As multinacionais planifican e obran en Galicia como en terreo conquistado

Planta de Ferroatlántica. / RR SS
Planta de Ferroatlántica. / RR SS

Ferroatlántica nas tres fábricas que ten en Galicia (Sabón, Cee e Dumbría)  emitiu un 15% máis de dióxido de carbono que o que tiña asignado para o ano 2017. Ate o caso da segregación eléctrica todo foron facilidades por parte da Xunta, facilidades que pagamos todos.

As multinacionais planifican e obran en Galicia como en terreo conquistado

Ferroatlántica pertence a multinacional con sede en Inglaterra coñecida como Ferroglobe, que é o principal produtor mundial de silicio metálico e  un dos maiores produtores de  aliaxes ferrosas e metálicas baseadas no silicio e no manganeso. Participa tamén en empresas relacionadas coas súas actividades principais como son a produción hidroeléctrica e a minería do seixo. Ferroglobe ten 26 centros e 69 fornos de produción  electrometalúrxica nos  catro continentes  e fai tempo xa que é o principal produtor de ferroaliaxes da Unión Europea  en parte grazas a produción galega.

Galicia  ten tres centros de produción de Ferroglobe (Dumbría, Cee e Sabón) e a empresa conta con catro minas de seixo importantes por alta calidade e pureza e por cantidade (Mina Conchitina no municipio de O Vicedo,   Mina Sonia en Mañón, Mina Esmeralda en Trazo e  Mina Serrabal na Serra do Pico Sacro entre Vedra e Boqueixón). Por si fora pouco ademais  ten no Río Xallas e no Río Grande  tres grandes hidroeléctricas que suman unha potencia de 125,8 MW (Sta Uxía IeII e Castrelo) , e sete centrais clasificadas como minihidraúlicas (Novo Castrelo, Fervenza IeII, Ponte Olveira IeII, Pindo, e Carantoña), tres delas de recente construción, xuntas engaden outros 38 MW de potencia.

Pero onde está a crise de Ferroatlántica, si fabrica un produto codiciado no mundo e de alto valor engadido, conta cunha importante produción hidroeléctrica para autoabastecerse e vender, e aproveita as nosas minas de seixo non so para as fabricas galegas senón tamén para exportar.

1. Grandes inversións,  endebedamento  e altos costos para anular a competidores. En febreiro do 2018 Ferroglobe  anunciou a adquisición de dúas fabricas  unha en Francia (Glencore en Dunkirk) e outra en Noruega  (Mo I Rana) conseguindo así eliminar competidores e duplicar a capacidade global de aliaxes de manganeso, ferromanganeso e silicomanganeso (mais de medio millón de t), produtos que se están fabricando en Galicia.

En setembro do 2018 a débeda de Ferroglobe ascendía a  510,9 millóns de euros, o director de finanzas de Ferroglobe  afirmaba “ o deterioro das condicións no terceiro trimestre deixounos con inventarios elevados, un factor clave para reducir a produción” “Non cumprimos ..”. Os costos de persoal e outros gastos operativos no 3º trimestre do ano 2018  foron de 153.2 millóns cando no 2017 eran 133.9 millóns. A empresa xustifica os aumentos en base aos costos de mao de obra para as plantas de aliaxe de Noruega e Francia recén adquiridas.

2. Venta de  activos -hidroeléctricas- para diminuír a débeda. En decembro do 2018 Ferroglobe anunciou  desde Londres a venta de activos non esenciais. En realidade xa levaba tempo nesta idea, a filial Hidro Nitro Española S.A. (HNE) que operaba centrais hidroeléctricas  con 18,9 MW de capacidade, obtivo unha ganancia neta de 18 millóns de euros pola venta realizada a un  fondo de enerxías renovables, co obxectivo de amortizar parte da débeda da Compañía e Ferroatlántica en Francia facía o mesmo con dúas hidroeléctricas que eran codiciadas polo  fondo canadense Brookfiel. Anteriormente intentara -intento falido- segregar en Galicia a produción hidroeléctricas de Ferroatlántico das empresas de Cee e Dumbría, esperaba transferir ou vender as hidroeléctricas, en febreiro do 2017  a operación dábase por feito ate o extremo que os medios de comunicación facíanse eco de que  J.M. Villar Mir pactara a venta de 3 hidroeléctricas en Aragón e 9 en Galicia  ao fondo Brookfield por 153 millóns de euros, tratábase de facer caixa e pagar as que ian ser novas adquisicións de Francia e Noruega. 

 3. Aparición de novos competidores.  A masiva entrada de silicio procedente de mercados estranxeiros en Canadá e Estados Unidos  non so provocou a suspensión de produción nunha fábrica de Ferroglobe de Estados Unidos (Niágara Falls con 27.000 t de silicio metálico) senón que xa antes se iniciara unha ofensiva proteccionista con denuncia. Globe Specialty Metals, una subsidiaria de Ferroglobe, presentou en Estados Unidos e Canadá  accións comerciais dirixidas a dous tipos diferentes de prácticas desleais: casos antidumping contra as importacións de Australia, Brasil e Noruega (con prezos de importación baixos, por debaixo dos de mercado),  e casos de dereito compensatorio contra as importacións de Australia, Brasil e Kazajstán (países que fabrican con subvencións gobernamentais).  As denuncias de Ferroglobe foron desestimadas en marzo do  2018  pola Comisión de Comercio Internacional de Estados Unidos (ITC)  ao confirmar que as “ importacións non causan danos relevantes a industria de silicio metálico en Estados Unidos”, o que provocaría un gran malestar  e inquietude na empresa.

