Buscar

Mulleres, entre augas e entre fíos, unha mostra ben acaída

Alguén imaxina as praias galegas sen a figura encorvada, raño en man, dunha mariscadora que sementa, limpa ou extrae ameixa, berberecho, ...? 
Mulleres, entre augas e entre fíos, unha mostra ben acaída
Exposición Mulleres, entre augas e entre fíos.
Exposición Mulleres, entre augas e entre fíos.

Antón Luaces

Periodista.

Imposible, a día de hoxe, considerar a existenza dun sector marítimo-pesqueiro galego sen a intervención no mesmo da muller. Esta, sen idade, con todo o compromiso, enchendo ese sector da maxia pura do traballo rexo.

​Metida de cheo durante todo o ano no labor que desenvolve dende tempo inmemorial, a muller do mar de Galicia sae da auga e entra no fío e viceversa. Sempre.  E que dure, porque o día en que a muller do mar galega deixe de prestar os seus servizos no sector pesqueiro, ben se pode dicir que este tamén deixa de existir.

Alguén imaxina as praias galegas sen a figura encorvada, raño en man, dunha mariscadora que sementa, limpa ou extrae ameixa, berberecho, ...? É posible que calquera de nós se achegue a un porto pesqueiro e non vexa a una muller en pé ou semisentada tecendo e destecendo rombos, costuras, panos nos aparellos de pesca? Fáise posible pensar nunha conserveira na que as mans da muller non estean presentes no proceso de limpeza, de cocedura, de envasado do produto. sexa este peixe, cefalópodo ou marisco bivalvo?

Organizada pola Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, Muros –vila pesqueira por antonomasia– abriu de par en par as portas da vila a unha exposición que tributa rendida homenaxe á muller do sector marítimo-pesqueiro. Esa muller co molido á cabeza que levaba sobre esta a bacía de madeira coas capturas acadadas coas nasas; que levaba á cabeza o balde de zinc cheo de polbo para o vender na praza; esa muller que pola mañá ía á ata mentras non tiña quefacer na conserveira ou na salgueira; esa muller que alistaba os nenos para os deixar na escola antes de ir rañar na praia na percura de cuncha e que ao non haber marea aproveitaba para, na casa, botar man da cazola e preparar o xantar de todos (moitas veces o gando incluido)...

A muller, formando parte indisoluble da familia mariñeira, protagonista agora da exposición "Mulleres, entre augas e entre fíos", para enxalzar, si, o seu papel neste mundo que sempre foi de homes e no que a muller, quixer ou non, sempre desenvolveu un co-protagonismo que ninguén, aínda a día de hoxe, pode negar. 

Unha exposición ben acaída en Muros, onde a auga e o fío teñen carta de natureza. @mundiario