Buscar

Monarquía de sainete

Gozar de recoñecido prestixio internacional non é un valor que se poida comprar no mercado.
Monarquía de sainete
Juan Carlos I, xunto a Felipe VI. / Casareal.es
Juan Carlos I, xunto a Felipe VI. / Casareal.es

María do Carme García-Negro

Profesora de Economía.

Tratamos en máis ocasións do carácter da economía española que, sendo forte, padece cun Estado débil. E isto é sabido, por diversos feitos demostrativos, na Unión Europea.

Tamén constatamos que no seo dese clube comunitario as relacións interestatais son moi relevantes á hora de tirar vantaxes (ou desvantaxes, no seu caso) da pertenza á citada Unión. En fin, ter un Estado forte, poderse valer dunha representación no mundo que teña prestixio polo seu saber facer en economía ou en estratexia propria de alianzas, ten consecuencias económicas directas e outras derivadas que non van nunca á contra da corrente desexada de benestar. Mesmo as relacións internacionais deseñadas por un Estado forte e que se expresan en forma diplomática, comercial, militar ou cultural, conlevan unha serie longa de proveitos que sempre se traducirán de forma positiva para o conxunto do Estado.

O certo é que polas razóns que sexa, cada ano que pasa, en lugar de mellorar esa posición internacional en termos relativos, semella que se aprofunda nos erros do pasado e converten en inalcanzábel a meta do equilibrio entre potencia económica e potencia política, en Europa ou no mundo.

Nesta ocasión, para quedar máis en evidencia (quer dicer, para ter vergoña allea), contamos coa colaboración inestimábel do ex Rei: o penúltimo  Borbón actuando en modo avestruz e coa colaboración necesaria do goberno do Estado para perpetrar unha escena que, se non fose que ten consecuencias -e duras- para todo o Estado, podería pasar pola dun sainete dos irmáns Álvarez Quintero. Entre a morea de información desinformante que se usa, poderíamos comezar polo papel -penoso- do goberno central, nesta ocasión co PSOE á cabeza. A modo de parente pobre e vergonzante dun pacto constitucional que non obriga a ninguén a encobrir delitos, topamos co Presidente do Goberno declarando bobaxes do seguinte calibre: 1ª as conversas coa Casa Real son confidenciais. 2ª A Casa Real tomou a decisión…. 3ª Submétense as persoas a xuízo, non as institucións. 4ª Non coñezo onde está o Rei emérito…

Primeira trapallada: ninguén ten interese en coñecer as conversas de ninguén con ninguén e moito menos as “conversas de Pedro Sánchez coa Casa”:  quen fala pola “Casa”? Ou a “Casa” emite psicofonías?. Os cidadáns temos dereito a coñecer como o Presidente do goberno, en uso da potestade gobernativa que ten, obrigou ao Rei a tomar unha decisión que amañase un pouco a deterioración e burla internacional do encausamento en Suíza de Juan Carlos de Borbón. Temos dereito á información e á transparencia das actuacións, xa que o Rei non goberna nen decide nada en asuntos de goberno nen tampouco en cuestións desta natureza xudicial. 

Segunda. A Casa Real non decide nada por si soa. Unha cousa é que o Estado español teña pola Constitución forma de Reino, e outra que esa forma teña contido algún de poder executivo.

Terceira. As institucións non son formas sagradas de nada, e parte do seu contido decae polo cavorco do desprestixio, camiño da aniquilación, se as persoas que as compoñen son non desexábeis. Para que necesita un Xefe de Estado unha fortuna persoal amasada de forma inalcanzábel para calquer cidadán: quer dicer, grazas ao proprio feito da súa primacía.  A pergunta seguinte é: pensaba en que sería botado en algún momento? Era menos constitucionalista que os partidos políticos estatais?

Cuarta. Se o presidente dun país di que perdeu -polo mundo- ao antigo Xefe de Estado é que realmente temos un outro tipo de problema: o Presidente precisa estar mellor informado porque así non sabemos cara onde imos.

Aínda que só nos estivésemos referindo á parte simbólica das institucións, á parte relacional -non tanxíbel-, non por iso carece de importancia. Os símbolos e o contido  das súas expresións xogan un papel tan necesario como os proprios feitos obxectivamente valorábeis. Gozar de recoñecido prestixio internacional non é un valor que se poida comprar no mercado: non hai tráfico internacional de prestixio nada máis que para perdelo vía amantes avisadas, cazatas diversas ou fortunas mal adquiridas. Hai cousas que só lles pasan aos españois, mesmo aos que din respeitar a sagrada Constitución até para se esquecer da dignidade. @mundiario