Poden existir outros factores  ademais dos enumerados, pero o que si parece seguro e que a crise de Ferroatlántica  non ten que ver coa alta contaminación que xera en Galicia, sendo de destacar o alto número de contaminantes que emiten estas industrias a atmosfera e a auga .

>  Ferroatlántico de Cee  emite 25 contaminantes, deles   18 son a atmosfera e  7 a auga.

>  Ferroatlántica de Sabón  deixa saír  23 contaminantes, deles 12 son a atmosfera e 11 son a auga.

>  Ferrotlántica de Dumbría  emite 21 contaminantes , deles 17 a atmosfera  e 4 a auga. 

Á atmósfera emiten gases de efecto invernadoiro (dióxido de carbono, metano...) ; gases acidificantes ( óxidos de nitróxeno, dióxido de xofre, amoníaco...) ; gases que forman o prexudicial ozono troposférico (a partir da emisión de dióxido de nitróxeno, hidrocarburos...) ademais emiten outros produtos   perigosos para a saúde como partículas e metais pesados  que son coñecidos pola sua relación con problemas de saúde : cancro, danos cardiovasculares, ictus...  e danan os ecosistemas.

Ferroatlántica nas tres fábricas que ten en Galicia (Sabón, Cee e Dumbría)  emitiu un 15% mais de dióxido de carbono que o que tiña asignado para o ano 2017. Recibía  dereitos gratuítos de emisión de gases invernadoiro (BOE nº 44 do 2014) por un total de 449.303 toneladas  no ano 2017 e emitiu 518.000 t segundo as sua propia declaración ao Rexistro PRTR . A fábrica de Sabón e a de maiores emisións en CO2 alcanzando 194.000 t cando tiña asignado 149.752 t.

Ferroatlántica ademais de superar o medio millón de toneladas de dióxido de carbono emitiu 608,5 t de óxidos de nitróxeno, 492,5 t de dióxido de xofre, 34,9 t de partículas,  1.043 t de monóxido de carbono, 42,4 t de compostos orgánicos volátiles sen metano, 359,6 kg de metais pesados (Hg, Zn..)... Aparte  dunha cantidade importante de contaminantes a auga  e resíduos perigosos e non perigosos.

Ate o caso da segregación eléctrica todo foron facilidades por parte da Xunta, facilidades que pagamos todos.

No 2009 a empresa daquela de Villar Mir  levaba varios anos reclamando melloras  no porto de Brens-Cee e melloras de comunicación por estrada coa Coruña, polo que nese ano e como resposta a Xunta de Galicia  comenzou a obra do porto comprometida antes polo Presidente Fraga, obra que  implicaba dragado, ampliar a liña de atraque e aumentar a explanada de carga , para o cal a Xunta  adicou  nun primeiro momento 14,5 millóns de euros e a empresa 2 millóns. Nese tempo tamén se  construía a estrada  Berdoias-Carballo e logo Cee-Berdoias que permitía  comunicar o porto de Brens e as factorías de Cee e Dumbría con Coruña por medio de autovía, obras que supuxeron mais de 340 millóns  do erario público. 

Tampouco parece que teña que ver coa interrumpibilidade eléctrica e con outros problemas  demandados e non atendidos como a necesidade de inversións nas factorías galegas para modernización  das instalacións, nin cos salarios dos traballadores, nin coa administración permisiva, nin co territorio (utilizan os nosos recursos naturais como o seixo, a auga, a electricidade, o porto... ), nin sequera coas importantes emisións contaminantes nin coa alteración nos ecosistemas fluviais e a paisaxe...

En definitiva temos que mirar ao lonxe e apuntar as grandes decisións empresariais  tomadas dende fora do país en  Madrid, Londres ou Nova York, para ver a orixe da crise de Ferroatlántica, parece que agora so queda esperar a que os negocios da multinacional inglesa volvan a remontar, especialmente na bolsa xa que cotiza no americano Nasdaq e as accións están hoxe a  2,29 dólares cando cotizaban por riba de 10 dólares  fai so uns meses e a principio do 2018 superaban os 16 dólares. Mellor ser optimistas porque non esquezamos que Ferroatlántica é garantía de pago do 100% do capital  que Ferroglobe obtivo nunha liña de creto de 215 millóns  en xullo do 2018 .

As multinacionais  en Galicia planifican e obran como en terreo conquistado, alleas a realidade e estannos acostumando a bailar ao mal son que nos tocan, claro que nunca tocaban ben e nunca tocaban para nós. @mundiario

Comentarios