Buscar

Nel Vidal e centos de rapaces e rapazas de Oleiros, un exemplo en defensa do galego

O exemplo do Instituto María Casares de Oleiros amosa que precisamos de imaxinación, creatividade, flexibilidade e amabilidade para promocionarmos o galego entre a cidadanía. Como dixo a aluna Paula Lemos, “haberíamos empezar falar galego de pequenos, na casa…”.

Nel Vidal e centos de rapaces e rapazas de Oleiros, un exemplo en defensa do galego
Nel Vidal cos seus estudantes de Oleiros (A Coruña). / @nelvidalbarral
Nel Vidal cos seus estudantes de Oleiros (A Coruña). / @nelvidalbarral

Firma

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

El autor, XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA, socio-director de Pérez Lema Avogados e Consultores y secretario general de Acouga, es abogado y analista político en MUNDIARIO, TVG y Radio Galega. Profesor en escuelas jurídicas. Ex jefe de gabinete de Presidencia de la Xunta con Pablo G. Mariñas y ex secretario general de Relaciones Institucionales con Anxo Quintana. @mundiario

O galego precisa de potentes políticas de promoción pública e a cantidade de recursos económicos precisos: inmersión lingúística no ensino e esixencia rigorosa ás Institucións son as claves das políticas públicas, mentres que requirimos no ámbito privado de grandes doses de creatividade, imaxinación, flexibilidade e amabilidade... 

En Galicia xa hai iniciativas sociais que chaman a atención pola súa imaxinación, pola súa creatividade e pola súa eficacia social. Velaí a do profesor Nel Vidal do I.E.S. María Casares no concello de Oleiros, na área urbana coruñesa, co gallo deste Día das Letras. Nel Vidal constatou o baixísimo uso da nosa lingua nos 600 alunos do instituto, en total comparanza co ambiente galegofalante no seu anterior destino nun centro de Carballo. E lles propuxo  un contrato coa lingua nunha dupla variante: o compromiso co galego (48 horas falando galego no ambiente escolante) e o compromiso co galego plus (extender o uso do galego nesas 48 horas ás actividades todas da vida).  Máis de 200 alunos comprometeron a súa sinatura e adubiaron este compromiso de moitos outros esforzos que xeraron un ambiente moi positivo arredor das ideas de unidade do grupo e identidade.

A ruptura da cadea de transmisión lingüística é a responsábel da gravísima situación de base que quixeron contribuir mudar no María Casares, mais este grandísimo suceso de mobilización social non tería sido posíbel sen algunhas cousas que están aí e, sen nos decatar, constitúen recursos para unha  política lingüística a prol do galego: a presenza continuada da lingua, malia que  limitada, no ensino, unha actitude familiar que puido demitir da súa responsabilidade na cadea de transmisión, mais segue a ser aberta ao uso do galego como algo propio e máis uns recursos lingüísticos (limitada, mais real presenza nas redes sociais e nalgúns media, certa produción literaria e científica …) que non tiñamos hai corenta anos.

Canda un claro modelo de inmersión linguística no ensino e a máis rigorosa esixencia coas Institucións, a política de promoción do galego a respecto da xente ha ser amábel, intelixente, flexíbel, sedutora, creativa e imaxinativa. Porque precisamos que abrolle esa forza telúrica de reivindicación patria do propio  que se manifesta moitas veces na nosa xente. E porque, créanmo vostedes, case ninguén quere voltar á escola nin que lle rifen.

Dentro de pouco máis dun ano é probábel que unha alternativa plural substitúa Feijoo e o PP na Xunta. Mais con ser fulcrais os recursos económicos e o certo poder que da o noso limitado autogoberno será esencial construir sociedade civil e  cidadanía lingüísticas. Como ben fixeron  Nel Vidal e centos de rapaces e rapazas de Oleiros.  Porque, como dixo a aluna Paula Lemos, “haberíamos empezar falar galego de pequenos, na casa…”. @mundiario