Negacionismo da Xunta en vivenda fronte á dura realidade da emancipación en Galiza

Bloques de viviendas. / Pixabay
Bloques de vivendas. / Pixabay
Só 1,5 de cada 10 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos logra emanciparse. E o que aínda é máis preocupante: o problema non é transitorio e exclusivo da vintena, senón que vai máis alá e perpetúase na trintena.
Negacionismo da Xunta en vivenda fronte á dura realidade da emancipación en Galiza

Calquera que lle pregunte a un mozo ou moza do noso país polas principais preocupacións vitais que o atravesan, a posibilidade de emanciparse e o tempo que lle durará a independencia estarán, sen dúbida, entre as primeiras. As dificultades que afronta a mocidade na actualidade supoñen un problema social de primeira orde, unha verdadeira crise.

Nun mundo paralelo, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, asegurou a semana pasada no Pleno do Parlamento de Galiza, que a situación non revestía tal gravidade, e despregou un discurso negacionista coa realidade. As palabras da conselleira evidencian un total desleixo coa situación que viven milleiros de mozas e tamén, de forma indirecta, coas súas familias coas que se ven forzados a seguir convivindo por culpa dun modelo que lles nega as oportunidades. 

Os datos están aí. En Galiza só 1,5 de cada 10 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos logra emanciparse. E o que aínda é máis preocupante: o problema non é transitorio e exclusivo da vintena, senón que vai máis alá e perpetúase na trintena, e 4 de cada 10 mozos de entre 30 e 34 anos non logran facer unha vida independente do fogar familiar. Os datos desta segunda franxa de idade deberían facer saltar todas as alarmas, sobre todo se temos en conta que estamos a falar da segunda peor taxa de emancipación de todo o Estado, só por diante de Canarias. 

A afectación deste problema supera ademais o plano individual e o ámbito familiar, xa que permea e nos afecta ao conxunto da sociedade. Non esquezamos que por cada mozo ou moza que non logra emanciparse, moitos dos seus proxectos fican paralizados ou coartados, ben sexan académicos, profesionais, vitais... Cada proxecto suspendido forzosamente reduce o seu horizonte de oportunidades e, en suma, empobrece as posibilidades do conxunto da sociedade. Cómpre  pois un cambio de mentalidade para entender que non se trata dun problema exclusivo da xente moza, mais dun problema que nos interpela a todas e todos. 

Paso previo para a obstrución consciente das solucións

Se a conselleira nega o problema non o fai por descoñecemento, senón como paso previo para a obstrución consciente das solucións. A segunda parte da súa estratexia política consiste en incumprir o seu deber constitucional de garantir o dereito á vivenda, como máxima responsable e competente nesta materia. Os feitos e os datos así o demostran. Así, o goberno galego carece de Plan para mellorar a emancipación e,  de feito, nin tan sequera no Plan de vivenda se lle presta unha especial atención a esta cuestión. Tampouco hai programas nin medidas da Xunta orientados a facilitarlle á mocidade alugueiros accesibles. Sen estratexias e medidas concretas, a política da Xunta nesta materia é neglixente. 

Pero non contentos con iso, dedícanse tamén a boicotear os programas e os fondos do Plan Estatal de Vivenda que deben xestionar. En 2020, no peor momento da pandemia, a Xunta de Galiza non convocou as axudas ao aluguer a menores de 35 anos do Plan Estatal de vivenda; en 2021 deixou 300.000€ sen executar dos escasos 842.000€ orzamentados para este programa, mentres milleiros de mozos quedaron sen axudas. 

O bloqueo e o boicot son a seña de identidade dun PP que se nega en rotundo a que existan políticas de vivenda. Para eles, as regras do libre mercado son as únicas que deben condicionar a accesibilidade a un ben de primeira necesidade. Se iso significa deixar milleiros de persoas excluídas, miran para outro lado. Se iso implica que en 10 ou 15 anos vaiamos pagar as consecuencias sociais de limitar o horizonte de posibilidades das novas xeracións, non lles preocupa. A política do PP produce unha Galiza en pequeno deseñada para o lucro duns poucos. Mentres, a realidade teima en lembrarnos día a día que cómpre inverter a orde de prioridades. @mundiario

Comentarios