O mundo non agarda por Galicia

Contrastes en Galicia en una foto histórica donde aparece la central de Meirama de Naturgy. / Jalisia, de Xurxo Lobato
Contrastes en Galicia. / Jalisia, de Xurxo Lobato

Esmorecer ou medrar, velaí o dilema. Europa está chea de territorios non maiores que Galicia, que están en ebulición, que son terra de oportunidades.

O mundo non agarda por Galicia

Nalgún momento da pasada década Galicia deixou de estar lonxe no imaxinario dos demais españois. Tiveron que pasar varios anos dende o remate das autovías galegas, que racharon a desconexión co Norte e  coa Meseta, para que a idea de distancia trocase nas mentalidades, de excesiva a normal en comparación con outros territorios. Aínda tardaría unha década máis, con tres aeroportos engadidos ás tres autovías, para que  agromara o turismo de masas en Galicia, nos niveis que hoxe vivimos. Mudou a mirada dos demais cara a nós, máis non mudaron os datos socioeconómicos que aínda nos afastan dos demais.

O primeiro, a crise demográfica imparable que si dunha banda desertiza o mundo rural, doutra depara un envellecemento moi evidente. O peso das rendas da Seguridade Social na economía das provincias do interior é xa determiñante. Á demografía sumase a emigración selectiva dos máis novos e mellor formados, sen expectativas laborais nun país caracterizado por un tecido empresarial de pequena empresa e ainda microempresa, onde as empresas medianas son a excepción e as grandes, contados ainda que sobranceiros exemplos.

Si nos anos oitenta a transición dunha economía agraria á unha economía de servizos fíxose sen grandes crises, grazas ós fondos europeos, nos últimos anos as melloras nos principais indicadores debenlle moito á estatística: menor número de ocupados, medran as exportaciósn pero duas empresas responden de dous terzos do total exportado, inmigración mínima...

Hoxe vivimos unha situación paradoxal: malia a vantaxe dunha grande estabilidade política e á ausencia de conflictos sociais importantes, Galicia permanece allea ás tendencias da nosa contorna. A captación de investimento extranxeiro é simbólica, a proxección externa da marca-país, baixa e feble, os niveis de investimento en I+D, innovación ou cultura, en regresión. Si unha  imaxe equivale a mil palabras,  nas tres maiores bolsas de solo empresarial, só medra herba: a Plisan de Salvaterra do Miño no Sur galego, Morás-Arteixo no Norte e o  Porto Seco de Monforte no interior.

Galicia carece dunha política digna dese nome, reducida a  iniciativas esporádicas que non teñen consecuencias ulteriores

Si ollamos ó exterior, Galicia carece dunha política digna dese nome, reducida a  iniciativas esporádicas que non teñen consecuencias ulteriores, con exemplos que abranguen dende as viaxes institucionais da Xunta  ata a rede Pexga pasando polo cativo eco da política  cultural ou pola máis que discreta Eurorrexión. A última iniciativa coñecida, o pulo da Macrorrexión do Suleste de Europa, RESOE, carece de peso e de obxectivos nidios, cando en Bruxelas probablemente veríase con mellores ollos una Macrorrexión Atlántica,  cun posible  vórtice no País Vasco e cunha clara vocación de liderar un espazo económico ben definido.

A iniciativa institucional para cambiar a situación descrita  é mínima, tanto na Xunta como na oposición parlamentaria,  nos poderes locais ou nas Universidades. No ámbito privado ainda é peor, cun sector empresarial esnaquizado en liortas internas e cun tecido social feble. Falta un pensamento elaborado, artellado arredor das propias oportunidades e suficientemente transversal como para permear as diferencias ideolóxicas ou os intereses locais. O galeguismo histórico, que cumpriu esa función, está morto e sen herdeiros.

A necesidade existe, a capacidade técnica, científica ou económica tamén, en grao dabondo como para ter unha estratexia viable de longo prazo. Quizaís necesitemos novos lideratos que impulsen esa mínima converxencia arredor dun proxecto común, sen invadir os espazos propios da confrontación, sexa  na política ou noutros ámbitos.

A título de exemplo, poderiamos ollar a Portugal, sempre tan perto e sempre tan ignorado. Doutro lado da raia, o Norte está experimentando un notable impulso mesmo  aproveitando  as oportunidades da economía galega. Desprazamento de producción, creación dunha potente industria auxiliar do automóvil, investimentos importantes en infraestruturas e máis en formación, políticas económicas que sobreviven ós cambios de goberno, mesmo unha sorprendente e moi eficaz alianza gubernamental, son alguns dos factores que respaldan o éxito evidente do Norte portugués. Os peiraos de Leixoes ou as conexións aéreas de Oporto, falan por si mesmas dun dinamismo que non somos quen a seguir e menos a imitar.

A posición finalista que ocupamos nos índices de desenvolvemento rexional da Unión Europea, é vergoñenta pero ten algo positivo: debería motivarnos a actuar

Non ten sentido laiarse sen actuar. As solucións non son máxicas e sobre todo non virán de fora. Dependen de nós colectivamente, das institucións e das empresas, dos medios de comunicación e dos creadores de opinión, das cidades e dos pobos, das xeracións instaladas e das que están en precario. Esmorecer ou medrar, velaí o dilema. Europa está chea de territorios non maiores que Galicia, que están en ebulición, que son terra de oportunidades e non solar de vellos. A posición finalista que ocupamos nos índices de desenvolvemento rexional da Unión Europea, é vergoñenta pero ten algo positivo: debería motivarnos a actuar.

Do mundo que ven, sabemos moito: globalización imparable, intelixencia artificial aplicada aos procesos produtivos e á prestación de servizos, segmentación social moi acusada, competencia implacable dos países emerxentes, crise fiscal, etc. Compre ter  unha resposta territorial  galega, ás veces tamén local, ós devanditos problemas, sen menosprezalos nin axeonllarse diante do ditado dos deuses da economía. As respostas individuais estanse dando. Agora é tempo da resposta colectiva, aínda descoñecida por máis que sexa amplamente sentida. Porque cando os demais están no camiño, nós non podemos ficar mirando ó mundo sen estar nel. @mundiario

Comentarios