As mulleres galegas traballan gratis 34 días neste 2022

Una trabajadora en su oficina. / Mundiario
Unha traballadora. / Mundiario

Derívase de que as mulleres galegas cobran por hora traballada un 9,3% menos que os homes. Trátase dunha diferenza moi significativa que ten que sufrir a metade da poboación só por unha mera cuestión de xénero.

As mulleres galegas traballan gratis 34 días neste 2022

As desigualdades laborais por razón de xénero persisten, ano tras ano, a pesar da implementación de novas normativas destinadas a loitar contra esta lacra. Resulta indecente que en pleno século XXI se nos encha a boca falando de transformación social e económica, transición cara un novo modelo enerxético, cara un novo modelo produtivo, cara a chamada industria 5.0 e cara unha auténtica revolución dixital que transformará o mundo cando a metade da poboación, a pesar de contar con  niveis formativos e capacitacións profesionais similares aos da outra metade, sabe de antemán que cando acceda ao mundo laboral vaino facer en peores condicións. As mulleres en todo o mundo, e por suposto tamén en Galicia, teñen que seguir demostrando máis e achegando máis para percibir menos.

Segundo datos facilitados polo INE referidos á Enquisa de Estrutura Salarial, neste ano, no 2022, as mulleres galegas traballan gratis dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro, é dicir, regalan 34 días de traballo. Cifras similares rexístranse no resto do Estado.

Isto derívase de que as mulleres galegas cobran por hora traballada un 9,3% menos que os homes. Coincidiremos en que esta é unha diferenza moi significativa que ten que sufrir a metade da poboación só por unha mera cuestión de xénero. Pero tamén sabemos que esta diferenza, aínda que moi significativa, elévase aínda máis, superando o 19%, cando a análise faise en termos de salario bruto, é dicir, cando atendemos tamén a variables como a xornada, modalidade de contrato ou complementos salariais. Os datos son abafadores, as mulleres galegas perciben a día de hoxe un salario medio similar ao que cobraban os homes hai 12 anos e a cantidade que deixan de percibir nun ano supera en Galicia os 2.000 millóns de euros, case 5.000 euros menos por muller traballadora. Detrás disto, hai un tecido laboral e produtivo pouco amable coas mulleres. Obsérvase, por exemplo, á hora de analizar os complementos salariais, moitos deles arbitrarios e que esconden un incisivo factor discriminatorio. A brecha nos pagos extraordinarios elévase aos 28 puntos.

A xornada tamén condena ás mulleres galegas a empregos peor remunerados. En Galicia hai 115.000 mulleres traballando a tempo parcial, fronte a 35.000 homes. Unha porcentaxe delas o farán de xeito involuntario, por non atopar outro emprego a xornada completa. E, aínda as que o fagan de xeito “voluntario”, en moitos dos casos, optarán por esta modalidade de contratación porque son elas as que na maior parte dos casos asumen os coidados de menores ou persoas dependentes a cargo, ou ben pola dobre xornada que as mulleres sofren coas tarefas do fogar que tamén na maior parte dos casos recaen sobre elas. Estes son dous exemplos, entre outros, de factores discriminatorios que merman a nómina das mulleres galegas mes tras mes e que teñen compoñentes empresariais e laborais pero tamén sociais, seguen a existir xeitos de proceder enraizados na nosa sociedade, obrigas que atan ás mulleres e que socialmente están asentadas pero que hai que empezar a cuestionar por parte de todos e todas se se quere falar dunha igualdade plena.

Ademais, non se pode esquecer que esta desigualdade retributiva presente arrástrase cara as pensións futuras e cara as prestacións no caso de entrar nunha situación de desemprego.

Que sucede no resto de España e en Europa? Pois en España, tamén son 34 os días ao ano de traballo gratuíto das mulleres, de media, pero hai diferenzas significativas entre comunidades autónomas. Galicia está na metade da táboa e hai autonomías como Asturias onde a brecha por hora traballada é do 14% ou outras, no outro extremo, como Estremadura, onde esta cifra non supera o 1%.

Na UE dos 27 as mulleres cobran por hora un 13% menos que os homes, de media. Isto equivale a 47 días de salario. Por este motivo, a Comisión Europea marca o 15 de novembro como un día simbólico para concienciar sobre o feito de que as traballadoras en Europa seguen gañando de media menos que os seus compañeiros. Pero dentro da Unión hai grandes diferenzas, destacan nos extremos países como Letonia, cunha brecha do 22,3%, e na outra cara da moeda, Luxemburgo, cunha diferenza salarial por hora do 0,7%.

Un reto grande

O reto está aí, é grande, pero hai que traballar xa entre todos e todas por eliminar estas diferenzas. En pleno século XXI ser muller ou home non pode ser un condicionante para soportar mellores ou peores condicións laborais e, por conseguinte, diferenzas salariais. Hai unha serie de medidas que urxe acometer, como a aprobación da Directiva de Transparencia Salarial porque, aínda que dende hai máis de 45 anos existe unha lexislación europea sobre igualdade salarial entre mulleres e homes, a brecha na UE segue a ser inaceptable.

Esta Directiva de Transparencia Salarial facultaría ás traballadoras a que sexa reevaluado o valor do seu traballo. Desde o Comité de Mulleres da Confederación Europea de Sindicatos, da que UGT forma parte, vimos participando ao longo dos últimos anos con campañas continuas para presionar á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e ao Consello da Unión, para que aprobe esta Directiva, que debe establecer os instrumentos necesarios para coñecer as discriminacións salariais no ámbito laboral.

A Eurocámara, a través das comisións de Dereitos da Muller e Emprego, quere que as empresas da UE, con polo menos 50 empregados, sexan totalmente transparentes en canto aos seus salarios. Para ese efecto, pretende impoñer a estas empresas a obrigación de informar sobre as diferenzas salariais entre homes e mulleres e prohibir o secreto salarial nos contratos de traballo.

A proposta da Comisión dunha Directiva de Transparencia Salarial desenvólvese co fin de reforzar a aplicación do principio de igualdade de retribución por un mesmo traballo ou traballo de igual valor entre homes e mulleres mediante a transparencia salarial e os mecanismos de aplicación.

Desde a UGT consideramos que, sen dúbida, a implantación desta norma comunitaria en todos os estados membros contribuirá a reducir a brecha salarial entre mulleres e homes.

En relación a España, contamos cun acordo de SMI que hai que seguir mantendo e reivindicando o seu incremento e cun Real Decreto sobre igualdade retributiva que debería permitir ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos plans de igualdade e os convenios colectivos. Ou ben a través das demandas ante a Inspección de Traballo ou ante os xulgados, xa que os rexistros retributivos, obrigatorios en todas as empresas e as auditorías salariais, obrigatorias para as que teñan plans de igualdade, serán probas para poder demostrar a discriminación cara as mulleres. @mundiario

Comentarios