Naturgy e Iberdrola espremerán aínda máis os ríos de Galicia mediante bombeo

Francisco Reynés, con el logo de Naturgy, la antigua Gas Natural Fenosa.
Francisco Reynés, co logo de Naturgy, antes Gas Natural Fenosa. / Mundiario
As multinacionais pretenden que sexa non só unha potencia eólica senón tamén unha megabatería eléctrica aínda que sexa a costa dunha sobreexplotación fluvial. O bombeo utilízase como un almacén de enerxía: consiste en ter dous encoros conectados, un superior e outro inferior.
Naturgy e Iberdrola espremerán aínda máis os ríos de Galicia mediante bombeo

Mentres  a Asociación Eólica de Galicia informa esta sema de que a xeración de enerxía eólica durante o 2020 aumentou o 14,9% respecto do ano anterior, chegando a 9.992 MWh, -cifra que representan o 18,2% da xeración eólica total do Estado e máis da metade da demanda galega-, as empresas eléctricas Naturgy e Iberdrola  teñen de novo Galicia no punto de mira para espremer os seus ríos e aumentar a produción de electricidade de orixe hidroeléctrico mediante bombeo.

As multinacionais pretenden que Galiza sexa  non só unha potencia eólica senón tamén unha megabatería eléctrica aínda que sexa a costa dunha sobreexplotación fluvial. O bombeo utilizase como un almacén de enerxía: consiste en ter dous encoros conectados, un superior e outro inferior, onde a auga bombease/turbinase, súbese/baixase, pasando dun a outro  en función intereses empresariais, en función da demanda. Bombease si baixa o consumo eléctrico e  diminuie o prezo da electricidade - pola noite e os fins de sema-  e turbinase e xerase electricidade nos días laborables nas horas punta de actividade e cando o prezo da electricidade é elevado ou mesmo se duplica. O bombeo cumpre varios obxectivos, pretenden que sirva para amortecer o prezo da electricidade en España o que lle viría moi ben aos cidadáns e ao Goberno e a vez proporciona flexibilidade ao sistema eléctrico (aínda tendo en conta que pode consumir o 40% máis de enerxía que a pode xerar ). As eléctricas están moi interesadas porque o bombeo ten unha alta rendibilidade con moi baixo custo de explotación.

Unha artimaña

En realidade  ocúltase que detrás do bombeo está a desculpa das eléctricas para prorrogar concesións que van caducando nos nosos ríos, concesións que de rescatalas polo público  (Goberno/Xunta) como fan noutros lugares, irían no beneficio noso e non como agora que engordan as eléctricas,  todas cotizando fora. Co bombeo empezase de novo unha fácil concesión, concesión a punto de caducar ou caducada,  o que sirve de exemplo de connivencia entre eléctricas -industrias amigas-  e Goberno Español, mesmo o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima  (PNIES), contempla  3.500 MW de bombeo no Estado, España quere ser a batería de Europa, onde xa hoxe ocupa o cuarto lugar,  e as eléctricas  de novo apúranse nos rios galegos. 

Neste mes, anuncian na prensa, que  Naturgy inverterá 350 millóns de euros nunha  megabatería hidroeléctrica que comprende unha central de bombeo de 350 MW,  nos encoros de Salas e As Conchas na bacía do Limia. non é para abastecer a Ourense ou a Galiza, pois  sóbranos electricidade e exportamos máis da terceira parte da  que xeramos, a electricidade abastecerá cidades e industrias lonxe de nós (en Madrid por exemplo) e mesmo destinarase as reformadas e ampliadas  liñas de interconexión  transfrontea de Portugal ou Franza, interconexións que no seu día impuxo a UE a España para conseguir un futuro Mercado Único de electricidade e mentres esixe un  mínimo do 15% de rateo de interconexión para o 2030,  hoxe España está por baixo do 5%.

Salas-As Conchas

O bombeo Salas-As Conchas é un vello e codiciado proxecto de Fenosa, hoxe Naturgy, contestado tamén dende o primeiro momento. No ano 2013, diversas asociacións  presentaron alegacións ao proxecto   e solicitaban que  non se autorizara por razóns múltiplex : afeccións a especies protexidas (8 especies vulnerables e 5 en perigo de extinción dun total de 23), perda de calidade da auga, prexuízos para os habitantes, alteración de espazos naturais... razóns que non serviron para frear o proxecto, pois en maio do 2017 a Secretaria de Estado de Medio Ambiente declaraba favorable a Declaración de Impacto Ambiental  e a multinacional sigue para conseguir  dous grupos reversibles de 180 MW cada un con liñas de alta tensión de 11,6 km de lonxitude e con máis de 10 km de túneles e central en caverna.

Non importaba para o Goberno, a Xunta e menos para Naturgy que o proxecto estea nunha área que toca o rodea varias zonas protexidas e incluídas na Rede Natura 2000 como o Parque Natural Baixa-Limia-Serra do Xurés ou que parte da obra se asente na zona de transición e zona tampón da Reserva da Biosfera Transfronteriza Geres-Xúres. 

Tarifa especial, non

Si Galiza xera máis electricidade,  non por eso vamos ter unha tarifa especial para pagar menos o consumo, nin vai medrar o emprego permanente, nin servirá para atraer novas  industrias. Levamos dende o franquismo así, perdemos os nosos ríos e a sua riqueza, gañamos traslado de poboación, emigración, decenas de aldeas asolagadas (26 aldeas so no encoro de Belesar no Miño e un número maior nos Peares), miles de hectáreas das mellores terras agrícolas inundadas, un rico ecosistema alterado,  perdeuse vida, desapareceron especies, temos a auga atrapada, eutrofizada ou superabonada, e mesmo cambiouse o microclima  local en moitos lugares  e trouxo aumento de pragas no viñedo, cultivos... 

Salas-As Conchas é un  proxecto de Naturgy, pero esperan outros  que presentará a empresa no 2021 como o bombeo de Os Peares-Belesar. A empresa Iberdrola leva máis de dez anos esperando o momento -paralizado algún proxecto no Sil- aínda persigue  varios, entre outros un faraónico Conso II, con nada menos que 900 MW. Debemos lembrar que a Hidráulica na Galiza representaba no 2018 o 18,4% da potencia hidráulica do Estado e 24,9% da sua xeración hidráulica, pero parece que non chega para as eléctricas, queren máis,  pretenden seguir espremendo os ríos galegos e obter maiores beneficios.

Xaque-mate aos ecosistemas fluviais

Goberno e eléctricas céntranse en aumentar a xeración e ocultan outros aspectos fundamentais como o aforro ou eficiencia, ou a posibilidade doutras fontes renovables (olas, mareas, xeotérmica...),  mesmo queren que creamos que as megabaterías de bombeo están baixo o paraugas da sostenibilidad cando en realidade son pura especulación, a guinda do pastel económico -hidráulico- que engorda as multinacionais. 

Mentres outros países da UE xa están na fase de desfacer encoros para deixar os ríos correr, e noutros lugares do Estado están  recuperando para o público as concesións privadas, aquí seguen dándolle alas as multinacionais  e o xaque-mate aos ecosistemas fluviais coas megabaterías eléctricas, sempre coa colaboración plena de Organismos públicos e con proxectos de fora que non parten da nosa realidade nin nos benefician. @mundiario

Comentarios