en cronista senón os desexos que subxacían ante o remate dunhas eleccións inúteis para os denominados constitucionalistas: fallou o proceso electoral porque os que perderon non acadaron o resultado ansiado e porque deixou translucir que sempre pensaron nun último recurso, despois da perda nas urnas unha vez, e outra vez, e máis outra, ficaba a posibilidade de intentalo unha máis en espera de que os contrincantes morran, desaparezan ou se volatilicen. Que lexitimidade teñen os comentaristas madrileños e adláteres, así como o PSOE, Podemos, Ciudadanos, para cuestionar o resultado dunhas eleicións convocadas polo goberno do Estado despois de asumir (vía art. 155) a gobernación de Cataluña? Quen é quen para cuestionar a idoneidade do cuarto candidato á presidencia da Generalitat despois de que a forza da imputación -aínda sen xuízo e polo tanto sen condena- tivese apartado, un tras outro, os posíbeis presidentes? En nome de que sentido da democracia o PSOE  presenta opcións de leña ao lume, diluíndose no magma do partido no goberno, sen oferecer -polo menos en nome do seu papel de oposición- unha outra posibilidade de enfoque do conflito creado, por exemplo, algo de paz, algo de diálogo, algo de boas relacións, algo de civilización e avance en democracia en lugar de máis enfrontamento, intervención e/ou criminalización? Calquera papel de normalización dunha situación que até agora foi pacífica sería ben acollido polos demócratas que vivemos neste Estado; observar como se desdebuxa o PSOE mesmo dá un pouco de vergoña allea. @mundiario

Comentarios