A mostra Rostros da Memoria. Ferrol 1972 permanecerá en Fene do 17 ao 31 de agosto

Cartel da mostra Rostros da Memoria. Ferrol 1972. / Mundiario
Cartel da mostra Rostros da Memoria. Ferrol 1972. / Mundiario
“É o momento de cumprir a débeda que temos os que hoxe desfrutamos da liberdade cos que por ela loitaron”, segundo Xurxo Lobato.
A mostra Rostros da Memoria. Ferrol 1972 permanecerá en Fene do 17 ao 31 de agosto

A Praza do 10 de Marzo, en San Valentín, acollerá ás 20:30h do mércores 17 de agosto -Día da Galiza Mártir- a inauguración oficial da exposición Rostros da Memoria. Ferrol 1972, un proxecto fotográfico e artístico de Xurxo Lobato en homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade de Ferrol do ano 1972, "que aínda están vivas e son merecentes dun recoñecemento público no ano do 50 aniversario dos asasinatos de Amador e Daniel".

A exposición -que permanecerá na praza até o 31 de agosto- está promovida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática. Trala súa estrea en Fene, a mostra percorrerá o resto de concellos integrados na entidade supramunicipal.

Rostros da Memoria. Ferrol 1972 está formada por 16 soportes autoportantes estruturados en catro cubos de 140x220cm, acondicionados para poder exhibirse o aire libre. Neles aparecen 30 retratos en primeiro plano realizados en branco e negro e cunha ollada "sobria, austera, minimalista e expresionista" á procura dunha mensaxe protagonizada polos rostros e o paso do tempo "para expresar a dor lembrada pola represión", explica Xurxo Lobato.

Segundo o autor, a mostra pretende renderlle homenaxe "ás persoas que coa súa loita polos dereitos democráticos e sindicais axudaron á chegada da democracia ao Estado español. A democracia ten unha débeda histórica con estas loitadoras e loitadores. Eles foron os protagonistas que axudaron a acabar coa ditadura".

Rostros da Memoria. Ferrol 1972

Para levar a cabo o proxecto, o fotoxornalista conseguiu localizar 30 personas que viviron en primeira persoa e como activistas os episodios de 1972, sendo consciente de que "hai máis, pero non foi posible dar con elas. Son todas as que están pero non están todas as que son". 

As fotografías de Lobato compleméntanse nos módulos expositivos con textos do manifesto da A.C Fuco Buxán e da Asociacion Memoria Democrática, así como coas achegas de Lourenzo Fernández Prieto -catedrático da Universidade de Santiago e coordinador do proxecto Nomes, Voces e Lugares-  e de Ánxela Loureiro, escritora e unha das historiadoras que máis afondou na investigación dos sucesos do 72 que resultaron na morte por disparos da policía franquista dos traballadores de Bazán Amador Rey e Daniel Niebla. Foi o 10 de marzo, que quedaría desde aquela marcado no calendario como Día da Clase Obreira Galega.

Xurxo Lobato, colaborador de MUNDIARIO, é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, Premio Artes Plásticas da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia en 2020 e Premio Ortega y Gasset de El Pais en 2003. Este novo proxecto fotográfico a medio camiño entre o documental, o histórico e o artístico, vén ser unha continuación do exitoso Rostros da Memoria do ano 2007 para o que Lobato retratou represaliados polo franquismo nunha proposta que percorreu os museos das sete cidades galegas. 

No Día da Galiza Mártir

Rostros da Memoria. Ferrol 1972 inaugurarase na Praza do 10 de Marzo o mércores 17 de agosto ás 20:30h, facendo coincidir o acto co Día da Galiza Mártir no que se lle rende tributo a todas as persoas represaliadas tralo golpe de Estado do 36 e durante a ditadura franquista, tomando como data de referencia o día en que foi asasinado o galeguista Alexandre Bóveda. 

Tal e como asegura Juventino Trigo, a coincidencia "ten para nós un grande significado porque Fene tamén foi escenario da represión fascista e franquista. O caso máis coñecido foi o do asasinato do alcalde Ramón José Souto González, paseado un día antes que Bóveda xunto con outras 14 persoas, pero hai moitos máis nomes e voces de liberdade que quedaron apagadas naquel momento ou reprimidas durante a longa noite de pedra, que volvería tinguir as rúas de sangue en 1972 cos asasinatos de Amador e Daniel. Calquera homenaxe que se lles renda é pouco e o máis importante é manter viva a historia e a memoria para que o pasado non se repita". 

O rexedor fenés propúxolle á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol o patrocinio de Rostros da Memoria. Ferrol 1972 demais de suxerir que a exposición fose itinerante, en primeira instancia, polos municipios que a integran. Tralo seu paso por Fene, onde permanecerá até o 31 de agosto, a mostra trasladarase a Cedeira e logo tamén se exporá en Ares, Cabanas, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. @mundiario

Comentarios