Música en galego: novos estilos que chegaron para quedarse

Tanxugueiras./ Instagram
Tanxugueiras. / Instagram
Estilos como o rap, trap, R&B ou música electrónica son os que están triunfando no panorama galego. Tanto grupos como artistas individuais apostan por esta nova estética.
Música en galego: novos estilos que chegaron para quedarse

A música, do mesmo xeito que a lingua oral, foi evolucionando co paso do tempo. No caso de Galicia, onde existen dous idiomas que cohabitan no mesmo espazo, existen numerosos artistas de fama a nivel estatal, que, para ampliar o seu público, compoñen as súas letras en castelán. Tales son Andrés Suárez, Luz Casal, Iván Ferreiro ou Los Suaves, que xa teñen unha fama consagrada no panorama español

No idioma galego, e coa chegada de novos estilos musicales, aparecen agora artistas, moi novos na súa maioría, que interpretan temas de trap, electrónica, pop, R&B ou rap. Así, atopamos ós Verto, que acadaron milleiros de visitas nos seus vídeos grazas a temas como “Oie, gayego”, que denuncia o trato ós galegos e o seu idioma por parte das persoas de fóra, e tamén o famoso tema “Rebolando x ti”, menos reivindicativo.

Boyanka Kostova é outro exemplo de banda que mestura subxéneros do Hip Hop. Adereza os seus temas con mencións a iconas da cultura popular galega. Un dos seus temas máis famosos é “D. Tristán”, que utiliza o nome do xogador de fútbol Diego Tristán como base da canción.

A banda Ezetaerre, que no verán de 2020 anunciou nas súas redes sociais que se atopan nun periodo de “reorientación do grupo”, tamén se fixo popular grazas ao tema “Non é verán de Estrella Damn”, que tamén satiriza en galego coa situación política e os prexuizos que ten a xente ante a cultura galega.

Tamén actualmente, como os xa consagrados grupos e artistas que nomeábamos ao inicio, teñen bastante fama outros que escriben os seus temas en castelán. Este é o caso de Sen Senra, que deu o salto á fama en 2019 co seu álbum “Sensaciones”. É o seu terceiro disco, e parece que o cantante chega para quedarse. Ten moito éxito o rapeiro Hard GZ, que coas súas críticas ao sistema e os seus vídeos na plataforma YouTube de gran calidade artística, coseguiu facerse un oco no panorama. Neste mesmo estilo tamén triunfa Arce, con case medio millón de oíntes na plataforma Spotify. “Pedigrí”, o seu último álbum, foi froito de polémicas, xa que os seus seguidores crían que dera un salto demasiado grande no seu estilo musical.

Aínda que agora están tomando fama estes novos estilos, a música galega por excelencia é o folk. Grupos como Luar na Lubre e cantantes como Susana Seivane ou Uxía deixaron a súa pegada no panorama. O Festival Internacional do mundo Celta de Ortigueira invita cada ano a cantantes deste estilo de música de todas as partes do mundo. No último que se puido celebrar, en 2019, foron invitadas o domingo, última xornada de concertos, Tanxugueiras, un grupo de tres mulleres que se están impulsando na fama da música interpretada en galego co seu novo álbum Midas.

 

Comentarios